A obra que escollín para realizar esta recensión é a de Os soños na gaiola de Manuel María, coas ilustracións de Noemí Lopez.
Manuel María e Noemí López (2016). Os Soños na gaiola. Outeiro de rei, Lugo: Fundación Manuel María de Estudos Galegos, 70 pp. (ISBN: 978-84-942893-6-1).
Este libro nada máis miralo decatámonos de que presenta un formato apaisado e as tapas brandas e suaves. Esta obra está composta por unha serie de poemas que están creados para ler a soas, en familia ou entre amigos/as. Na cuberta atopámonos cunha imaxe que axuda a inferir algunhas das temáticas que abordan os 49 poemas que hai no libro. O título aparece na parte superior da cuberta, encima do nome do autor do libro. Xusto debaixo, observamos unha persoa cunha gaiola na man, nesta imaxe podemos observar como escapan animais e obxectos que son os títulos de diferentes poemas. Na parte inferior da cuberta aparece o nome da ilustradora e a editorial.
Na contracuberta atopamos unha breve explicación dos poemas que contén a obra e o obxectivo que se busca con esta serie de poemas. Xa na portada observamos na parte superior o título da obra máis o nome do autor, na parte inferior o ano de publicación coa editorial e no centro o nome da ilustradora cun debuxo da gaiola que dá título á obra.
Respecto ao formato do interior do libro, podo dicir que en cada poema aparece unha ilustración que fai referencia ao título do poema. Estas ilustracións, creadas por Noemí López, están compostas especialmente para o alumnado de Educación Primaria, fomentando o interese pola lectura.
Este libro consta de 49 poemas que percorren o mundo infantil galego con composicións sinxelas, de marcado ritmo musical e nas que se canta a inocencia do mundo da infancia en contacto coa natureza. Estes poemas sepáranse en diversas temáticas que fan referencia ao contido dos poemas que aparecen de seguido. O libro comeza con dous poemas dedicados a Galicia, o primeiro que leva o mesmo nome, é unha especie de exposición dos principios sobre o noso país para os nenos/as. De seguido, co epígrafe de “O mundo”, aparecen poemas cos seguintes títulos, “O sol”, “As estrelas”, “A lúa”, “O arco da vella”, “O mar”, “O río” e “O vento”. Estes poemas tratan de diversos fenómenos naturais que temos no noso mundo. Por outra parte, aparece o epígrafe “As cousas” cos seguintes poemas, “As campás”, “O barco”, “O chifre”, “O muíño”, “O ourizo”, “A fouce”, “O bolo”, “O foguete”, “O carro”, “O tractor” e “O arado”. Neste epígrafe, aparecen estes poemas que tratan de diferentes utensilios e vehículos que se utilizan en Galicia. O seguinte epígrafe é “Os homes, nenos e nenas” é o título global onde entran “O labrego”, “O soñador”, “O afiador”, “A festa do patrón”, “Os xogos”, “O lume novo”, “O pastor”, “A boneca” e “A roda-roda”. Este epígrafe trata de diversos xogos tradicionais e diferentes profesións do campo. Por último, aparecen dous epígrafes dedicados aos animais: “O año”, “A bolboreta”, “O caracol”, “A pita choca”, “A vaca”, “O burro”, “A lebre”, “O galo”, “O gato”, “O lobo”, “O grilo”, “O corvo”, “O merlo”, “O carrizo”, “O escribinte”, “As andoriñas”, “O pazpallar”, “O cuco”, “O pardal” e “As pegas”. Neste último epígrafe, os poemas tratan de moitos dos animais que temos en Galicia e moitos cerca da nosa contorna.
As ilustracións complementan o que nos quere contar o texto. En cada un dos poemas aparece unha ilustración que fai referencia ao título do poema, estas ilustracións son conceptuais, debido a que son representacións do que trata cada poema. Sobre estas ilustracións cómpre salientar que a ilustradora fai uso de moitas cores, tanto brillantes coma escuras, que dan unha énfase que axuda a comprender o contido do poema.
Entre as potencialidades da lectura desta obra dirixida ao público infantil de entre 6 e 12 anos, cómpre destacar que estes poemas serven como instrumento eficaz para afirmar o uso da nosa lingua entre as crianzas galegofalantes ou para aproximar afectivamente a ela a aqueles nenos e nenas que aínda non a falan. Por exemplo, os dous primeiros poemas tratan explicitamente sobre Galicia, dándolle unha idea das costumes e da nosa cultura. Considero que os poemas son algo moi importante para os nenos e nenas nesta etapa, xa que estimulan a memoria auditiva, visual e a rítmica. Os mestres e mestras temos un papel moi importante, xa que non é nada sinxelo espertar ese gusto pola lectura no alumnado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario