luns, 11 de xaneiro de 2021

Muriel

 



Canosa, María. (2018). Muriel. Ilust. Lucía Cobo. Vigo: Xerais, col. Merlín, serie verde, nº 264, 185 pp. (ISBN: 978-84-9121-274-4)

O libro presenta unha encadernación rústica, cun total de 185 páxinas. Na cuberta temos ocupando todo o seu espazo, ademais dos datos básicos da obra, unha ilustración a cor. Nela móstrasenos un neno ollando con decisión, cara á dereita do noso libro. Este pequeno, que xa intuímos que será o protagonista, sitúase enriba do fociño dun raposo moito máis grande (outro personaxe importante na historia), e detrás deles só percibimos un ceo nocturno cheo de estrelas. Outro detalle importante que se nos repetirá ao longo do conto é a bufanda a cores que o neno leva arredor do pescozo, un obxecto que se nos mostrará outra vez na última ilustración que posúe o libro. Ademais da ilustración, preséntasenos na parte superior o nome da colección e nun cadro branco xusto debaixo desta, o título do libro, o nome da autora e, cun tamaño de letra máis pequeno, a autoría das ilustracións. Por último, na esquina inferior esquerda temos o nome da editorial, Xerais.

No lombo do libro, de arriba a abaixo, están escritos o título da obra, o nome da autora, o número dentro da serie e o logo da editorial sobre un anaco do lombo de cor verde, o que nos dá tamén a información sobre a idade recomendada da obra. Na contracuberta preséntasenos unha breve sinopse da historia, o recoñecemento de gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2017, o nome unha vez máis da editorial e na esquina dereita e escrito en vertical, a idade recomendada, neste caso de 9 anos en adiante.

As gardas aparecen en branco e, despois da portada, coa mesma organización que a cuberta, móstrasenos un breve poema escrito pola propia autora cando tiña 5 anos, xunto cunha foto dela. Un detalle, na miña opinión, moi interesante para incluír no inicio dunha obra infantil.

O argumento da obra xira arredor de Muriel, o neno que lle da título ao libro. Preséntasenos o personaxe trala morte da súa avoa, entristecido, solitario e cun comportamento completamente melancólico. Non obstante, a partir da aparición dun estraño leiteiro unha noite, a súa vida cambiará radicalmente, ao igual que a súa visión da realidade. Nesta historia aparecen multitude de valores e de ideas que serán de grande interese para traballar cos nenos e nenas, todo mentres se nos narra unha historia moi tenra.

A idade recomendada para ler esta obra é de máis de 9 anos, xa que ten unha prosa coidada e requintada que esixe unha competencia lectora afianzada. E a nivel contextual, esta obra poderíase traballar tanto nun contexto urbano coma noutro rural, non obstante pode ser de maior interese nun urbano. Isto sucede porque o protagonista vive nunha vila pechada, gris e monótona e a compara numerosas veces coas diversas aldeas situadas ao seu redor cheas de luz e de cores. Esta mesma comparación poderíase levar á aula e pedirlle ao noso alumnado que reflexione sobre a vida na súa cidade e que a compare co que se describe na obra.

Antes de explicar as potencialidades do libro é necesario describir as ilustracións que van aparecendo ao longo da historia. Na obra temos un total de 5 ilustracións a páxina completa, pero o número é moito máis amplo para a multitude de debuxos que acompañan cada capítulo, representando doutra forma o que se nos explicou nun inicio con palabras. Estas cinco ilustracións fan referencia a momentos claves que fan evolucionar ao noso protagonista, dende o neno desconfiado que bota de menos a súa avoa, ata o rapaz que consegue facer fronte a cada obstáculo que lle xurda.

Como mencionei anteriormente, a trama principal de Muriel é a viaxe de superación da perda da avoa a través do descubrimento do misterio do leiteiro. Pero ademais, durante toda a obra, aparecen distintos temas de relevancia.

A potencialidade máis clara para traballar en Educación Primaria é o tratamento da morte e sobre como tratar os efectos que deixa tras de si. Durante toda a obra, a avoa do protagonista permanece presente, pero a actitude do neno cara a ela termina cambiando, deixando só un sorriso cada vez que aparece polos seus recordos. Outras potencialidades poderíanse extraer a partir de diferentes ideas que se van mencionando durante toda a historia. Algunhas das máis interesantes son as seguintes: romper os estereotipos asociados a cada xénero (dise explicitamente en varias ocasións que non hai ningunha cousa ou ningún nome que sexa pertencente aos nenos ou ás nenas), o poder das historias para coñecer cousas nunca vistas (aínda que Muriel nunca saíra dos muros da súa vila, era quen de imaxinar lugares que nunca ollara grazas ás historias da súa avoa) e, presente en toda a obra, a importancia das palabras e dos lazos que conseguen unir as persoas, concluíndo o propio libro remarcando esta idea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...