luns, 11 de xaneiro de 2021

A caricia da bolboreta




VOLTZ, CHRISTIAN (2008). A caricia da bolboreta. Trad. Emma Lázare. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Demademora, [40 pp]. (ISBN: 978-84-84646-57-0)

      A obra que escollín titúlase A caricia da bolboreta, de Christian Voltz.

    No tocante ao formato de obra, trátase dun álbum ilustrado, impreso en papel, con tapas duras e composto de 40 páxinas. Na cuberta atópase o debuxo do protagonista que a ocupa case por completo, trátase dunha colaxe composta por materiais e utensilios que se poden empregar no día a día da vida no campo, como por exemplo un fío de ferro ou un anaco de leña. O título da obra sitúase enriba do debuxo e, inmediatamente debaixo, o nome do autor e ilustrador, mentres que o nome da editorial se encontra na parte inferior esquerda da cuberta. O fondo da cuberta é rosa claro e practicamente liso, agás na parte superior onde aparecen unhas flores azuis.

    As gardas do álbum simulan a terra do que podería ser unha finca ou unha horta e, carecen de texto. Por outro lado, a contracuberta está composta polo debuxo dunha muller camiñando, o cal se pode interpretar que é dunha avoa pola súa vestimenta, mentres que na parte inferior dereita da contracuberta se atopa unha regadeira feita cun candeado e un anaco de madeira. Na parte superior esquerda aparece o nome da colección “Demademora”.

    A portada da obra presenta un fondo liso, igual que o da contracuberta. O nome do autor, situado na parte superior esquerda, atópase enriba do título. O título aparece nunha tipografía engrosada e en maior tamaño. Na parte inferior dereita atópase o debuxo dunha regadeira, a cal semella estar feita con purpurina e da que sae unha bolboreta. Por último, o nome da editorial aparece na parte inferior dereita.

    A obra A caricia da bolboreta conta a historia dun avó e o seu neto ante unha situación de falecemento da súa muller e avoa. Aborda o tema da morte a través dunha metáfora, na que a pesar da desaparición a persoa querida segue moi presente na vida de ambos os protagonistas, simbolizada como unha axuda para coidar a horta. O tema da obra versa sobre a morte, unha temática interesante, xa que na literatura infantil e xuvenil é pouco habitual, ao resultar un tema complexo, incluso para os adultos.

    As ilustracións nesta obra aparecen a dobre páxina, o que ofrece unha maior amplitude de posibilidades dinámicas e estéticas, de maneira que o ilustrador posúe máis liberdade á hora de crear. O álbum ten moi pouca letra, mais nas súas páxinas recóllense orixinais ilustracións, onde os personaxes gozan dun alto grao de expresividade. As ilustracións simulan estar feitas en relevo, con materiais da natureza e obxectos de uso cotián, os máis empregados son: metais, madeira, fíos, paus e tea, mentres que a figura da avoa, se representa a través de debuxos en pintura azul, de maneira que o ilustrador mestura o debuxo coa técnica de estampaxe.

    Respecto ao texto, é importante destacar que podemos atopar unha gran variedade de tamaños na tipografía, na mesma páxina e incluso na mesma frase, facendo sobresaír os elementos que aparecen en maior tamaño. A tipografía aparece engrosada e non se fai uso de maiúsculas. Ademais, a súa posición varía en cada páxina adaptándose ás ilustracións. Ilustracións e texto están estreitamente relacionados. As ilustracións do álbum fan referencia ao texto de forma clara, xa que aquilo do que se fala aparece en primeiro plano e ademais, danlle vida ao personaxe da avoa que carece de voz. Tamén son empregadas para ampliar a información do texto, de maneira que aparecen elementos que axudan a comprender mellor cada situación que se recrea na realidade da obra.

    Por outro lado, entre as potencialidades de A caricia da bolboreta para a Educación Primaria cabe sinalar que permite traballar as relacións de parentesco, os sentimentos, a efectividade…ademais de aspectos como o traballo no campo ou o medio rural.

    Por último, dos recursos en liña sobre esta obra saliéntanse os seguintes:

A caricia da bolboreta. (s.f). Leoteca. Recuperado de: https://www.leoteca.es/libro/A-caricia-da-bolboreta/9788484646570

A caricia da bolboreta. (s.f). Dokumen. Recuperado de: https://dokumen.tips/documents/a-caricia-da-bolboreta.html

Centro Ramón Piñeiro . (2008). Informe de literatura. Santiago de Compostela. Recuperado de: http://www.cirp.gal/rec2/informes/upload/ver/inf2008/Informe_Literatura_2008.pdf


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...