xoves, 7 de xaneiro de 2021

O neno can


 


 

Casalderrey, Fina e Francisco Castro (2014). O neno can. Ilust. Patricia Castelao. Vigo: Galaxia, col. Libros singulares e fóra de colección, 61 pp. (ISBN: 978-84-9865-431-8).


A obra escollida para esta recensión foi O neno can, escrito por Fina Casalderrey e Francisco Castro. O libro é de tapa branda, cunha cuberta na que aparece unha ilustración dun neno, protagonista dun dos capítulos, acompañado do seu can. Pola súa banda, a contracuberta mostra un pequeno texto que reflicte un breve resumo do libro, acompañado dun código de barras. Presenta unhas dimensións 24,5 x 13,5.

Esta obra é un libro de relatos que trata temas relacionados coa infancia, en particular a denuncia de contextos nos que non se respectan os  dereitos básicos dos nenos e nenas. En cada un dos relatos o protagonismo infantil revela os abusos, inxustizas e a vulnerabilidade á que se expoñen nenas e nenos en diferentes lugares do mundo, entre os que o elo é un can que os acompaña nas súas vivencias e experiencias de superación.

As imaxes que aparecen ao longo de cada capítulo presenta os personaxes principais: no primeiro a Aakesh xunto ao seu can Choiva; no segundo, os irmáns Nadim e Altair, acompañados do seu can Xeo;  no terceiro, a Kai, alcumado como Meninho da rúa, sempre acompañado do seu cadelo Néboa; no cuarto, Leila e o seu can Area, porque tamén é fillo do deserto; e no último, a Carlos, deitado na súa cama xunto ao seu can apoiado na cadeira de rodas, chamado Vento.

Entre as potencialidades da lectura desta obra cabe citar a reflexión sobre as desigualdades, as situacións recreadas e as vivencias que marcan as experiencias de nenas e nenos. Tamén se reflicte a diversidade, en particular a discapacidade, e o rexeitamento que sofre o protagonista que a padece, o que promove a toma de conciencia e respecto cara ás persoas diferentes. 

Con esta obra, polo tanto, podo traballar todo isto, acompañado das emocións que se experimentan ao ler este volume, xa que ás veces son temas delicados que por desgraza, non suceden tan só nos libros, pero que non sempre están presentes na escola.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...