luns, 11 de xaneiro de 2021

Orellas de bolboreta

 


AGUILAR, LUISA E NEVES, ANDRÉ (2008). Orellas de bolboreta. Trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Demademora, [32 pp]. (ISBN: 978-84-84646-62-4)

    En primeiro lugar, farase referencia ao formato da obra. Orellas de bolboreta trátase dun álbum ilustrado, impreso en papel, con tapas duras e composto de 32 páxinas. Na cuberta atópase unha imaxe da protagonista que a cobre case por completo xunto cunha bolboreta, o título da obra sitúase no centro da parte superior, o nome da autora á dereita e inmediatamente debaixo o do ilustrador, mentres que, o nome da editorial se sitúa gravado nun pequeno poste de madeira na parte inferior esquerda da cuberta. O fondo da cuberta está repleta de flores de todos os tamaños.
    As gardas do álbum son decoradas; simulan un ceo despexado, na parte superior deste obsérvanse numerosas bolboretas que seguen a Mara, da cal soamente aparece a saia e os pés. Debaixo, atópase un banco feito con ramas de árbore.
Por outro lado, a contracuberta está composta polas siluetas das flores, de maneira que deixan ver as cores (amarelo e verde) que se atopan debaixo, aínda que na parte inferior da contracuberta se atopan flores de distintas formas e cores, ao igual que na cuberta. Na parte superior esquerda aparece o nome da colección “Libros para soñar”.
    A portada da obra pódese dividir en dúas partes, superior e inferior. Na parte superior, atópase unha ilustración na que aparecen casas altas e estreitas, unha delas cun tres en raia gravado na fachada, ademais dun banco e unha árbore. Detrás das casas, un ceo de tons azuis e amarelos. Na parte inferior da portada a ilustración simula estar cuberta de pintura branca, gris e marrón e, catro bolboretas con pinceladas de cor azul. Na parte esquerda de dita ilustración atópase a información adicional da obra:
o título orixinal, o nome da colección, da autora, do ilustrador e da tradutora, así como os datos sobre a editorial do libro e o seu ISBN. Á esquerda, aparece novamente o nome da autora e o do ilustrador na parte superior e, máis abaixo no centro deles, o título. Por último, no centro inferior aparece o nome da editorial.

    As ilustracións nesta obra aparecen a dobre páxina. O álbum ten moi pouca letra, mais nas súas páxinas recóllense coloridas e traballadas ilustracións, nas que aparece Mara, a protagonista. Respecto ao texto, é importante destacar que varía a súa posición en cada páxina e que se produce unha repetición da mesma frase en todas elas, marcada co engrosamento da tipografía. Isto correspóndese coas burlas dos rapaces e rapazas. Ademais, a resposta de Mara aparece en dous tamaños distintos, tendo sempre a palabra “Non!” un maior tamaño.  
    Ditas ilustracións, fan referencia ao texto de forma clara, xa que aquilo do que se fala aparece debuxado en primeiro plano e incluso ás veces, sinalado por algún dos personaxes. Tamén, son empregadas para ampliar a información do texto, de maneira que aparecen elementos que axudan a comprender mellor cada situación que se recrea na obra. 
    Estas ademais, reflicten a diversidade cultural de nenas e nenos e as dificultades e miseria na que viven moitas familias inmigrantes. 

    Orellas de bolboreta conta a historia de Mara, unha rapaza que sofre acoso debido ao seu aspecto físico e á súa vestimenta, ademais de pola súa orixe.  Porén, esta situación de violencia é superada grazas á súa nai, que é capaz de facerlle fronte a través da imaxinación. 

    Por outra banda, entre as potencialidades de Orellas de bolboreta para a Educación Primaria, cabe sinalar que permite traballar a discriminación ou o acoso, facéndolle ver a nenas e nenos que estes comportamentos non se poden producir nin permitir. Para combater a discriminación é importante traballar conceptos como autoestima (clave para o desenvolvemento emocional e cognitivo), a positividade (para ver o lado bo das cousas e para adoptar novas perspectivas á hora de facerlle fronte aos problemas) e tamén, a imaxinación (moi relacionada coa creatividade). Ademais, a obra dá pé a outros conceptos como a diversidade cultural, xa que nela aparecen nenos de diferentes etnias.

Por último, dos recursos en liña sobre esta obra saliéntanse os seguintes: 

Taxi Roberto Burela (s.d.). Orellas de bolboreta (con Sara e Miranda - conto en galego). Recuperado de: https://youtu.be/2CmLNSrO3g4

Fátima. (2017). Orellas de bolboreta. [online]. Vilagarcía de Arousa: Ivoox. Recuperado de: https://www.ivoox.com/orellas-bolboreta-audiosmp3_rf_21080781_1.html

Profes Primaria Lar [Profes Primaria Lar]. (2015, Maio 5). ORELLAS DE BOLBORETA COLEGIO LAR [Vídeo]. Recuperado de: https://youtu.be/Je8Up76fu3E

O cuarto de Rosalía. (12 de abril de 2020). “Orellas de bolboreta” por Xoel [Mensaxe nun blog]. O cuarto de Rosalía. Recuperado de: https://cuartorosaliablog.blogspot.com/2020/04/orellas-de-bolboreta-por-xoel.html

Audición y Lenguaje. (6 de mayo de 2020). Hora del cuento: Orellas de bolboreta [Mensaxe nun blog]. Audición y Lenguaje. Recuperado de: https://albertnalg.blogspot.com/2020/05/hora-del-cuento-orellas-de-bolboreta.html


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...