martes, 12 de xaneiro de 2021

O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas

 

CARIDE, RAMÓN (2013). O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas. Ilustr. Jaime Asensi. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Sopa de Libros, nº 45, 96 pp. (ISBN 978-84-9914-461-0).


Libro ilustrado con texto de Ramón Caride, de tapa branda e cun formato de 200 x 133 mm, que conta cun número total de 13 ilustracións de Jaime Asensi. O libro está formado por 96 páxinas en total e custa aproximadamente entre 9 e 10 euros. A súa lectura está recomendada a un público infantil e xuvenil, dende os 8 anos de ideade e pódese atopar con outros libros da colección Infantil e Xuvenil “Sopa de Libros”, de Xerais.

Na cuberta pódese atopar a primeira ilustración de Jaime Asensi que continúa na contracuberta. Nela aparece o Capitán Aspanitas tentando capturar a un dos encapuchados e de fondo está a estrutura das Termas con vexetación ao seu redor, a cal continúa na contracuberta. Tamén aparece na parte superior da ilustración dos protagonistas do libro o nome da colección “Sopa de libros”, debaixo o nome do autor, o título e o nome do ilustrador. Ao seu carón, aparece a editorial Xerais e o logo da colección á que pertence o libro.

Na contracuberta volve aparecer o nome e o logo da colección á que pertence este libro, xunto coa idade de lectura recomendada e un breve resumo sobre a historia que contén no seu interior. Ademais, pódese observar novamente outra ilustración na que aparecen os outros catro protagonistas que forman o Equipo Aspanitas con rostros de sorpresa, de dúbida e cun móbil co que semella que buscan algo. É importante mencionar que, con esta pequena ilustración, xa se pode observar a diversidade que o autor busca que capte o lectorado, pois os diferentes nenos e nenas teñen características distintivas como o color da súa pel, por exemplo.

A cuberta e a contracuberta débense observar xuntas horizontalmente, pois xa aportan ideas ao lector acerca da historia que se narra no seu interior. Soamente co exterior do libro xa se aporta información visual ao lector sobre o que vai tratar o libro e quen son os seus protagonistas. Ademais, co propio título son capaces de entender que ao longo da historia búscase resolver un misterio e que a acción se vai desenvolver dentro da cidade de Ourense, concretamente, na zona na que se localizan as Termas da cidade.

Neste libro unha das principais protagonistas da historia, chamada Sabela, narra en primeira persoa como na cidade de Ourense as augas comezan a fluír e, de súpeto, deixan de facelo. Estes sorprendentes sucesos parece que están a ocorrer a partir de ordes calculadas por unha banda de encapuchados. Co obxectivo de descubrir quen se atopa tras estes estraños feitos, o Capitán Aspanitas e o seu equipo son quen se somerxen nesta grande aventura para poder resolver o misterio e descubrir a trama que se agocha tras estes acontecementos. Para iso, o Equipo Aspanitas unen os seus sinais: terra, aire, auga e fogo e coas mans xuntas reclaman a presenza do seu Capitán, con quen seguirán as diferentes pistas que atopen ata dar co xefe dos encapuchados. Finalmente, terán que enfrontarse a unha dura loita contra el, na que o grupo fortalecerá a súa unión e amizade.

En canto ao contido, chámame a atención o tratamento da primeira persoa por parte do escritor do libro, pois ao longo da historia, pero sobre todo nas primeiras páxinas, a narradora e protagonista Sabela diríxese continuamente ao lector e lectora, coma se se tratara dunha conversación entre ela e o lectorado. Ademais, é importante destacar como xa no primeiro capítulo é ela mesma quen trata a súa discapacidade e a dos seus amigos e amigas como algo normal e que os fai especial e únicos. Polo tanto, dende o inicio do libro, xa se deixan ver os valores que o escritor busca expresar como a diversidade e a inclusión.

A pesares de non tratarse dun libro con moitas ilustracións, as que aparecen ao longo dos diferentes capítulos permiten ao alumnado ter unha imaxe visual dos diferentes protagonistas e dos sucesos máis importantes da historia. É necesario mencionar a aparición de dúas grandes ilustracións nas últimas catro páxinas do libro que representan dous mapas: o primeiro é un mapa da cidade de Ourense, concretamente das diferentes rúas nas que terá lugar a trama; o segundo é un mapa da ruta das Termas de Ourense. Ademais, tamén aparecen cinco ilustracións diferentes en forma de ficha biográfica cunha imaxe e información destacada de cada un dos integrantes do Equipo Aspanitas. Polo tanto, grazas ás ilustracións do libro realizadas por Jaime Asensi e ao contido do libro escrito por Ramón Caride a lectura permite ao lectorado coñecer a fondo a cada un dos personaxes e integrarse dentro da aventura como un protagonista máis. Finalmente, en relación coas ilustracións do libro, mencionar que estas se caracterizan polo emprego de cores vivas e cálidas, nas que destacan o laranxa, o amarelo, o violeta ou o azul celeste, entre outras. Ademais, destaca un marcado realismo en canto aos trazos dos personaxes e á hora de representar as Termas, por exemplo.

Un dos principais criterios para seleccionar esta obra literaria foi que se trata dun divertido relato de aventuras que busca a inclusión. Isto pódese observar en que no proceso de creación do Equipo Aspanitas participaron persoas con discapacidade do Centro Especial de Emprego Aspanas Termal, promovido pola Asociación Aspanas da cidade de Ourense. Ademais, busca promover a actitude crítica do lectorado e incrementar a súa implicación social, neste caso a partir dunha aventura na que é necesaria resolver un caso para poñer fin ás inxustizas e buscar o ben común. O máis importante a destacar é a necesidade de visibilizar e integrar este grupo de persoas, ao mesmo tempo que se pretende difundir a súa actividade sociolaboral. É moi importante que, dende idades temperás, os nenos e nenas comecen a adquirir actitudes de tolerancia cos nosos iguais para garantir a igualdade.

Tamén é importante mencionar que se presta especial atención á cidade de Ourense e ás súas termas. Isto permite desenvolver unha trama que asenta en valores de integridade, tolerancia e solidariedade, xunto coa importancia do coidado medioambiental. Polo tanto, o espírito aventureiro compleméntase coa teimosía coa que está exposto a sustentabilidade medioambiental e os valores mencionados anteriormente.

En resumo, é un libro que chama a atención por razóns literarias e extraliterarias. En primeiro lugar, polo deseño dos seus personaxes protagonistas que xorde do traballo creativo de persoas con discapacidade vinculadas á Asociación mencionada anteriormente e entre os que perfila un respectuoso dereito á diferenza. E, en segundo lugar, que outorga un claro protagonismo á cidade de Ourense e presta grande atención ao termalismo, desenvolvendo posibilidades ecolóxicas e de lecer.

No seguinte enlace aparece o blog “Bibliosabidiña” da biblioteca do CEP Altamira en Salceda de Caselas, que contén a experiencia do alumnado de 4º de Educación Primaria durante a presenza dun contacontos que lles leu este libro para levar a cabo a animación da lectura: Bibliosabidiña (24 de marzo de 2014). Animación á lectura: contacontos [Entrada en blog]. Blog da Biblioteca do CEP Altamira. Recuperado de: http://bibliocepaltamira.blogspot.com/2014/03/animacion-lectura-contacontos.html

Ademais, neste outro enlace, aparece unha entrevista a Ramón Caride Ogando onde conta coas súas palabras información de interese, tanto persoal, como da súa obra.

PINAL, Sabela (2012). “O peor desta provincia é que se está indo xente moi preparada”. Recuperado de: https://www.laregion.es/articulo/entrevistas/peor-desta-provincia-indo-xente-moi-preparada/20121025094159222399.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...