sábado, 26 de decembro de 2020

Vento, ventiño, venteiro

 



GARCÍA TEIJEIRO, ANTONIO (2019). Vento, ventiño, venteiro. Ilust. María Lires. Vigo: Edicións Xerais, col. Sopa de Libros, nº 75, 56 pp. (ISBN: 978-84-9121-567-7).

     A obra escollida para a súa análise e que posúe moitas potencialidades para traballar na Educación Primaria é Vento, Ventiño, Venteiro escrita por Antonio García Teijeiro, un dos poetas infantís máis salientables da literatura galega na actualidade. A lectura desta obra pode aportar moitos beneficios ao alumnado, tanto a nivel de contidos, como a nivel emocional, ademais de descubrirlles e achegarlles o mundo da lírica dun xeito lúdico e fermoso polas ilustracións que acompañan aos diferentes poemas. Aínda que o libro está recomendado a partir de 6 anos, en 3º e 4º cuarto curso de educación primaria abrangue un grande abano de posibilidades para traballar co alumnado.

O formato desta obra é un libro de tapa branda de 20x13 centímetros, no que xa na cuberta podemos apreciar como un paraugas está a voar por mor de vento. Na contracuberta, atopamos un pequeno resume sobre o que tratará o poemario, acompañado da imaxe dunha gaivota, tamén intimamente ligado con este fenómeno atmosférico e co mar. Polas imaxes e polo título do libro, podemos inferir a temática sobre a que versará a obra.

Vento, ventiño, venteiro é un poemario composto por 30 pezas dedicadas ao vento. O libro comeza con tres poemas, tamén relacionados coa temática, de grandes persoeiros da literatura galega como Manuel María, Celso Emilio Ferreiro e Xosé María Álvarez Blázquez. Unha vez que nos mergullamos na lectura, podemos apreciar como o vento vai percorrendo diferentes mundos e situacións: por unha banda, o vento aparece no mar, acariñando as barcas, semellando o movemento que estas fan cando sopra o mesmo; tamén aparece na rúa, deixándoa baleira; xogando coas estrelas, o sol ou as nubes; ou soprando con tanta forza que fai caer as follas das árbores. Tamén se fai referencia a ventos que mecen os berces ou que pasan entre as mans; a ventos que xogan cos paxaros ou gaivotas que irremediablemente se rematan por namorar deles; a ventos mentireiros que contan contos ou trabalinguas nas cidades; ventos azuis que falan e xogan cos peixes; a ventiños que fan moverse ás árbores; a ventos cegos e tolos; a ventos do mar que abrazan as ondas; a ventos charlatáns e festeiros; a ventos que se visten con elementos da natureza; a ventos que soñan e que veñen e van; que contan estrelas ou ventos peregrinantes como aos que facía referencia Celso Emilio Ferreiro ao longo da súa bagaxe literaria. Debemos salientar o feito de que o vento e os distintos elementos que forman parte da obra aparecen de xeito personificado e os diferentes temas son tratados con humor a través das imaxes, do ritmo e do coidado da palabra.

É importante salientar que ao longo desta obra lírica, o poeta dedica varias composicións a escritores da actualidade, como Xavier Estévez, do que puidemos desfrutar das súas verbas no Ciclo de literatura “Ler sen tabús”; outra das pezas é dedicada a Fernando Alonso, un mestre e escritor de referencia da literatura infantil española, e un dos últimos poemas está dedicado ao gran Celso Emilio Ferreiro. Por outra banda, entre os diferentes poemas atopamos un sen rematar para facer partícipes de xeito activo ao alumnado ou ao lectorado que faga uso da obra.

As ilustracións deste libro, elaboradas por María Lires, aparecen sempre acompañando aos poemas e gardando estreita relación coa temática que trata cada un deles. Son imaxes modernas, expresivas, entrañables e suxestivas. Isto podemos aprecialo na ilustración da buguina cando fala do mar, nas herbas mesturadas co vento semellando voar, o tocadiscos cando se fai referencia ao baile e á danza, o vento entre os dedos de Antón, as gaivotas (elemento que aparece de xeito reiterado tanto ao comezo da obra, como durante o transcurso e incluso na contracuberta) pola súa estreita relación co vento, sobre todo naqueles lugares costeiros que é onde máis exemplares adoitamos atopar. Ademais, unha das imaxes fai referencia ao cadro do pintor Salvador Dalí, Os reloxos brandos, no que se fala do irremediable paso do tempo e incluso da morte. En todas as ilustracións o vento aparece de cor azul e podemos facer un percorrido a través do seu debuxo que nos guiará a través das páxinas de tan fermoso exemplar, posto que se fai coincidir con verdadeira precisión as ilustracións do vento dunha páxina coa seguinte; semella ser un camiño que temos que percorrer até chegar ao final da obra. A traxectoria do vento comeza na primeira páxina cando este sae da buguina, e remata a súa viaxe cando volve entrar de novo nela, na ultima páxina e como peche da historia. Por outra banda, as imaxes carecen de bordes negros para dotalas dun carácter máis infantil e para fomentar a imaxinación.

As potencialidades que nos ofrece a lectura de Vento, ventiño, venteiro para o alumnado de entre 6 e 12 anos son moitas. Primeiramente, o obxectivo principal é achegar a lírica á infancia e non só centrar as lecturas do alumnado no xénero narrativo. Deste xeito poderemos mostrarlles aos máis cativos a diferenza entre a prosa e o verso ou traballar sobre que sentimentos lles afloran tras ler os distintos poemas, as estacións do ano e as súas características (por mor do vento as follas das árbores caen) ou a natureza, a musicalidade e os xogos de palabras; tamén poderemos preguntar de que cren que trata cada un dos poemas, que sente o vento ou as personaxes que van interactuando con el. Co alumnado de máis idade podemos ensinar outros aspectos relevantes propios da lírica que están moi presentes ao longo da obra como a comparación, o símil, a rima asonante e consonante, a adxectivación ou a entoación. Ademais, o propio exemplar adxunta unha actividade para fomentar a creatividade do alumnado e que sexan eles mesmos os que rematen varias estrofas dun poema; deste xeito estamos facéndoos partícipes de xeito activo do libro  aumentando o seu interese polo mesmo e logrando que se mergullen na historia. De xeito transversal, poderiamos tamén empregar os poemas na área de Linguaxe Musical e buscar a melodía axeitada para cada un deles.

Por outra banda, cabe salientar o feito de que ao final do libro se inclúen dúas entrevistas coas súas respectivas biografías do autor, Antonio García Teijeiro, e mais da ilustradora, María Lires. A través delas, o alumnado poderá coñecer un pouco máis sobre a súa vida e, se cadra, interesarse por máis obras do autor ou da ilustradora. Nesas declaracións, García Teijeiro pon de manifesto o nefasto trato que recibe a lírica e considéraa fundamental na vida das persoas. Ademais, fala sobre o seu labor como docente e como os seus alumnos e alumnas atoparon satisfacción pola poesía; tamén incide en que o obxectivo principal do presente poemario é achegar a poesía á infancia. Tamén María Lires expón a gran diferenza existente entre crear ilustracións para obras narrativas ou poéticas e considera que a poesía aporta unha maior liberdade no seu labor como ilustradora. Co seu traballo nesta obra pretende transmitir a liberdade do vento, as cóxegas que nos fai provocando risas e que nos sintamos coma un paxaro a través de toda a lectura.

Para rematar, na rede existen recursos relacionados co exemplar, como un breve vídeo no que García Teijeiro, a través da manipulación dun monicreque e con cambios de voz, recita tres poemas do libro. https://www.youtube.com/watch?v=Syk_ZqHglYU

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...