venres, 1 de xaneiro de 2021

Chocolata

Co principal obxectivo de levar a cabo esta recensión crítica e aprender máis sobre diferentes propostas de lectura para a miña futura profesión, coñecendo ao mesmo tempo novos autores, decanteime esta vez por unha escritora de relevancia no eido da literatura infantil, Marisa Núñez, e por un dos seus álbums ilustrados máis coñecidos, Chocolata, o cal lle brindou no ano 2008 o Primeiro Premio Internacional do Libro Infantil.

O motivo que me levou a escoller este exemplar foi a curiosidade que tiña por ler algunha obra desta autora, en concreto algún álbum ilustrado, pero sobre todo porque me chamou moito a atención cando o vin na biblioteca, tanto polas súas ilustracións como tamén porque me transmitiu intriga e ganas por saber o que contarían as súas páxinas. Así, previamente á análise dos diferentes elementos que conforman este libro e á miña posterior valoración, presento a continuación a súa ficha bibliográfica, para coñecer en profundidade as súas características principais.


NÚÑEZ, MARISA (2006). Chocolata. Ilust. Helga Bansch. Pontevedra: OQO, col. O, [32 pp.] (ISBN: 84-96573-62-1).


A lectura que presento trátase dun álbum ilustrado de 25x23 cm, cunha encadernación en cartoné de tapa dura e, polo tanto, constituído por tres partes externas básicas: cuberta, contracuberta e lombo. Na cuberta podemos observar e analizar elementos de grande importancia que nos achegan moita información da lectura, como por exemplo: o título, que aparece en maiúsculas e en cor marrón escura, os nomes da autora e a ilustradora na parte superior dereita, o nome da editorial e unha ilustración, na que podemos ver unha hipopótamo cun vestido rosa, unhas zapatillas ao seu carón e unha gaivota cunha mochila, a cal parece a súa amiga. Cabe destacar que a imaxe se representa con cromatismos marróns, representando así coa cor do chocolate o título da obra, e que nela destaca a personaxe principal, que aparece en gran tamaño e de cor escura, resaltando sobre un fondo máis claro, ao igual que o título.

En canto á contracuberta quero resaltar varios elementos novos con respecto á cuberta, na que aparece o nome da editorial, o nome e a icona da colección O e o ISBN, acompañado do código de barras para identificar a lectura dunha forma máis rápida e adecuada, que aparecen un debaixo do outro na marxe superior dereita. Ademais disto, nesta parte aparece de novo unha ilustración con relación á historia, unha bañeira cun bikini colgando, representando a imaxe outra vez nun ambiente de tons marróns achocolatados sobre un fondo máis claro e un chan representado a través dunha colaxe de diversas formas e cores marróns que inciden no significado do título e a protagonista.

No que se refire ao lombo do libro non hai moito que destacar, pero podemos dicir que esa parte se aproveita para poñer a etiqueta de identificación da biblioteca pertencente á obra, ademais de estar ilustrada de novo coas cores antes mencionadas.

Para rematar co formato, falarei agora do interior da obra, podendo dicir que, segundo abrimos o libro, aparece un CD. Este elemento ten moita importancia debido a que fai do álbum ilustrado un álbum interactivo; nel recóllense varias actividades para levar a cabo nun soporte dixital e interactuar e relacionar dese modo texto e imaxes, e tamén mundo físico e dixital. Algunhas das actividades que se propoñen a través deste recurso son obras de teatro, gravacións da lectura da obra, debuxar os personaxes ou facer un cómic.

Por outro lado, en canto ás gardas do libro, cabe destacar que a modo de colaxe se representan a hipopótamo, zapatos, roupa, a gaivota e algún personaxe máis da historia. Estas representacións son realizadas a partir da técnica do debuxo e utilizando diferentes trazos e formas que aluden en certo modo á forma de debuxar dos nenos e nenas cando son pequenos. Cabe resaltar que estas ilustracións teñen certa inspiración africana debido a que se expresan diferentes rostros humanos encarnados nos animais da selva, o que lle transmite humor á narración.

Nas seguintes páxinas vemos a información editorial e, de novo, o título da obra, situados estes sobre un fondo branco para destacar e unha ilustración onde vemos á gaivota sentada nunha maleta, algo que nos pode dar pistas do que pode pasar. Ademais, cabe destacar que o tipo de letra que utiliza a autora é dun tamaño grande; utiliza as maiúsculas para expresar diálogos de importancia, así como para chamar a atención do lector, e a cursiva para introducir algunha característica dalgún personaxe e aqueles apuntamentos que vai facendo o narrador. A maiores, cabe resaltar que acompaña toda a historia de ilustracións coloristas, coas que fai unha gran combinación de cores e reproduce moi ben as accións que se levan a cabo no conto, algo que penso que lle será de grande axuda ao alumnado que está comezando a ler para facilitarlle a comprensión da lectura.

Seguindo co argumento desta obra, podo dicir que trata a historia de Chocolata, unha hipopótamo que vive na selva cos seus amigos e á cal lle gusta moito bañarse. Así, cando o seu amigo Teófilo lle di que na cidade hai uns baños estupendos, non dubida en ir acompañada da súa amiga gaivota. Cando chega alí, séntese estraña entre a xente, xa que van vestidos, polo que ela entra nas tendas e compra un vestido, unhas zapatillas e un bikini. Cando remata de facer as compras vaise bañar nunha bañeira estreita, pasa a noite nun hotel de tres estrelas e, ao día seguinte, cómpralle un libro a Teófilo porque lle encanta contar contos e facer monadas. De volta na casa, Teófilo óea chegar e chama a todos os seus amigos. Recíbena con moita alegría e gozan todos dun baño en barro. Finalmente, cando chega a noite, o moniño cóntalle un conto a todos e ese conto aparece representado nas ilustracións c como a propia obra Chocolata.

Polo que respecta ás potencialidades que eu traballaría a partires desta obra, quero destacar que é unha lectura óptima para aqueles nenos e nenas que están comezando a ler (1º ou 2º de Educación Primaria) e que a enmarcaría nun centro do rural. Unha vez situado nese ambiente, centraríame no traballo de temas como: os hábitos dos humanos na sociedade, o valor da amizade, o significado que poden chegar a ter as ilusións dentro da nosa vida e tamén o fomento de experimentar, porque a través da nosa experiencia logramos unha aprendizaxe significativa e activa. Cabe resaltar como unha das potencialidades máis relevantes o feito de que se pode ler tanto polo texto como polas imaxes, tendo así unha grande adaptación a todos os alumnos/as, o que nos daría a oportunidade para traballar a lectura incluso con nenos e nenas con dificultades específicas na lectura.

Deste modo, poderíanse traballar estándares de aprendizaxe como por exemplo: comprender a información máis relevante de textos sinxelos, utilizar a biblioteca de aula e a de centro, amosar curiosidade pola literatura infantil en galego, traballar os temas citados anteriormente a través dos seres vivos, realizar actividades en grupo e individuais sobre a lectura, usar fontes de información sinxelas etc. Por outra banda, cabe resaltar que en concreto esta obra introduce no transcurso da historia outros recursos literarios en galego como poden ser A cabra boba, A bela durminte, Cocorico, a través dos cales tamén se podería traballar co alumnado.

Para rematar, despois de investigar pola rede, quero destacar o traballo do colexio Luis Vives de Ourense, facendo referencia ao plan lector co que contan e a todas as actividades e accións educativas que promoven para fomentar a lectura nos máis pequenos. Neste caso, a través da Luviteca, un blog educativo no que van colgando todas as actividades, recursos literarios e iniciativas que propoñen: as bolsas viaxeiras, a radio escolar, o club de lectura e todo o que se desenvolve ao seu redor.

Ademais, é importante destacar que podemos atopar moitos recursos na rede sobre a propia obra. Como exemplos destaco aquí o CD que inclúe o conto en físico, un vídeo no que unha profesora conta o conto a través dun vídeo de YouTube e a canción con conto en galego. Por último, presento o seguinte stopmotion sobre a obra, o cal me parece moi creativo e atractivo para animar aos nenos/as a descubrir a historia de Chocolata en papel, no que se nos mostra unha adaptación da mesma.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...