domingo, 31 de xaneiro de 2021

Celtia Figueiras: un boleto de ida á vila de Monicrequelandia

 




Celtia Figueiras naceu en 1986 en Esteiro, unha vila pertencente á comarca de Muros e Noia. Xa dende ben pequena emerxeu o seu interese polos libros; comezou a ler a idade moi temperá e en preescolar xa dominaba perfectamente esta destreza e era incapaz de deitarse cada noite sen ler un anaco, aínda que fosen cinco minutos.

 Na escola da súa infancia, o CEIP Ricardo Tobío, Celtia cóntanos que coñece a Xosé Agrelo, mestre de teatro durante toda a súa Educación Primaria e Secundaria. Cando lle preguntamos como cre que Agrelo influíu na súa formación, coméntanos que foi a persoa que espertou nela a súa paixón polo teatro e que deixou a súa pegada durante toda a súa vida. Participou con el en numerosas obras teatrais, tanto na escola como no instituto, e, unha vez falecido, o seu fillo púxose en contacto con ela para que representara unha das obras de Agrelo cos seus monicreques.

 Comezou os seus estudos superiores de Historia, pero o destino fixo que unha noite na “Sala Yago” de Santiago de Compostela os títeres se cruzasen no seu camiño e, irremediablemente, quedou absolutamente abraiada e prendida deles. Todos os domingos acudía para ver as obras que alí se representaban cheas de dozura, picardía, aventuras e misterios que como ben di ela “facían voar a miña imaxinación e avivecían as ansias de volver aos escenarios”. Comezou escribindo historias para títeres para anos máis tarde involucrarse tamén na montaxe.

 En 2007, Celtia mais o seu amigo e compañeiro Luis Vallecillo, fundan a compañía a Xanela do Maxín. Ambos deciden escribir unha obra de títeres de xeito afeccionado: crearon os monicreques, ensaiaron, elaboraron a escenografía, e casualidades da vida, a asociación do seu pobo, Esteiro, ofreceulles realizar unha representación desa obra. A partir deste momento, a vida de ambos cambia radicalmente e deciden formarse, estudar e dedicarse profesionalmente a este ámbito, no que seguen a traballar a día de hoxe. Celtia garda especial recordo da primeira obra que realizaron como compañía profesional, Chincha Rabincha, posto que foi a que lle permitiu entrar no mundo profesional das marionetas e a que lle cambiou a vida por completo.

         Ao longo da súa traxectoria profesional, ten realizado obradoiros para espallar os seus coñecementos tanto a mestres, como a rapaces e rapazas ou mesmo na propia rúa para os viandantes. En 2018, impulsada e animada pola súa nai, decide escribir e publicar os seus propios contos, deixando atrás a súa idea preconcibida de que os contos que ela escribía só eran para escoitar e non para ler. Coa publicación de Cantamos? (2018), decátase de que deste xeito as súas historias poderían chegar a máis xente e, a día de hoxe, podemos engadir títulos á súa lista como Pasando a bóla, Ula Lúa? e O Apalpador e a Nena sen Medo, e de seguro, moitos máis que están por vir.

            Deste xeito, podemos dicir que Celtia é unha persoa polifacética que salienta no mundo do teatro, dos títeres e tamén da escritura infantil galega.

Celtia Figueiras foi unha lectora empedernida dende ben cedo. Cando lle preguntamos cal foi o libro que máis a marcou, cóntanos que  foi Momo, de Michale Ende, do que lembra exactamente as emocións que sentiu cando o estaba a ler e os profundos sentimentos que afloraron cando o rematou. Como lectora, afirma que hoxe en día, non podería escoller un xénero literario determinado, posto que se mostra afín con todos eles, pero si salientaría o seu gusto pola novela histórica; recordemos que comezou os seus estudos na carreira de Historia antes de que os monicreques aparecesen na súa vida. Cabe salientar que dividimos a entrevista en dúas vertentes claramente diferenciadas: por unha banda, a súa faceta como titiriteira (formación, funcións, materiais, actuacións…) e, pola outra, centrarémonos no seu labor como escritora infantil.

A nosa entrevistada cóntanos que a formación dos titiriteiros en Galicia é algo moi complexo, pois, aínda que existe a Escola Superior de Arte Dramático, esta só se encarga de formar actores, actrices, dramaturgos ou directores, pero non titiriteiros. Foi unha dificultade moi grande coa que se atopou cando quixo comezar a súa formación, posto que na nosa comunidade autónoma non existen sitios onde formarse adecuadamente. Por todo isto, a primeira persoa á que Celtia acudiu para que lle ensinara o oficio e a creación dos monicreques, foi Jorge Rey, pertencente a unha das compañías máis antigas de Galiza, Títeres Cachirulo, e que previamente xa traballara durante máis de 30 anos con Monicreques de Kukas. Anos máis tarde, Celtia comezou a formar parte de UNIMA (Unión Internacional de Marionetistas) e grazas a isto entrou en contacto con moitos persoeiros dos títeres tanto do ámbito nacional como internacional. Cabe salientar figuras que marcaron a súa traxectoria como Toni Rumbao, catalán dedicado ao títere tradicional, tamén titiriteiros arxentinos moi interesantes como Miguel Ollarzun, da compañía Chon Chon, que foi o encargado de ensinarlle os trucos e texemanexes dos títeres de luva ou compañías teatrais como La gotera de la azotea. Tamén debemos salientar a súa formación para conseguir as diferentes voces para as personaxes; dedicou tres anos da súa vida a formarse e traballar este ámbito xa non pola complexidade que pode supor o cambio de voces, senón para non amolar as súas cordas vocais, posto que nunha actuación adoita pasar de sons moi agudos a outros moi graves e viceversa, polo que require dunha preparación previa da voz.

Dende o ano 2007, as artes escénicas son a súa única actividade ininterrompida. Reparte o seu tempo entre a súa compañía teatral e a burocracia, o que lle deixa pouco tempo para a súa parte máis artística: ensaios, coordinación de artistas, desenvolvementos das dramaturxias… Aínda así, intenta dedicar unha hora diaria á escritura ou á creación de monicreques. Se ben é certo que este é o seu día a día, tamén existen situacións excepcionais, como a publicación da súa última obra, Pasando a bola, no que estivo escribindo de xeito intensivo durante oito, dez ou doce horas diarias. Posto que ten que compaxinar o seu labor como nai con todas as actividades citadas anteriormente, cre que as mellores ideas xorden ao final do día, cando está máis cansa. Por outra banda, para poder escribir ou realizar os títeres necesita calma, harmonía e paz mental; moitas veces pasa por situacións complicadas ou sofre inquedanzas que complicar a súa labor, polo que pódese considerar o estado de ánimo como un factor fundamental para desenvolver o seu labor.

Así mesmo, ante a nosa pregunta sobre de que material están feitos os títeres, Celtia expón que os seus monicreques e a escenografía están elaborados de distintos materiais como teas, plásticos, gomaeva e moitos materiais de refugallo; de feito, na súa obra O Murmurio do Mar, recolleron lixo das praias para crear as personaxes e o escenario; considera que esta experiencia foi moi enriquecedora pola pequena aportación que fixeron para coidar o medio ambiente e transformar ese lixo nalgo creativo, pero tamén moi deprimente pola cantidade de sucidade acumulada nas praias galegas.

 Ao longo da súa traxectoria actuou en variedade de lugares, coma teatros, auditorios, escolas e mesmo na rúa, mais cando lle preguntamos sobre que contexto prefire, considera que tódalas experiencias son enriquecedoras e teñen aspectos positivos. Por exemplo, cando actúa fronte a poucas persoas despois podese quedar a conversar con eles, sendo así unha práctica máis próxima, mentres que cando actúa para un gran público é marabillosa a enerxía que percibe de todo o público. Ademais, desfruta moito as súas actuacións nas escolas, sobre todo cando se realizan para todo o centro escolar posto que a interrelación entre o alumnado de maior idade e o de menor, é moi interesante. Tamén nos conta que ten levado a cabo experimentos interxeracionais, entre nenos e maiores, posto que considera estas experiencias moi enriquecedoras. Ante a situación de pandemia provocada pola Covid-19 que estamos a vivir, bota en falta o feedback directo cos rapaces e rapazas, así como os obradoiros onde o contacto é maior.

 Neste sentido, ante a nosa pregunta sobre que en Galiza existe tradición e grupos especializados como o Festival de Redondela, e como ve ela o panorama actual, Celtia considera que a última década foi moi cambiante. Cando comezou no mundo dos títeres, en 2007, existía moita riqueza artística e cultural que foi o que impulsou o seu traballo con tanta forza, participando en festivais como o Festival de Redondela; non obstante, coa crise económica as programacións descenderon notablemente e as novas compañías non podían manterse. Nos últimos dez anos mudaron moito as políticas culturais; por exemplo, durante o tripartito produciuse un afloramento cultural, máis tarde volver descender… Hoxe en día, os festivais máis emblemáticas seguen a realizar funcións malia as circunstancias que estamos a vivir, como o Festival Internacional de Títeres Galicreques, que se leva a cabo en Santiago de Compostela e está dirixido por Jorge Rey, o impulsor da propia Celtia.

 A propia Celtia recoméndanos Un tesoro en nuestras manos, obra de Enkarni Genua, na que se explica como empregar os títeres na docencia ou na psicoloxía. Unha característica fascinante que teñen os títeres é que chegan de xeito diferente aos rapaces e rapazas, comunican e transmiten de xeito diferente e tamén son recibidos de xeito distinto. Na súa experiencia traballando con nenos e nenas ou mesmo coas súas fillas, sempre que existe unha cuestión que lles custa contar, que non se atreven ou que teñen temores, emprega un títere e os rapaces ábrense con maior facilidade. Isto é unha grande responsabilidade para ela e procura ter moito coidado e tino co que transmiten os seus monicreques sendo sempre  sensible con todas as realidades existentes.

 Centrándonos agora na súa faceta como escritora, esta comezou en 2018 impulsada e animada pola súa nai. A súa preferencia pola literatura infantil xorde cando formou a compañía teatral Xanela do Maxín, a mesma que provocou que recuperara o seu interese polos libros infantís. Con todo, dende 2007 até 2018, as ideas foron fervendo na súa testa e por fin se decidiu a elaborar obras para nenos e nenas, pero nunca deixando de lado o seu labor como titiriteira ou contacontos. Ante a nosa pregunta sobre cal foi o primeiro libro que publicou e cando, expónnos que o seu primeiro libro Cantamos?, creouno en colaboración co seu compañeiro Luis Vallecillo, e xurdiu cando este último ía producir un disco e Celtia propuxo crear un conto para acompañalo. Esta obra foi representada durante moito tempo e ademais, o libro publicado inclúe dous CD’s coas cancións de Luis, un CD con Celtia como contacontos e tamén pictogramas para que teñan acceso a el nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo. Cando lle preguntamos sobre autores ou autoras nos que se inspirou para escribir as súas obras, cóntanos que estas son unha conxunción de todos os libros e autores que leva lido ao longo da súa vida. Por outra banda, confesa que o seu libro Ula lúa? (2018) posúe gran cantidade de trazos autobiográficos; nesta historia, a gatiña que quería viaxar, ser libre, ter amigas para xogar e dar a volta ao mundo e saír dese lugar no se sentía pechada, representa á propia Celtia, os seus desexos e inquedanzas cando era cativa. Ademais, no resto das súas obras Pasando a Bóla (2019) e O Apalpador e a Nena sen medo (2019) conteñen tamén trazos propios, sucesos que lle aconteceron e que marcaron a súa vida e, incluso, persoas que coñece.

 É tamén en 2018 cando decide crear Guindastre Edicións, editorial coa que pretende mover e transportar a cultura a todos os recunchos. A mesma editorial é a encargada de publicar os seus exemplares. Ademais de Guindastre Edicións, cóntanos que para dar a coñecer o seu traballo emprega diferentes canles como internet, o seu blog persoal ou os medios de comunicación, aínda que, sen dúbida, o máis efectivo é o boca a boca entre as familias.

 Ante a nosa cuestión sobre como afecta a Covid-19 no seuu labor, expresa que a súa situación laboral cambiou drasticamente: onde antes un teatro ou auditorio podía acoller a 300 persoas, agora son 50. Este feito provoca que gran parte do público quede fóra da cultura e non poida desfrutar da mesma, aínda que queiran facelo; ademais, fai fincapé en que é moi duro enfrontarse a todos os espazos baleiros cando estás a actuar. Con todo, todos desexamos que a situación mellore o máis pronto posible para poder retomar as actividades e que os pais e nais poidan seguir levando aos seus fillos a estas actividades tan enriquecedoras e que fomentan activamente a lectura.

 Ante a nosa pregunta sobre se considera importante a labor docente e familiar na formación de lectores competentes, Celtia considera que a función de ambos é fundamental. Por unha banda, os mestres e mestras deben fomentar e animar, pero nunca impoñer; o fracaso na lectura vén dado pola imposición de obras non adecuadas á idade ou de exemplares que non interesan ao alumnado. Ademais, estima que o actual sistema educativo non ten en conta en moitas ocasións o individualismo nin as preferencias ou necesidades do alumnado. O rol das familias é igualmente importante; é necesario que propoñan materiais e recursos, que nas casas os rapaces poidan atopar exemplares aos que acudir cando están aburridos e considera fundamental non obrigarlles a rematar unha historia que non lles gusta. Por outra banda, entende a imaxinación e a creatividade como unha parte fundamental na lectura que hai que traballar e darlle a importancia que se merece, posto que sen elas os rapaces e rapaces non serán capaces de introducirse por completo nas historias. Ademais, cando lle preguntamos sobre posibles estratexias para a animación á lectura no noso labor como futuras docentes,  Celtia opina que as mellores estratexias que podemos empregar son o desenvolvemento da imaxinación e da creatividade, encarándoos cara os libros e a lectoescritura; traballando estes dous ámbitos chegará o desfrute pola lectura; tamén fai fincapé en tratar temáticas de interese para o alumnado tendo en conta a súa idade, aínda que a calidade artística ou literaria das obras non sexan perfectas, xa chegará ese momento, pero o importante é facer que se prendan da lectura.  Por isto, fai uns anos creou o obradoiro Imaxinar tamén conta, no que se centraba no fomento e desenvolvemento dos aspectos anteriores.

Cando lle preguntamos se considera importante para a formación de futuros lectores e lectoras que as escolas conten con profesionais coma ela, para a nosa entrevistada, a formación integral do individuo pode obterse a través do teatro; considera que é unha materia completa posto que abarca a parte artística, a pintura, a escultura, a escenografía… Para esta última son necesarias as matemáticas, o cálculo, a xeometría… Tamén se traballa a literatura porque debemos coñecer obras literarias para o seu correcto desenvolvemento; deste xeito, tamén se traballa a lingua ao escribir os guións correctamente; con todo, todas as materias que veñen incluídas no currículo se poden traballar empregando o teatro como metodoloxía: a educadora ou o educador son actores e actrices que están aí para guiar a outros actores e actrices (alumnado) que serán dramaturgos, matemáticos, lingüistas, etc.

 Xa para rematar, Celtia cóntanos que na actualidade se atopa traballando nun proxecto que sairá á luz en 2021 e que se atopa intimamente relacionado con Eduardo Blanco Amor. Que será? Estamos desexando coñecelo!

Enlaces de interese: 

Enlace á entrevista:

https://drive.google.com/file/d/1bnyxPk_l9q7uTB3zMgNSsV1mGOLVNkm5/view?usp=sharing

Enlace ao blog de Celtia:

http://celtiafigueiras.blogspot.com/



 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...