Marcos
Viso Dopazo é un ilustrador galego nado en Ourense no ano 1973. Comezou a súa traxectoria como deliñante, graduándose como arquitecto
técnico e enxeñeiro da edificación pola Universidade de A Coruña, mais decide
abandonar esa profesión moitos anos despois.
No
ano 2013 muda de aires e matricúlase no Ciclo Superior de Ilustración na Escola
de Arte e Deseño Antón Faílde de Ourense, onde descubre a súa verdadeira
vocación como ilustrador. Completa a súa formación cun ciclo intensivo en
Barcelona.
Debuxas ou ilustras? Que é a ilustración/debuxo para ti?
Eu
ilustro mediante o debuxo. Debuxar é unha expresión gráfica, unha
representación… en definitiva, debuxar é representar algo. En cambio, ilustrar
é representar ese algo procurando comunicar.
A
ilustración consiste na aportación de luz sobre algo, complementar algo que non
se dixo, que faltou. Por ese motivo, a ilustración pódese facer de moitos
xeitos; cada vez que pos un exemplo, xa lle estás ilustrando á outra persoa coa
que estás falando, outra maneira de explicar o mesmo.
Como foron os teus comezos neste mundo? Hai oportunidades para
os ilustradores en Galicia?
Sorprendentemente
satisfactorios, aínda que con moitos nervios. Como son os comezos en tódolos
mundos: ilusionantes, con sorpresa. Lembro que ao principio eu empezaba a
empregar as redes sociais moi timidamente, publicar unha ilustración no
Facebook era un temor: Que van opinar? Que van a dicir? E a iso sumábase a
expectativa de se gustaba.
Nese
momento de estar participando nas redes sociais con ese pudor, lembro que a
primeira noite que puxen un debuxo non durmín. Un día, de súpeto, chega unha
chamada de teléfono dun editor que me di que quere que faga un libro, e logo é
marabilloso. A relación cos editores sempre foi fantástica, polo que os inicios
tamén foron fantásticos. De estar compartindo debuxos a, de súpeto, en dous
anos xa ter publicado varios libros. No 2015 publiquei catro libros, no 2016
foron outros tres ou catro. Lembrade que eu comecei no 2015, xa que en febreiro
fago 6 anos!
Hai oportunidades para os ilustradores en Galicia?
Si,
hai as oportunidades que queira buscar o ilustrador; é coma se fora un campo
ermo e ti tiveras que coller o teu portafolios e patear ese campo e sementar.
Tes que chamar ás portas, ás editorias, ás redes sociais, que hoxe en día son
fundamentais... Existe esa curiosidade dos editores na busca continua de novos
ilustradores.
Que consello lle darías a alguén que queira ser
ilustrador/a?
O
maior consello é dicirlle que non se crea nada, que simplemente o faga porque é
unha experiencia vital, porque lle gusta, porque lle gusta enfrontarse a ese
exercicio de exame, de interiorización, de mellorar na plástica e no aspecto
comunicativo. Se ten éxito, que non pense que non vai valer de nada senón que
siga adiante, xa que é un xeito de vivir.
Como é a súa forma de traballar e en que se inspira?
Non
me inspiro en nada, non existe a inspiración como palabra inspiración. Non me
gusta empregar a palabra inspiración porque denota que non hai intencionalidade
no que facemos. Detrás de cada traballo hai un montón de horas, ademais duns
coñecementos que se poñen en práctica como por exemplo a retórica. Entón, como
ti relacionas os elementos axuda a comunicar dunha maneira ou de outra, é o que
eu teño presente continuamente. Eu no tema de inspiración non creo, xa que se
estou agardando por ela, non faría nada. Cando chega a inspiración? Cando notas
que chega? Sempre o que te move é a túa vida, xa que ti vas vivindo e vas
enchéndote de contido, de cousas que van pasando. Entón, segundo o momento no
que te pos a debuxar sae. Ten que ver a forma de ser, non todos xestionamos a
cousas que nos pasan do mesmo xeito. Por este motivo, todas as nosas
experiencias van conformando un “matching” que despois cando o volcamos no
papel fai que sexa persoal e é o que me move.
Qué técnicas adoita utilizar? Es un anacrónico do papel e do
lapis ou debuxas virtualmente?
Eu
traballo dixitalmente. Comecei traballando en acrílico; con pinceis, papel,
grandes formatos…. Porque procuraba
chegar e encher, saír nos periódicos e ter ese recoñecemento. Estas buscando
encher todo o papel, enches todo o papel de texturas de elementos... e
traballas con pasta, con acrílico, con pincel, con texturas, raias…
O
primeiro libro que fixen foi Vaite xa!,
cada unha daquelas ilustracións a min levábame unha media de 16-18 horas.
Despois, deixei de traballar con cor,
témperas, acrílico porque implicaba facer mesturas de cor. Estas eran
unha riqueza por unha banda, pero unha traba por outra. Por este motivo, deixei
iso e empecei a traballar con lapis, en vez de 18 horas, traballaba 12 horas en
cada debuxo. Pouco a pouco a miña vida foi complicándose, e cada vez tes menos
tempo para dedicarlle a ilustración, e que pasaba? Eu seguía sendo o mesmo
neurótico que sempre. Eu non podía irme a cama pensando que tirara un día pola
borda, que non fixera ningún traballo. Entón, empecei a traballar coa técnica
dixital pero, non coa mesma técnica nin coa mesma estética, nin co mesmo
acabado senón que comecei a empregar un acabado totalmente distinto,
evidentemente, pero que comunicaba igual ou incluso mellor. En dez veces menos
de tempo, ía contento para cama por ter traballado. Neste momento, traballo con
unha tablet que ten textura papel, pode facer degradados se tumbo o lapis, do
mesmo modo que se tumbo un lapis de grafito de toda a vida. O bo é que podo
traballar coa textura que quero, a cor que quero…. De feito o libro de bee esta feito con esa ferramenta.
Tes relación ca infancia? Como ves a infancia na
actualidade? Que opinas da influencia das novas tecnoloxías entre nenas e
nenos?
A
infancia non decidiu estar aquí por ela, eles non pediron estar aquí. Eles
simplemente habitan nun mundo que nós lles preparamos, e nin sequera lle
estamos pedindo opinión dese mundo no que están. Deberiamos ser máis
respetuosos do que estamos a ser, xa que, por riba, disfrazamos ese respeto de
sobreprotección. Os docentes e profesionais da educación deberiamos ter a
suficiente responsabilidade para mellorar isto.
Os cativos seguen sendo cativos, seguen
necesitando correr, seguen necesitando experimentar, xa que están baleiros de experiencia.
O
que esta a pasar é que estes tempos non son iguais, por exemplo, as novas
tecnoloxías, ¿estamos a crear monstruos?, non o sabemos, pode ser que si, pero
como facemos para non crear monstruos?. Xa nas aulas de infantil, nenas e nenos
de tres, catro e cinco anos, están a ver pantallas dixitais. Isto está a
dicirlles aos pais e nais os resultados que queren nos seus alumnos, as
mellores notas (matrículas) , dende os 3 anos xa son capaces de manexar novas
tecnoloxias.
Antes de centrarnos na túa obra “O meu baleiro”, motivo
principal desta entrevista, gustaríanos preguntarche se hai algún traballo ao
que lle teña especial cariño. Por que?
Si,
a un manifesto que pertence a un proxecto cultural/artístico chamado Cartas ás doce, con Tamara Andrés, unha
das mellores poetas en Galicia a día de hoxe. Xurdiu coa necesidade de
explicarlle a todo o mundo quen eran eles dous como creadores, como artistas,
como pensadores. Posteriormente a partir deste proxecto xorde un sobre pequeno
de postais chamado Sobre viaxeiros,
creado a partir dunha xira, que fixemos no Nadal
Tamén
publicamos un libro, antes da pandemia, na editorial Galaxia, titulado Distancias, era a conxunción entre a
linguaxe visual e a linguaxe escrita, chegando a integrar o texto nos debuxos.
Contén unha carga emotiva e poética enorme.
Volvendo
á pregunta, todos os libros teñen algo, significan algo para min. O meu Baleiro é un libro ao que a
editorial lle adicou moito agarimo e eu vivín o proceso dunha maneira moi
persoal e iso, foi fantástico.
Como naceu a obra O meu baleiro? Xorden primeiro as
ilustracións ou o texto?
Nace
porque eu queria falar ou traballar unha fase da crianza, no que o cativo sinte
unha perda enorme con respecto á nai e tal… Comecei a traballar ese libro, como
traballo outro calquera, pero enseguida empecei a ver que era un tema que se ti
xa viviras, íalo entender perfectamente, pero senón ías estar un pouco
desvencellado/a dese libro.
Nun
primeiro momento pensei en non continuar, pero xa tiña o esquema, estaba nese
momento de creatividade, entón pensei que situación universal hai naque eu poida incluir todo o que levo xa
interiorizado e traballado? Entón xurdiu a morte (supoño que porque a miña avoa
estaba moi maliña e nese momento a morte era o tema que máis aparecía na miña
cabeza,...).
Primeiro,
no meu caso, xorde en moitas ocasións o texto. Escribo unha frase porque a min
gustame xogar a escribir, xa que non me considero escritor, entón escribo algo,
e de súpeto digo, voume poñer a debuxar sobre iso que escribín. Vou mudando do
texto á imaxe. O texto pídeme que vaia ás ilustracións e as ilustracións ao
texto.
A primeira edición deste libro data do 24 de febreiro deste
ano, xusto antes de que estalara a crise sanitaria polo covid. Nela tratas
temas como a perda dlgo querido, algo tabú na nosa sociedade e que non
adoitamos falar con nenas e nenos. Considera importante irlles presentando este
tema xa dende cativos?
Si,
eles están continuamente a perder cousas, por exemplo, de repente mudámonos
para outro barrio, cambian de colexio, perden amigos, e todo isto dunha forma
bestial.
Na
miña xeración, todos nos coñeciamos, socializabamos no barrio e despois iamos a
estudar no mesmo centro, hoxe en día, falando como pai, buscamos o mellor
centro para o neno/a e desvencellámolos da contorna na que vivimos.
Antes iamos cinco, seis ou sete da man collidos para ir ao colexio con seis e sete anos, pero hoxe, con esa idade non se ve a ningún neno pola rúa só, non o deixas e se é nena xa…
O
feito de que ti lle leas un libro sobre isto para el é unha experiencia vital
e, se nun futuro lle dis morreu a avoa ou o avó, eles saberán o que significa
porque xa teñen no seu interiorizada unha experiencia vital ou non.
Como cres ti que os profesores debemos preparar aos cativos
ou cativas para afrontar unha perda? Que ferramentas lles poderiamos
proporcionar para levar mellor ese
duelo, ese loito?
Non creo que exista un método co que poder dicir: “Que boa
docente son”, “eviteille a estes nenos o sufrimento”. Vouvos contar unha
experiencia real que vivín como docente cun home de 19 anos: Primeiro día de
clase. Eu chego e comezo a falar cos alumnos da situación actual e dígolles:
“Este ano é un ano especial. A ver se podemos ir todos da man”. E entón chega
un alumno, ponse de pé e marcha. Eu collo e dígolle: “Espere un momento, veña
aquí, onde vai?”. E contesta: “Marcho ao baño”. E dígolle: “Estou falando, que
menos que agarde un pouquiño, que fale comigo, que me diga: profesor, ou
Marcos, podo saír?”. Evidentemente a un home de 19 anos non lle vou dicir que
non, non tería sentido.
Eu creo que como docente teño a responsabilidade de que o
alumno colla a situación coma algo constructivo, non coma algo negativo. Eu son
partidario de que mestres e mestras fagamos partícipes ao alumnado do proceso,
facendo que eles sexan autores da súa experiencia. Incluídos os cativos. Tamén
hai que facelos partícipes. Eles tamén teñen vida. Eles sofren igual ca sofres
ti. Temos o costume de pensar que un é cativo porque non é un humano feito e
dereito. Porque non chegou a esa fase de crecemento para consideralo completo.
Eu pregúntoche: A ti como che gustaría que xestionasen
contigo a perda da túa nai ou do teu pai?
Cre que este libro ou a literatura
en xeral pode axudar a alguén á hora de xestionar a perda dun ser querido?
Si, claro. Na literatura, un pode atopar o acubillo e
serenidade necesarios para poder xestionar a situación dun xeito máis humano.
Pero podemos falar dos libros, como podemos falar do cine, como de ir dar un
paseo ao monte... calquera actividade que nos permita coller perspectiva.
Cal é a importancia da amizade entre o alumnado á hora de
superar a morte dun ser querido e de axudarse?
Paréceme que estamos nun momento no
que deberiamos empezar a falar cos cativos do que é a sociedade. Do que
significa ser grupo. Do que significa o público. Paréceme fundamental que haxa
amizade entre os compañeiros dun curso, para superar calquera situación. Non
fai falta falar dunha perda. Cousas máis sinxelas, como pode ser o primeiro día
de cole. Non nos referimos a unha perda,
se non ao descoñecido. E o descoñecido pode producir a mesma sensación que unha
perda. O baleiro. Non saber que facer. Non saber onde estamos. Perder esa
seguridade en ti mesmo. Iso pásanos tamén aos adultos, non fai falta ser un
cativo. Entonces ter un amigo que te acompañe é fantástico. Alguén que estea ao
teu carón e che diga: Tranquila, non estás soa. Respira.
“Ter un amigo que te acompañe é fantástico.
Alguén que estea ao teu carón e che diga: Tranquila, non estás soa. Respira”.
Sobre a socialización, base para crear amizade, como cre que
este momento que estamos a vivir lle pode afectar á infancia ou xuventude?
No pasado confinamento, co estado de
alarma, as miñas fillas preguntábanme porque non se podía saír da casa.
Daquela, enchéronse aqueles baleiros con infinidade de actividades na casa. Os
cativos adaptáronse ben, mellor ca os adultos. Os cativos saben que non poden
facer o que facían e fan outras cousas. Pero si, o tema da amizade, como dixen
antes, é importante.
Non sei o que vai pasar. Mais,
evidentemente, as cousas van cambiar. Antes estabamos afeitos a darnos bicos
nada máis vernos. E se somos sensatos e aprendemos da experiencia que estamos a
vivir, deixaremos de darnos bicos para saudarnos. Cambiaremos condutas.
Como
comezou a ilustrar libros doutros autores? Cal foi a súa primeira ilustración
dun libro doutro autor?
Porque me chamou un editor. Pero
como chegou esa chamada? Ben, eu son aparellador polo que a crise da
construción do ano 2008 pilloume de cheo e tiven que buscar outro porvir polo
que, con 37 anos inscribínme na Escola de Arte. Antes de rematar ese ciclo,
tiña claro que quería ilustrar polo que marchei a Barcelona a realizar un curso
intensivo para traballar dende a idea ata o resultado final. Ninguén saíu dalí
cun libro, pero eu si, saín coa idea e cos debuxos a lapis feitos.
Ignacio Chao, quería ilustrar o
libro de Xabier Estévez titulado Todos os
soños e tras ver o meu portafolios chamou a Rebeca Luciani para
preguntarlle por min. Rebeca chamoume e díxome: “Marquitos, gallego! Oes, estou
moi contenta porque te van chamar, non digas nada pero vaite chamar un editor e
ti a “morte”, di a todo que si e ponte as pilas porque non che vai dar tempo”.
O editor chamoume e deume un mes de prazo. Eu non sabía nin por onde empezar,
nin se sería capaz de conseguilo pero, debido a carga emocional que tiña pois,
o meu soño estábase a cumprir, esa mesma noite lin o libro tres veces e fixen o
storyboard. Tras isto, comecei a recibir chamadas de máis editoriais.
Polo tanto, os meus comezos como
ilustrador “foron un sen darme conta”, pois foi todo moi rápido. De feito,
recordo que un mestre do ciclo me dixo: “ti es un caso de éxito, o normal é
acabar aquí e ao mellor estar dez anos intentando publicar e non o conseguir”.
Ten
padecido censura por parte dalgunha editorial?
Non, non, as editoriais sempre me
trataron moi ben e sempre fixen o que quixen. Nunca houbo problema.
Sabes
dalgún colexio ou centro que non recomende as túas ilustracións?
Non
o sei e se os hai, tampouco me apetece sabelo. Respondín a unha pregunta así na
charla, e dixen que de ser así, sería por ignorancia, non creo que hoxe en día,
no século no que estamos, se poidan poñer trabas a certas cousas.
Nalgunha
entrevista ten sinalado que o nivel de alfabetización visual dos adultos é moi
pobre. Nós imos ser futuros docentes. Que consellos nos podes dar?
En todas as entrevistas incido neste
aspecto pois, considero que os adultos somos uns ignorantes e analfabetos no
tema visual e sobre todo, na comunicación visual. É moi curioso, se nos fixamos
nesta estancia, todo é unha imaxe que nos está transmitindo inestabilidade. Hai
unha peza que ten unha diagonal ascendente e detrás, hai carpetas verticais,
polo tanto, esa diagonal corta as carpetas verticais. E, a min ter iso diante
faime sentir un pouco mal pois, os ollos vanme para alí. Ademais, a porta
aberta está tapando certos libros, e iso é unha elipse; non hai nada máis
poderoso ca unha elipse. A retórica é impresionante xa que podemos comunicarnos
coa retórica única e exclusivamente. Hai que coñecela porque se queres ter unha
entrevista na que estar tranquilos, que a persoa que está diante se abra,
habería que modificar toda esta estancia. E faise porque está estudado.
Agora empézase a tratar a imaxe dos
espazos, cousa que me parece incrible que non se tratase antes, por exemplo nos
hospitais trátanse os cheiros, a cor… Todo iso fainos sentir dun xeito. Entón
como non vai ser importante? Grao de alfabetización nos adultos? Cero. Pero é
que iso ten unha definición, iso chámase ignorancia. Porque ignorante é o que
non quere saber e a meirande parte dos adultos non quere saber e iso, é unha
irresponsabilidade. Por exemplo, se es pai deberías preocuparte máis por saber
que libro está a ler o teu fillo ou fillo ca porque teña unha consola ou boneca
determinada. É unha cousa máis importante cá outra? Non o sei, pero teño
claro que os libros son armas. Non fago
manuais, creo literatura ilustrada pero son consciente de que o contido dos
libros vai moldear mentes, queira ou non queira. Evidentemente, iso vai quedar
no maxín do neno que se achega ao libro.
Os libros son
armas. Creo literatura
ilustrada e o contido dos libros moldea mentes.
Por
exemplo, eu si que me dou conta de que as imaxes poden transmitir moito, só que
a nós, dende pequenos, sempre nos están centrando no texto e ao final se te
paras a ver as imaxes , podes crear unha historia. Pero dende pequenos non nos
inculcan iso. Non estamos acostumados a facer lectura visual, nos libros só
letras, letras e letras. O importante é só ler ben, comprender o que les e
aprender o texto.
Iso é normal e depende de ti, ben
porque tiveches a sorte ou a buscaches e chegas a un momento no que ti decides
tirar do fío e aprender máis e a ser mellor nese aspecto. Trátase diso, de
poder mudar a realidade dende a parcela que cada un pode porque non somos
superheroes.
Ademais, os libros teñen ritmo,
teñen peso, só con abrilo e verlle a cor xa podes dicir: este libro pesa moito.
Estas cousas estúdanse, son as leis da Gestalt e son pesos, diagonais,
direccións. Todo isto non é maxia, son recursos que hai que empregar para
poñelos en relación e que che axuden a transmitir unha mensaxe, a comunicarte,
nada máis ca iso.
Xa por
último, estás traballando nalgún proxecto, tes algo en mente…
A día de hoxe, o único que teño en mente é sobrevivir ao traballo coma docente no Polictécnico en Vigo, pois debido a situación que estamos a vivir actualmente co COVID-19, todos os mestres deben ter unha aula virtual á que subir os contidos. Adícolle á docencia unha media de 10-12 horas diarias. Pero, ganas? Moitas e vou seguir creando pois teño cousas no corpo, tanto na cabeza coma no corazón, e son cousas que teñen que saír por algún lado. Teño moito ruído na cabeza (preocupación da pandemia, incertidumes, situación persoais…), pertuberancias da linguaxe que non me deixan descansar, nin debuxar. Necesito tranquilidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario