Psicoloxía a través da lectura.
Visión dende o punto de vista da psicoloxía da importancia das emocións e da súa xestión a través da lectura.
Descrición da entrevistada:
A nosa entrevistada é Paula Rodríguez Álvarez, nada en Ramirás, Villavidal o 17/04/1984.
Comezou a súa etapa escolar aos catro
anos, na escola unitaria de Villavidal, seguindo os pasos da súa nai. Estivo
tan só ata os seis anos xa que a escola pechou definitivamente por falta de
alumnos, no último ano que Paula estivo alí, eran tan só cinco alumnos.
Logo pasou ó colexio público Rogelio García Yáñez, do
Picouto, Ramirás, alí cursou toda a EXB ata os catorce, cando pasou a estudar
ao IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova, alí rematou a ESO e fixo o
bacharelato de ciencias da saúde.
Motivos de realización da entrevista:
O principal motivo de
realizar esta entrevista foi continuar coa temática elixida para a realización
da biblioteca de aula, as emocións. Que mellor forma de tratalo que
entrevistando a unha profesional do campo que pode falarnos dende a
profesionalidade, tanto de emocións como de lecturas que ela mesma aplica nas
terapias.
Partíamos coa vantaxe de
saber que Paula podía resolvernos moitas das cuestións expostas, xa que as tres
somos veciñas do mesmo concello. Ao coñecela persoalmente atraíanos moito, xa
que nos interesaba saber e coñecer máis sobre ela como profesional.
Pensamos que é importante resaltar a
necesaria formación sobre a xestión emocional, e a través desta entrevista
esperamos aprender como ensinar a nenos e nenas a ter unha boa educación
emocional a través de métodos como a lectura, que tamén pensamos que é algo
básico ao longo da etapa educativa e, por suposto, fóra dela.
- Que é o que máis che
gusta do teu traballo?
- O que máis me gusta do meu traballo, sen dúbida é a satisfacción que dá axudar a alguén. Digamos que é a máxima expresión da compaixón, a compaixón ben entendida, non pena, se non que ti empatizas con alguén, intentas poñerte na súa pel, aínda que nunca das claro, e buscas como axudalo, e cando chega a un punto de resolución, a alegría que esa persoa ten, é compartida. Iso encántame, tender a man, é o máis bonito do ser humano e o máis gratificante que hai.
Para min as terapias son unha aprendizaxe mutua, ti tamén aprendes dos teus pacientes, ademais cada terapia é distinta.
-Por que decidiches dedicarte á psicoloxía?
- Realmente, porque eu tamén estiven aí, dese lado, aí descubrín a psicoloxía. Nese momento non me atraía, de feito, renegaba dela, eu non era nin maior de idade, foi ó chegar o bacharelato cando me empezou a atraer moito máis, de feito, a miña primeira idea era psiquiatría pero despois enganchoume máis a psicoloxía, gústame moito máis a parte máis humana e menos médica.
-Tes valorado a posibilidade de prepararte no campo da psicoloxía infantil?
- Realmente cando estiven traballando no punto de atención a infancia, que foron dez anos, tiraba de todos os coñecementos que tiña da psicoloxía infantil. E tamén, por vontade propia, fixen todas as materias de libre elección todas na miña carreira pero de distintos campos para ter un pouco un coñecemento de todo, agora estou máis centrada sobre todo nas terapias de terceira xeración e na psicoloxía etnocentrista.
-Que é a psicoloxía etnocentrista?
-É un grupo de intervención psicolóxica en catástrofes e emerxencias, pertence ao Colexio de Psicólogos de Santiago, haino en todos os colexios de España, pero no de Galicia chámase ICE. O que facemos é intervir cando hai algunha catástrofe ou emerxencias, o exemplo máis claro e un dos que máis impacto tivo foi o accidente de tren en Angrois, alí traballou o ICE, eu daquelas aínda non pertencía ao grupo. Intervense durante as primeiras 72 horas, digamos que fas un pouco de parachoque emocional, para que os problemas que veñan despois non se agraven aínda máis, nós intervimos cando hai vítimas estamos co entorno que hai arredor, por exemplo, acompañas a alguén no duelo, despois xa seguen as súas terapias normais pode ser contigo, ou non, ti non podes ofrecerte, si queren contactan contigo farano. Agora mesmo, hai menos de 40 psicólogos en Galicia que pertenzan ao ICE e realmente son moi poucos. A día de hoxe no que máis se intervén é no Covid.
Continuando coa pregunta, non, claro que non descarto formarme máis sobre a psicoloxía infantil, xa que este traballo require estar en continua formación.
-Cales son as principais diferenzas entre terapia infantil e terapia para adultos?
-Considero que a gran diferenza é a importancia de saber a quen tes diante, sempre tes que entender ao paciente, pero nos nenos é de vital importancia. O nivel evolutivo dos nenos non é o mesmo que o de un adulto co que podes falar de procesos cognitivos, e cun neno, non, por exemplo.
Por iso me gusta tanto traballar cos nenos a través do deporte porque podes axudalos da mesma forma, sacándoos do formalismo do despacho. Xa que a psicoloxía segue a ser un tabú, tenme pasado que cando atendo a algún neno, os pais intentan ocultar que estivo aquí, e logo tamén hai casos nos que os pais mandan ao neno e non lle din nin quen son nin para que está aquí.
Os pais son os que máis prexuízos teñen e os que más etiquetan as cousas, eu persoalmente renego das etiquetas, en adultos aínda pode pasar, pero en cativos o de dicir… ti es… ti tes… non pode pasar.
Eu, os psicólogos, estamos para axudar e é moi importante que o saiban.
- Cales cres que son os trastornos ou problemas mais comúns que se dan a día de hoxe nos nenos e nas nenas?
- Máis que trastornos, diría que o problema máis común é a mala xestión das emocións, isto ten consecuencias graves, xa que cando os nenos senten algo que saben que non está ben, non saben como expresalo.
Deixando a un lado as patoloxías, psicopatoloxías, trastornos… o que máis se dá nas baixas idades son os medos, as fobias, a ansiedade infantil, a baixa autoestima… Pero como xa mencionei antes, non debemos etiquetalos, hai que explicarlle que están pasando por unha situación atípica, pero eles non son esa situación, por exemplo, o problema do etiquetado levou a que fai uns anos moitos nenos foran diagnosticados co trastorno de déficit de atención e hiperactividade (TDAH), sen selo. Simplemente precisaban dalgunha corrección da súa conducta pero sen precisar medicación nin moito menos.
- Pensas que a Covid puido agravar algúns destes problemas?
-Si, traballando durante o confinamento noteino, pero algúns problemas si que é certo que se agravaron ao empezar o cole.
No confinamento atendín algún neno e nena que non estaba en terapia e outros que xa estaban e si que se incrementaron os seus medos, fobias e inseguridades. O non ver a ninguén, o estar pechados, iso afectou moito aos cativos.
Outro tema que non trataba habitualmente e pasou a ser do que máis tratei, foi a adicción ao uso de tecnoloxías, o problema xa estaba aí pero incrementouse notablemente. Antes, había horas nas que non podían xogar con videoxogos porque estaban no colexio, pero ao desaparecer as obrigacións, o ocio pasou a ocupar a maior parte do tempo.
Pero é verdade é que outros problemas se solucionaron, como a falta de atención que algúns cativos necesitaban, isto para moitas familias foi bo, e fíxoos reflexionar.
-Cal é o papel dos pais na súa detección?
-É moi importante, está claro, pero non deben alterarse, é imposible que non se preocupen porque son os pais, pero é vital que teñan unha boa comunicación cos fillos para poder detectar posibles trastornos ou problemas.
Hai adultos que non teñen en conta a opinión ou o que din os nenos simplemente polo feito de selo, isto leva a situacións como dar por sentado que ao neno lle pasa algo e antes de falar con el, que é o protagonista, falan coa familia, cos mestres ou incluso con médicos. É importante manter a calma, falar cos fillos e si é necesario acudir a un profesional.
Eu estou moi orgullosa e sempre o estarei de que meus pais cando eu tiña 13 anos, notaron que tiña un problema, e antes de precipitarse ou rifarme o que fixeron foi, falar comigo, intentar entenderme e levarme ao psicólogo, a miña etiqueta era anorexia nerviosa, pero o problema radicaba na autoconfianza. Por iso, cando alguén acude a min, e me di, non sei que facer, sempre digo que o primeiro paso xa está feito, pedir axuda, e non é nada malo necesitala.
Así, como vedes, no meu caso o papel dos pais na detección do problema foi vital, eu soa non me ía decatar de que precisaba axuda
-Cóntanos, cal é a importancia dunha boa xestión das emocións? Cres que se debe traballalo cos nenos e nenas as emocións dende idades temperás?
-É algo básico e fundamental, e por suposto que se debe traballar cos nenos e nenas, o día que haxa unha materia obrigatoria de xestión emocional asegúrovos que fago unha festa.
Eu emprego moito cos nenos un libro sobre emocións, O Emocionario, ademais gústame tanto que sempre o regalo aos pais e nenos do meu arredor, é un manual moi interesante que ademais contén actividades para realizar, pero hai moitos máis, dende que Daniel Goleman comezou a falar de intelixencia emocional foron moitos os que comezaron tamén a investigar nese campo.
A nos ninguén nos ensina a xestionar as emocións ata que comezamos a ser máis adultos e somos conscientes do que nos ocorre. O típico é que de pequenos nos din que temos que esconder as emocións, non chores, son rias tan alto... os adultos que din isto fan o mesmo, e nos cremos que é o que está ben, e non é así, co san que é que si o teu fillo te ve chorar, lle expliques que é o que pasa, e que entenda que esa situación vai mudar, o que sinte é tristeza pero logo se vai a pasar, así vai entender que as emocións non son nin malas nin boas, simplemente ocorren e son totalmente normais.
As emocións van e veñen, son como un balón que afundimos no auga, podémolas esconder e non asumir, pero sempre están aí, en canto soltes o balón aparecen de novo. É básico saber nomear o que estas sentindo, unha vez o fagas, tes que interpretar o porqué, sen cuestionalo nin analizalo, simplemente saber o que estás sentindo sabendo que como ven, vaise.
Todas as emocións son importantes, e ningunha emoción é mala, por exemplo, si non tiveramos medo, cruzaríamos a rúa sen mirar.
-Pensas que en xeral e na actualidade a infancia ten dificultade á hora de xestionar as súas emocións?
-Si, moita, como mencionei anteriormente, aprendemos que non se deben expresar, quítaselle importancia, e imos crecendo, saímos da zona de confort, e cando chegamos a adolescencia, por exemplo, que empezamos a buscar a nosa identidade, hai unha parte que é a emocional que incluso a queres chegar a ocultar, porque pensas que é unha parte de ti que a sociedade recoñece como auténtica e pensas que debes seguir uns cánones e cumprir unhas expectativas e por iso as ocultas.
Como consecuencia diso, hai moitas situacións e conflitos internos que non saben como manexalos correctamente, así xorden problemas como o que me sucedeu a min, a etiqueta foi anorexia nerviosa, e o problema era a falta de autoestima e de autoconfianza que non o tiña nin elevada nin traballada e volveuse na miña contra e busquei un mal recurso, pero como eu con 13 anos ía saber que o que me pasaba era que non me sentía válida nin capaz, segura, eu pensaba que era do físico e non o sabía eu nin o saben agora.
Hai que ter en conta que normalmente detrás dun mal comportamento, por exemplo, hai algunha explicación, non podemos xulgar a ese neno como alguén que se porta mal sen pensar en porqué o fai, debemos afondar no tema e xeralmente, sempre hai algo máis, algo que o incomoda e por iso actúa desa maneira.
É moi importante traballalo dende pequenos para evitar estas situacións.
-Cres que a lectura favorece en moitos aspectos o desenvolvemento dos nenos e nenas?
-Sen dúbida, fainos pensar por si mesmos e razoar, considero que os libros son como as terapias, o aprendizaxe é mutuo, ao mesmo tempo estás recibindo información e creando outra nova, canto máis leas, máis variedade de pensamento terás. Hai unha frase moi boa de Unamuno, que agora non recordo moi ben, pero que dicía algo así como: Canto máis libros leses máis fácil para ti vai ser pensar.
A lectura é moi útil tamén para a mellorar a expresión e tamén para ampliar o vocabulario, de feito penso que é unha forma moi válida e sincera para aprendelo, se ti les moito terás moita facilidade para expresarte.
- Que opinas sobre o desenvolvemento das emocións a través da lectura? Cales destacarías?
-É necesario traballar coas lecturas, xa sexan sobre as emocións como tal, ou non, calquera libro que leas terá algo que ver coas emocións. Na miña opinión, hai que facer que os nenos lean máis, considero que é un tema pendente dos pais, xa que nas escolas sí que fomentan moito máis a lectura.
O debate que se crea unha vez les o libro é moi enriquecedor, cando les unha historia, e te identificas, ábrese un amplo mundo de debate.
Eu como psicóloga, nas terapias recomendo algún para despois poder falar del, sempre busco tirar dalgunha historia na que haxa emocións, para que a través do libro se identifique e se exprese.
Ultimamente para traballar con adolescentes e pre-adolescentes estiven lendo uns libros que creo que son os que se están traballando estes últimos anos na ESO. Sempre que lle mando algunha lectura a un neno eu tamén o leo para logo falar del e tamén para saber si llo podo recomendar, as lecturas das que falo son Irmán do vento, Corazóns de Xúpiter, 22 segundos; estes libros para falar das emocións con pre-adolescentes están xenial.
Irmán do vento fala do conflito de Iraq pero non che fala do que ves nas noticias, nesta historia exprésanse unha chea de sentimentos. Outros falan sobre como es no instituto e como cres que te ven os demais, a partir diso abres o debate, moito mellor que dar unha charla.
Moitos len por obriga sen afondar na historia, pero se o fas de seguro que estes libros che farán pensar. Eu recordo un libro que lin na escola, penso que estaba empezando a ESO e veu ao instituto a propia autora e claro aquilo era como “Bua, que pasada”, firmounos o libro e eu gárdoo con moito cariño, ademais de firmalo, debuxoume un bonequiño; recordo que estaba moi emocionada, o libro chamábase ¡Pásmate, Merche!, de Fina Casalderrey, ese libro marcoume moito, para min foi moi emocionante porque me encanta que me firmen os libros. Tamén teño a firma de Daniel Goleman, que conseguín na Coruña nun congreso sobre a educación emocional.
Pero a primeira vez que sentín a satisfacción de que un autor che firme un libro foi con ela, con Fina, encantoume aquela escritora, contounos un montón de historias, eu estaba fascinadísima, tiña 11 anos, podo decir que a partir dese momento empecei a interesarme polos libros
Gústame moito coñecer novas lecturas, eu vou moito aos foros emociona, sobre a educación emocional e sempre traen libros, algúns moi comerciais, outros non tanto, pero a min o que me gusta é comentalos cos autores, sempre che gardan ese ratiño para que ti poidas ir a firmar e charlar un ratiño.
Adoro os libros que che fan indagar nas emocións indirectamente, a lectura para o desenvolvemento das emocións é fundamental.
-Para ti, que é o máis importante a ter en conta polas persoas adultas que son as mediadoras entre a infancia e a lectura?
-É moi importante saber que os adultos son o modelo a seguir dos nenos pequenos, fan o que os adultos fan, tanto o bo, como o malo. Si te ven todo o tempo co móbil na man, seguramente pensen que non está mal facelo, pero, si te ven cun libro na man…
De feito, eu recordo ao meu pai, que xa fixo 63, sempre cun libro na man, a día de hoxe ségueo facendo, e claro iso eu vino e sempre me inculcou ese amor e gusto pola lectura.
Os adultos somos un espello no que se poidan reflexar e somos nos quen os temos que entender a eles. Eu incluso, para poder chegar a un neno que lle encantaba a Historia, chamei a un amigo graduado en Historia, deume recursos de Youtube, libros e con iso xa tiña medio camiño andado para chegar a el, porque a partir diso tiramos por outras cousas.
Falando de libros… agora mesmo, estou facendo unha gran biblioteca na miña casa, e para min, mirade a miña obsesión cos libros, penso que todo vai a xirar en torno a ela.
Acórdome que cando traballei no xardín da infancia había un libro que tiña moito afán entre os nenos, O pito cairo, e a verdade é que non sei por que pero tiña un exitazo; e tamén recordo outro libro que gustaba moito, Elmer.
- Respecto á autoestima, que grao de importancia ten para asegurar unha boa xestión das emocións?
-Realmente, unha vai sobre a outra, porque si eu non sei xestionar as emocións, voume percibir como alguén incapaz, non válida para facelo, entón a idea que vou ter de min non vai ser positiva, co cal a miña autoestima, vai ser moi baixa.
Si eu teño unha baixa autoestima seguramente as emocións vounas percibir dunha forma incontrolable, é dicir, si teño baixa autoestima e ademais me pasa algo que me fai sentir moi triste, sentireime moito peor, todo vai conxuntamente.
A nivel psicolóxico, si non tocas a autoestima, tocas a autoconfianza, si tocas a motivación, vas tocar a confianza, sempre é así, si tocas as emocións vas a tocar a condición superior, é dicir vas tocar a forma de entrar e de razoar, porque cando un sabe xestionar as emocións, o famoso control dos pensamentos, que non existe, dáche igual, os pensamentos veñen e van e xeran emocións, é o seu proceso natural e non pasa nada, simplemente que estou vivo, iso é que o nosos cerebro está funcionando.
- De que forma traballarías ou traballas como psicóloga a correcta xestión das emocións? Empregas algún libro de lectura cos teus pacientes? Si é así, cal e porqué.
- A xestión das emocións para min, é un dos pilares da terapia, porque é o que máis coñecemos e o que máis nos está complicando a historia. Cada terapia é un mundo pero hai básicos que sempre teñen que tratarse, ese é caso da xestión das emocións, dependendo de si son nenos, podemos traballalos a través de xogos ou de historias. E cos adultos normalmente fago terapias cognitivo-conductuais, nas que traballamos a parte emocional e a parte conductual onde o paciente sempre é o protagonista, digamos que nós somos os guías pero o protagonista é o paciente, as emocións trabállanse a través do autorexistro, da auto-observación e introspección.
É moi importante deixar claro que non funcionamos mal, simplemente non estamos empregando a forma correcta e iso nos pode estar prexudicando.
Si que traballo a través da lectura, cos nenos emprego o Emocionario; cos preadolescentes, como vos dixen, emprego libros que vou lendo e vou recomendando, o último que lin foi Caperucita en Manhattan e Invisible para os nenos da ESO. Para os adultos emprego bastante os libros que tratan a ansiedade, xa que xeralmente abarcan calquera tipo de emoción.
Dos que quito historias son de Jorge Bucay, nos seus libros sempre hai pequenas historias que fan reflexionar. Eu non quero caer no tema da autoaxuda que pouco axuda, hai libros de autoaxuda moi bos, pero hai outros libros que igual lelo agora e é un subidón pero despois quédaste peor. Eu de autoaxuda o que máis recomendo é a Bucay, tendo moi en conta que non podes solucionar un problema lendo un libro, debes complementalo con terapia.
Respecto a psicoloxía deportiva, o básico que recomendo a todos os adestradores é o libro de Phil Jackson, Once anillos, no libro mesturase o liderazgo e a mentalidade zen. E para os deportistas e as deportistas recomendo Open de Andrea Agassi, e o de Andrés Iniesta La jugada de mi vida, porque sen facelo directamente, cóntanos como el aínda estando ao seu nivel, pasou unha depresión.
- Que outros métodos ademais da lectura recomendas?
-A relaxación por suposto, a relaxación muscular, relaxación diafragmática, e o adestramento na atención plena, para min ambas son tan importantes como lavar os dentes, algo que fagamos habitualmente. Para xestionar as emocións, debemos manter ese equilibrio entre elas, saber que veñen e van, e iso tamén debería ser algo que aprenderamos dende pequenos. Pero xa vos digo, a relaxación, atención plena e lectura deberíamos facelo todos. Para min a lectura e a escritura son unha terapia.
Nuria Rodríguez Gil
Nerea Salgado Ferreira
Ningún comentario:
Publicar un comentario