NÚÑEZ MARISA (1999). A cebra Camila. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora, 32 pp. (ISBN: 978-84-8464-126-0).
Libro ilustrado de tapa dura, de tamaño mediano e de formato cadrado. O papel das páxinas é groso e brillante, o que facilita a súa manexabilidade. As ilustracións son numerosas, ocupan toda a páxina e aparecen entrelazadas coa letra que relata a historia.
Na cuberta atópase a protagonista do conto, a cebra Camila, enmarcada cunha especie de círculo onde pode verse escrito o título da obra. Arredor desta estampa apreciamos un ton marrón, que simula un papel de reciclaxe e que estará presente como fondo de cada unha das páxinas do libro. A portada ten unha estrutura similar á da cuberta, pero coa diferenza de que a figura da cebra Camila é substituída por un fondo que simula a pelaxe das cebras, con tons brancos e negros e co título do libro, que ocupa case todo o espazo interior do círculo que o enmarca. A contracuberta tamén ten como fondo ese ton marrón que semella un papel de reciclaxe e o único que se encadra dentro é un pequeno debuxo no centro. Trátase dun círculo co interior pintado de verde de maneira homoxénea e por riba súa, un caracol.
No transcurso da historia podemos apreciar diferentes escenas. As ilustracións de tódalas páxinas representan e amplían a información do texto, o que se achegaría á definición dun álbum ilustrado. Este é un libro ilustrado, pois as imaxes amplían a información do texto e se as retiras o texto perdería parte do sentido.
O argumento da obra xira en torno á historia da cebra Camila. A súa nai sempre lle dicía que non saíse da casa sen o seu cueiro e os seus tirantes pero ela desexaba deitarse nos lameiros sen esas prendas tan axustadas. Un día decidiu saír sen seguir os consellos da súa nai e o vento arrebatoulle as súas raias. Chorou sete bágoas e por cada unha, un agradable animaliño deulle unha “raia”: un anel nunha pata, unha listiña de prata, un remendo azul, unha arañeira de tul, unha corda de violín e, por último, unha bonita fita na melena que lle puxo a súa nai ao regresar.
Todas as imaxes son a cor e a toda páxina, entrelazadas coa letra que relata a historia. Conforman un esquema visual que axuda a comprender a trama do libro. Chama especialmente a atención a presenza de Camila na totalidade das páxinas, o que a converte no punto de mira e foco de interese principal na historia.
Entre as potencialidades da lectura desta obra cabe citar a identificación do lectorado agardado coa protagonista, polo feito de ser unha cebra personificada de curta idade, o que espertará moito máis interese que se fose doutra franxa xeracional. A súa situación faraos entender a importancia de seguir os consellos dos seres queridos, tratando, ao mesmo tempo, conceptos como a amizade, a solidariedade ou a empatía.
Todo isto poderase aproveitar para traballar nas diferentes áreas. Deste modo, en valores, poderemos presentarlle ao/á neno/a a importancia da empatía cos seus iguais, o valor da amizade e da solidariedade, así como a importancia de medrar cunha educación axeitada para garantir unha boa convivencia. Na área de ciencias naturais, introducirase ao neno ou nena no mundo animal. Na área de matemáticas poderanse traballar os números do 1 ao 7, correspondente a cada unha das bágoas que chora Camila e ás respectivas raias que os animaliños lle dan. Así mesmo, o número sete senta as bases para a aprendizaxe doutros conceptos como os días da semana ou as cores do arco da vella. Na área das artes plásticas e visuais, partindo da base dos diferentes materiais e cores de cada unha das raias de Camila, trataranse as texturas e as tonalidades. Por último, no ámbito das ciencias sociais, o alumnado poderá verse a si mesmo como un ser social, dentro dunha comunidade, con normas, principios e valores.
Entre os recursos de acceso aberto sobre a obra seleccionaría catro deles polo seu interese. O primeiro recurso trátase dunha presentación audiovisual do libro. A cebra Camila.wmv. (2011, 4 maio). [Vídeo], en YouTube, recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=F_kT0gM8eis; o segundo recurso consiste nunha representación teatral do conto nunha aula de Educación Primaria: A cebra Camila. (2016, 27 abril). [Vídeo], en YouTube, recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=4gKMAfVe2lM; o terceiro e último recurso é unha plataforma online do conto en galego con diferentes xogos e actividades interactivos. Martínez, A. A CEBRA CAMILA, en CEIP de Pazos, recuperado de: http://centros.edu.xunta.es/ceipdepazos/Ana/LIM/ACEBRACAMILA/camila.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario