María Canosa, unha perspectiva sobre a formación docente e a literatura
María Canosa: "Estás atendendo a tantas cousas, tan sometido a tanta norma, que na literatura me deixo voar.
A presente entrevista foi realizada a María Canosa, que entre outras cousas, é escritora de literatura infantil e xuvenil galega. Naceu no municipio de Cee (A Coruña) o 20 de agosto de 1978. É filla de Concha Blanco, unha pedagoga e escritora galega moi recoñecida. Graduouse en Enxeñería de Camiños, Canles e Portos na Universidade da Coruña.
Respecto
á súa traxectoria profesional, realizou múltiples traballos como enxeñeira. En
1997 comezou a publicar os seus primeiros títulos: Bramido maino e A pedra do
seixo. Pouco despois, traballou como guionista ou experta nalgúns programas
emitidos na TVG: Cifras e letras, Verbas van ou Coma un allo. Ademais, colabora como articulista no xornal La Voz de Galicia e participou como
contertulia en varios programas de radio.
Segundo
a editorial Somos Libros, María
Canosa defínese como unha muller que atende a 500 cousas a vez, que se preocupa
pola xente, emotiva e que lle gusta ter todo baixo control. Sostén que adora a
súa naturalidade, característica que se lle pode percibir facilmente. De feito,
o xornalista Santi Mira acordaríase dela e do seu “galego moi natural, moi
fluído e moi normativo” como candidata para un posto na TVG.
María
Canosa esta gratamente recoñecida polo público, debido as súas intervencións
como xurado en programas emitidos na TVG, pero tamén pola súa gran aportación á
literatura galega (narrativa, relato, ensaio, poesía, etc). Moitos dos seus
libros recibiron unha moi boa acollida por parte dos lectores, por exemplo: Rubicundo (2015), A cazadora de estrelas (2017) ou Muriel (2017). Ademais, recibiu gran cantidade de distincións e
premios por eles, entre os que destaca o Premio Merín 2017 pola obra Muriel.
María
Canosa suscitou o noso interese porque é unha escritora moi representativa na
literatura infantil e xuvenil. Isto pode ser de gran axuda respecto ao noso
futuro como mestras de Educación Primaria. Na súa traxectoria como escritora
galega, publicou un gran número de obras de diferentes xéneros literarios que
consideramos de interese para á biblioteca dunha escola, entre eles podemos
atopar obras como Rubicundo, Ronca o mar, A cazadora de estrelas, ou A peregrina gastrónoma. Ademais, todas
elas de gran calidade literaria e cun aire e renovador.
Por
outra parte, escollemos a María Canosa porque tivemos a oportunidade de
escoitala entre varios participantes da escrita en lingua galega durante o
Ciclo de Literatura Infantil "Sen tabús. Ler para pensar". Mostrouse
como unha muller próxima e natural, con moita información que aportar, unha
traxectoria interesante e cunha opinión formada sobre a literatura galega nas
escolas.
Ademais, cando indagamos un pouco sobre a súa vida, resultou interesante que traballase como guionista na TVG, que estudara un grao de ciencias e ao mesmo tempo escribise literatura en galego. Tamén suscitou a nosa curiosidade que a súa nai fose a recoñecida escritora Concha Blanco.
Como foron os teus primeiros momentos na escritura?
Comecei
dunha maneira bastante inconsciente, empecei a escribir porque xa tiña gastados
os libros que tiña pola casa, e había a necesidade de máis historias, entón
como non as atopaba pois inventábaas, ía inventando e ía esquecendo, entón
decateime de que quedaban esquecidas algunhas historias porque ao pasar o
tempo, xa non as lembraba, e as que máis me gustaban decidín escribilas, para
que máis adiante poder recuperalas.
Para
min foi como un xogo, coma cando xogas a facer de profes, pero eu xogaba a ser
escritora. Era unha maneira de escribir para unha e non para os demais.
A
historia de cando comecei a editar é moito máis fermosa, eu nunca pensei en
editar, pero no corredor do instituto atopei as bases do concurso e ocorrera
que ese verán pasado chovera moito e eu pasara moito tempo na casa e xogaba cos
meus curmáns a escribir un pouco unha novela que íamos compartindo entre todos
e como máis ou menos encaixaba coas bases do concurso, decidín mandala, a
máquina. Non gañei pero quedei finalista, e convidáronme a unha entrega de
premios cos gañadores, e os finalistas podían levar a alguén da súa familia e
eu levei aos meus pais, e xusto cadrounos que estabamos sentados na mesa con
Don Manuel Beiras García, que traballa moito pola cultura galega e facíalle
moita graza que eu, que non levara o premio, estaba máis contenta que os
demais. Funme sen saber quen era, e os poucos días chamáronme da Fundación para
ver se lles podían dar o meu enderezo, porque ese señor tiña interese en
poñerse en contacto comigo para pasarlle o texto. El dixérame que non me
apresurase e desafortunadamente, nese tempo, Manuel Beiras faleceu e o meu
texto quedou no limbo, pero co tempo a miña nai, animoume a localizalo e
pensaron que por idade estaría en Edicións do Castro, un día chamei, e
dixéronme que quen era eu que estaban buscando pola autora porque o querían
publicar e así foi como fun consciente do que significaba publicar e escribir
para os demais que é moi diferente que escribir para unha mesma.
Xuntei
moitos nervios, moita emoción, moita alegría e tamén entroume moito medo porque
me chegou a responsabilidade, e decateime do difícil que era tamén e entroume
moito medo, e pensei que non ía volver a publicar. Os seguintes textos que
publiquei foi porque me cadrou de atopar a xente que sabía que xa publicara e
mandáballe os textos, e logo xa me atrevín a mandar os meus textos a algunha
editorial. Así que eu sempre digo que a miña fada madriña e un fado padriño
foron os que posibilitaron que o meu libro saíse á luz.
Ser filla de escritora marca moito? Polo que temos entendido
a túa nai tamén é escritora e unha importante pedagoga, crees que te inspirou á hora de comezar a escribir
libros?
A
verdade é que é curioso porque moita xente aínda non nos asocia porque eu asino
co primeiro apelido e ela asina co seu primeiro apelido tamén, entón hai xente
que aínda non sabe que o María Canosa é filla de Concha Blanco, pero si que é
verdade que cando se sabe, sobre todo cando era máis nova, era coma unha laxe
porque a xente dicía: “Ah! claro, ti es filla de Concha Blanco”, como se ser
filla de escritora significase ter que escribir, entón restaba moitísimo mérito
pero eu penso que o tempo vai poñendo as cousas no seu sitio, escribimos de
maneira diferente, facemos libros distintos, pero por outra parte sinto unha
fachenda moi grande porque miña nai foi das pioneiras que houbo en Galicia da
literatura infantil-xuvenil, e eu síntome responsable de facer as cousas ben,
de todo iso que eles fixeron por nós, é unha responsabilidade, pero non por
parte dela, máis ben do entorno, pero eu sempre digo que depende do ambiente,
se ti estás rodeada de libros e de amor polos libros pois seguramente vanche
gustar, pero non estou convencida de que o amor por contar historias se herde
como se pode herdar o pelo crecho, algo tes que levar dentro, pero escribir é
un oficio e tamén se aprende, hai estratexias e moito traballo, pero se a miña
nai non fose escritora, creo que sentiría a mesma responsabilidade.
Polo que vemos, o que máis escribes é narrativa, temos
exemplos do contrario como algúns libros de poesía
e guións cinematográficos e teatrais, pero gustaríache escribir estes xéneros
literarios máis acotío?
Co
teatro aínda me estou atrevendo porque algunhas das adaptacións dalgunhas obras
miñas, xa non son miñas entón, non as fixen eu, pero agora si que participei
nun espectáculo teatral facendo un texto de esa obra con unhas características
que me solicitou a compañía teatral, pero un texto colectivo, somos tres
persoas, entón foi como romper o medo ese que tiña eu co teatro e prometo facer
algo máis de teatro, que non se se se publicará ou se se chegará a representar
pero ameazo con facer, era unha espiña que tiña aí cravada, pero unha nunca
sabe o que acabará facendo, escribín A
peregrina gastrónoma que é unha guía de viaxes polo camiño de Santiago que
nunca se me pasou pola cabeza que eu faría un libro dunha guía de viaxes e
menos dunha peregrinación por Galicia e fíxeno porque me propuxeron a idea e
gustoume, entón ás veces necesito ese empuxón, que alguén me diga: “Porque non
nos mandas un texto?” e ao mellor é porque pensei que era unha parvada, pero
non o era, a min gústame crer en min mesma.
Agora
mesmo, supoño que escribir algo de ciencia, e así volvería a unir as miñas dúas
facetas, a científica e a literaria. É moi certo que a min me gusta moito
cambiar de xénero, de estilo, de idades, de público porque tamén me axuda para
saír dunha historia e meterme de cheo noutra, necesito probarme moitas veces,
poñerme retos a min mesma.
Tes algún autor ou autora favorito/de referencia?
Está
claro que a miña autora de referencia é a miña nai, polo momento no que ela
comezou, por ese amor tan grande que ten ela a escrita e pola súa forma de crer
neste oficio, para min é admirable que ela este alí na súa casa, traballando
con total tranquilidade e a isto refírome a que lle importa bastante pouco se
aparece nos medios, se se lembran dela, a ela impórtalle o seu traballo e antes
eran os seus alumnos e agora xa abriu moito o campo dos seus lectores, pero é o
que lle importa, a quen ela se dirixe, entón é como unha formiguiña que cando
ten tempo, fai o que ela considera que debe facer que é escribir o que nese
momento lle parece que ten que escribir, sen deixarse influenciar por aspectos
externos, ás veces superficiais, que é difícil nesta era que vivimos. O papel
máis importante que ela ten agora é o de avoa, non hai nada máis no mundo que
as súas netas, cando non están as netas traballa e ás veces cando están as
netas tamén, máis ben sempre porque aprendín dela o de observar porque o mellor
ás veces está cas netas e está mirando a que xogan, como falan e está xerando
ideas para o que vai a facer despois, pero non se apresura nunca, ela vai o seu
ritmo, sen parar, porque non parou nunca de traballar e sen preocuparse de se
pasa tres anos sen publicar nada, ou se de súpeto saca dous libros á vez, ou se
aparece alguén que se lembre dela e lle faga unha entrevista nos medios o se
non hai ninguén que lla faga, agradece moito as mostras de agarimo, obviamente,
pero céntrase máis no que ela pensa que debe facer.
Fóra
de miña nai, a min encántame Castelao, con catro liñas e dúas frases, facía
unha foto da sociedade nese momento que por desgraza moitas veces aínda é a
deste momento, entón fascíname que con tan pouco, dicía moitísimo e é alguén ao
que volvo unha e outra vez.
Cales son as túas lecturas? Teñen unha orde? Ou depende do
momento, do estado de ánimo ou doutras cuestións?
Dependen
do momento, do estado de ánimo, do que me recomenden, do que me agasallen, do
xurado do que forme parte, agora por exemplo formo parte dun xurado dun premio
e estou lendo tanto e incluso ás veces, tan apurada, que penso que logo vou
necesitar unha etapa de non ler, que tamén a hai, non adoita durar moito, pero
son uns días nos que non vou ler nada, polo menos do que estou a xulgar agora
mesmo. Pásame como co de escribir, se leo moitas novelas semellantes, necesito
cambiar porque é coma se contaminase unhas con outras, vou mesturando porque
axúdame a fraccionar. Do estado de ánimo tamén depende, ás veces non me apetece
chorar, entón hai obras que non quero ler, deixome asesorar por xente moi
diferente que le cousas moi diferentes porque é unha maneira de que me abran os
ollos e a miña visión da literatura, se sempre les o mesmo tipo de literatura,
vai haber moitas cousas que perdas, entón moito seguido do mesmo estilo intento
non ler porque inconscientemente, voulle restar calidade ao que estou lendo.
Algún autor ou obra te inspira para escribir?
É
que a inspiración tamén depende moitísimo do momento e do que te apeteza facer.
Supoño que hai moitos autores e moitas obras que me inspiran e hai cousas que
les e dis: “Como me gustaría a min ter escrito isto!”, “Como non se me ocorreu
facelo a min?”, pero tamén depende do momento e de como esteas. Eu creo que
máis que algo en concreto, son fontes das que vas bebendo, entón ó longo da túa
experiencia como lector e como escritor, acabas bebendo desas fontes. Eu dicía
o outro día nun curso a unhas rapazas: “O que tedes que facer é ler moito,
porque canto máis leades, máis ides saber como queredes que vos conten as
cousas e ídelas a acabar contando así, como vos gustaría que vo-las contasen a
vos”, entón é un pouco buscar aquilo que a ti che gusta como cho contan e é
algo que fas de maneira inconsciente. Os libros gústanche porque si, ás veces
non de maneira premeditada, pero acabas de lelo e méteseche un pouquiño dentro
e vas acabar facendo algo, non copiando nin plaxiando, pero asemellándote a ese
estilo porque é o que a ti che gusta. Cada un penso que tamén ten que escribir
como é, eu non son capaz de converterme noutra persoa para escribir dunha
maneira diferente, son capaz de crear personaxes diferentes pero ao final esa
historia vouna contar dende a miña maneira
e penso que é o mellor, porque se eu intentase contalo como outro
escritor, non sería eu e nalgún momento vai a acabar por romper por algún lado.
Tes un lugar especial onde atopas a inspiración de maneira
máis doada ou en calquer espazo es capaz de inspirarte?
Gústame
escribir a man e en cadernos e penso que é o meu lugar de escrita, por
circunstancias da vida afíxenme a escribir onde me cadra, como tiven unha
tempada que cambiaba moitísimo de domicilio e non tiña un espazo para min, de
feito nesta casa na que vivimos agora eu non teño un espazo para min, teño que
andar pousando o caderno onde me deixan sitio, estamos intentando facer un
recuncho as cativas e eu para poder ter xa por fin a miña mesa, pero sempre me
tiven que afacer a escribir onde cadraba, por iso creo que o meu lugar é un
caderno, un caderno se pode ser que non teña raias, con páxinas en branco, pero
non sempre, depende do que escribas, ás veces prefiro con raias. É certo que me
gusta escribir en lugares que sexan tranquilos, antes escribía mellor pola
noite pero é que agora chego tan derreada que pola noite que non podo, entón
depende un pouco da época, eu afíxenme a escribir a cachiños e en distintos
lugares. Si que é certo que teño predilección con escribir dentro do coche,
sobre todo se chove, pero penso que é porque me sinto como protexida de que eu
vexo o mundo pero eles non me ven a min. Se estás aparcada dentro dun coche a
xente non vai mirando quen vai dentro, entón é como unha burbulla de protección
e gústame especialmente pero non sempre o fago.
E agora iámosche preguntar polo horario pero dixeches que
che gustaba máis escribir de noite.
Si,
gustábame máis pero agora é que me adapto, escribo a cachiños entón o horario é
o tempo que me deixan os demais quefaceres. Cambiará un día, cambiará.
Cando publicas un novo libro, como llo presentas á túa nai?
Ofrece a súa opinión como nai ou a súa crítica como escritora?
Quen
primeiro le os meus escritos son os meus
pais, ás veces antes meu pai que miña nai e meu pai é máis condescendente e
miña nai é máis escritora, entón me di algunha cousa se non lle gusta ou non
lle cadra, sobre todo cando ten dúbidas, pero respecta tanto o que fan os
demais que non é que me diga: “Oes, isto está mal” non, dime: “Eu isto non o
entendo” ou “Eu isto penso que non queda claro” ou “É un tema duro” ou “Tes
unha maneira curiosa de tratar isto”. Tamén me di as cousas boas, pero é como
moi na distancia, como non querendo influenciarme moito, pero eu sempre busco
ese comentario porque ó mellor dime: “Non vale para todos os lectores” pero eu
ás veces iso xa o sei e aínda así quero escribir ese libro, a expensas de saber
que non o vai ler moita xente ou que non vai ser do agrado de moita xente.
Entón si que le e me da a súa opinión
pero sempre dicindo: “É o teu libro, é a túa historia e a túa maneira de
contalo” máis que nada dime o que pensa cando ve algo que non é congruente ou
que pensa que non queda claro, aí é onde máis fincapé fai. Meu pai métese moi
ben na historia e logo, os dous é inevitable que non atopen o que hai de real
en todo o que conto entón esa parte de comentar despois tamén é moi simpática.
Que te levou a facer unha carreira técnica? Que atopas na
exactitude dos números como complementario á inexactitude da literatura?
É
que eu sempre fun das dúas cousas, eu escribín sempre pero me tiraron as
ciencias tamén, de feito o meu problema chegou en bacharelato cando tiven que
decidir ciencias ou letras. Chegou dunha maneira moi brusca porque eu elixira
física, matemáticas e literatura como optativas que collía as dúas partes
fortes de cada unha das ramas e deixeino así na prescrición en xuño. Cando
cheguei a setembro, o día antes de comezar o curso chamoume o director e
díxome: “É imposible organizar horarios, es a única que colliches esas opcións,
tes que cambiar” e eu díxenlle que tiña que pensalo e me dixo: “Non, tesmo que
dicir esta tarde porque mañá empezamos” entón, ás veces non che queda máis
remedio que decidir baixo presión. A miña opción era ou vou por letras e sigo
facendo ciencia dalgún xeito pola miña conta ou vou por ciencias e sigo facendo
algo de letras, e o máis factible era ir por ciencias e seguir estudando
idiomas ou escribindo e lendo pola miña conta, porque se vou por letras, facer
ciencia pola miña parte de maneira individual e persoal era máis complicado,
entón decidín ir por ciencias e seguir traballando por letras.
Aínda
non sei moi ben hoxe porque elixín Camiños, porque o día anterior a entregar o
papel non durmín nada, e de segunda opción tiña medicina, co cal eu o que
quería era unha carreira que fose útil sobre todo para os demais, tiña esa
vertente un pouco social e tanto medicina como enxeñería civil eran carreiras
que estaban ó servizo da sociedade. Decidinme quizais por camiños porque era
moi variada eu non quería facer matemáticas só, física só, entón en camiños hai
cálculo, álxebra, materias de construción, hai dereito, hai historia, hai
física, hai hidráulica, hai un montón de disciplinas e pensei que era moi
variado e quedeime con esa opción. Entón acabei aí e exercín como enxeñeira,
seguín escribindo e agora pois escribo máis do que exerzo como enxeñeira pero,
sigo sendo as dúas cousas.
Nalgunhas das túas obras prima a fantasía, iso semella o
polo oposto ao técnico?
Si,
o que dicías antes que se me esqueceu de responder así de maneira máis
concreta, que, que me dan os números de exactos e de inexactos a literatura. É
un pouco como a fantasía e a realidade, está moi ben enfiado así que xa
respondo as dúas cousas á vez. Eu sempre digo que na enxeñaría hai que seguir
tantas normas, tantas prescricións, tantos condicionantes que practicamente che
queda un só camiño polo que ir, podes facelo cunha xeometría diferente, pero
logo os números teñen que ser os que son, e teñen que cumprir tódalas normas e
requirimentos que che impón a normativa. Por outra parte tamén os cartos, por
outra parte o coidado co medio ambiente, por outra parte a seguridade, entón,
estás atendendo a tantas cousas, tan sometido a tanta norma, que na literatura
me deixo voar, entón ese é o equilibrio. Sempre digo que a enxeñaría é coa
cabeza recta e a literatura co corazón un pouco máis aberto e creo que tamén é
un bo equilibrio.
Tamén
é certo que como eu escribo, así de maneira un pouco máis irregular, máis
impulsiva, sen ter un horario, sen ter un oficio estrito da escrita, pois esa
mente estruturada e esquemática que teño de enxeñeira axúdame, aínda que non
faga un esquema completo de toda a historia, téñoa na miña cabeza, entón
axúdame a estar estruturada. Cando traballo de enxeñeira, pode ser que ó mellor
redacto doutra maneira as cousas que se non fose escritora, intento buscarlle
sempre a parte máis romántica e máis bonita á enxeñería. Entón eu penso que é
un complemento dunha cousa con outra, que vou collendo aspectos dunha materia e
vounos metendo, de maneira totalmente involuntaria, na outra.
Se puideses ser algún personaxe das túas obras, cal
elixirías?
Fun un pouco todos. Moitos dos
personaxes fágoos porque me gustaría ser eles. Pero se me obrigades a elixir
un, aínda que me vexo máis identificada con outros, penso que sería Megumi a
cazadora de estrelas, pola teimudez que ten para conseguir as cousas, pero
sobre todo por como as consegue. Por ser quen de refrear ese ímpeto inicial,
que temos ás veces cando algo nos doe, de non responder coa mesma xenreira coa
que nos atacan. Ela non toma a xustiza pola man nunca, e acaba chegando ó seu
obxectivo.
A lectura que eu quero que saquen os
rapaces dese libro é que se o pensas coa cabeza e fas as cousas ben, non o
consegues só para ti, conséguelo para toda a sociedade, que é o que se pretende
no fondo, cambiar as cousas, buscar a xustiza, pero para todos, como un ben
común, por dicilo dalgún xeito. Entón penso que me gustaría ser, un pouco, nese
sentido, como Megumi, a protagonista de A
cazadora de estrelas. Pero de todos collería algo eh!
Un bo número das túas obras están ilustradas por Dani
Padrón, fálanos da vosa relación creativa.
É moi curioso, porque ademais, eu a
Dani coñecino grazas aos libros, grazas ás historias. Coñecémonos nun certame
moi curioso que é o Premio Pura e Dora Vázquez. É curioso porque eu non coñezo
outro que sexa así, que se falle por un lado un texto, e despois, dese texto,
se faga un concurso das ilustracións. Entón, eu gañei a parte do texto, e Dani
Padrón foi o gañador, ese ano, das ilustracións, é dicir, ilustrou o meu libro Papaventos de Laura.
Coñecémonos na entrega de premios, e
xa nos caemos ben. É un rapaz moi tranquilo, moi discreto, gustoume esa calma e
intercambiamos os teléfonos e fixémonos amigos. Coincidiu que nesa época
viviamos os dous na Coruña, e entón comezamos a quedar, a traballar algo
xuntos, a facer propostas e unha cousa levou a outra! Ten unha visión do
traballo de ilustrador que a min me convence moito, unha maneira de traballar
que a min me gusta moito, un xeito de completar as historias, tamén, moi
bonito, e logo é super crítico! El si que é máis crítico que miña nai cando le
os textos! Cando llos paso dime: “Aquí, boli vermello”, cando algo non lle
gusta, non lle convence, parécelle que está de máis, que non o explico ben, que
non lle cadra… É moi sincero! Entón, o que non lle gusta dime: “María, isto non
me gusta!”, e a min encántame que sexa así de sincero.
Tamén é certo que eu o son con el.
De feito, na Cazadora de estrelas o
primeiro boceto que fixo, non foi o que quedou. Cando ma enviou, dixen “Uhmm” e
era precioso o debuxo, pero era como moi infantil e eu quería crear un pouco de
misterio coa idade que tiña Megumi. Non quería encadrala nunha idade, sobre
todo moi pequena. Quería que fose un abano máis amplo que para se achegasen
máis rapaces e xente adulta a esa historia. Entón, entendeuno perfectamente e
cambiamos o deseño da protagonista. Ten que haber unha camadería moi grande! De
feito, xa temos o “non” moi presente. É algo que nos define na nosa relación de
amizade: “Pois María, isto non cho podo facer” ou “Non é un bo momento para
min” ou “Dani, pois non che podo facer un texto para isto” ou ó contrario
“María teño estas ilustracións, ti serías capaz de facer un libro con elas?” e
intentámolo. De aí naceu, por exemplo, Pasen
e miren. Eran un debuxos que el tiña que eu tiven que converter nun libro.
Entón, poñémonos retos e somos moi
sinceros o un co outro. De feito, eu penso que é a base da nosa amizade: a
sinceridade. Que non é fácil eh! Eu, sobre todo, dende que son nai, son
consciente de que moitas veces é moitísimo máis difícil dicir que non, que dalo
todo para adiante. Entón, ter ese poder de dicirlle ó outro “non”, está moi
ben. Teño que agradecer que a partir dun concurso, dun xurado e dun libro que
fixemos en común, acabamos, co paso do tempo, converténdonos en amigos e
traballando xuntos moi ben e moi cómodos.
Levas anos traballando en diferentes programas da
televisión. Como comezaches nese mundo? Que relación podes establecer entre o
mundo audiovisual e o literario?
Comecei de chiripa, como moitas
outras cousas, e comecei tamén por non saber dicir que non. Contactoume un día
Paco Lodeiro, non lembro se por Facebook ou por un correo electrónico, e díxome
“María son Paco Lodeiro, chámame, por favor. Teño que contactar contigo”
Deixábame o seu número de teléfono e chameino, pero eu estaba convencida de que
era unha broma, de que a min me estaba vacilando, pero claro, a voz era a del,
entón… Total, que o chamei. El íame contando que Yolanda tivera que deixar o
programa de Cifras e Letras, e eu na
miña cabeza, estaba completamente convencida de que como era cerca das Letras
Galegas, ían facer un Cifras e letras
especial e que me chamaban de concursante. E eu dicía “voume poñer
nerviosísima, vouno facer fatal, pero eu non vou saber dicirlle que non vou
ir”, entón eu mentalizada de que ía ir a concursar e facer o ridículo un día ó
programa.
Total, díxome que Yolanda tiña que
deixar, que tiña que empezar a gravar e que se me interesaba a min formar parte
dun proceso de selección. Entón, é deses momentos nos que sacas o teléfono da
orella e dis “era a broma, estou saíndo pola radio seguro”. Non o crin moito, e
díxenlle que si, claro, que si que podían contar comigo, pero sen tampouco
moita emoción porque pensei que era unha broma. Pero non o era! Ó final acabou
chamándome máis adiante e practicamente dun día para outro tiven que empezar a
gravar. De feito estaba tan convencida de que era unha broma, que eu a meus
pais non lle contara nada, absolutamente nada. E cando lles contei, xa era:“Ó
día seguinte teño que ir a facer a proba a Santiago”. É meus pais: “Pero como
non dixeches nada?”, porque pensei que me estaban vacilando, e como non sei
dicir que non, pois aparecín alí.
Logo souben que un xornalista da Voz
da sección de Carballo lle dixera a Jorge Mira, porque lle preguntara: “Oe,
mira, vaise Yolanda, un nome que nos poidas dar?”, e el dixo: “María Canosa”,
que me entrevistara dúas veces pero… Díxolle: “Fala o galego moi natural, moi
fluído e moi normativo, seguro que vos vai moi ben”, entón mirade que cousas!
Santi Garrido, que é ese xornalista, e eu, agora, somos íntimos amigos, claro,
débolle metade da miña vida profesional a el!
Cheguei alí ó plató a facer unha
proba e ó día seguinte xa empezabamos a gravar. E foi horroroso! Eu estaba
nerviosísima, nunca fixera tele, entón claro, non tiña nin idea de como ía todo
aquilo. Vai todo a velocidade do lóstrego. Non tes tempo de ler o guión antes,
eu estaba totalmente agarrotada, de feito ó día seguinte levanteime cunhas
maniotas nas pernas como se viñese de correr unha maratón, non me podía mover
dos nervios e da tensión. As primeiras semanas foron así, un pouco tensas.
Ademais eu dicía: “Fágoo mal, fágoo mal, fágoo mal”. Tardei en verme na tele,
porque se emitiu meses despois, e cando me vin, eu quería morrer! Fun
consciente de tódolos erros de repente, pero levaba gravados xa catro meses
máis cometendo os mesmos erros. E eu dicía: “Ai non! Voume ter que ver catro
meses máis así!” Pero de todo se aprende. Agora, estas últimas tempadas pasábao
moi ben. Ademais, aprendín moitísimo e pasei a formar parte do equipo de
guionistas.
Que podo dicir do medio? Pois que
ese programa en concreto era un programa feito con moi poucos recursos, pero
con moitísimo cariño. Eu estou moi orgullosa de ter traballado en calquera dos
ter formatos: Cifras e letras, Verbas van e Coma un allo. Os guións e o programa estaban pensados dende o
cariño máis grande. Cometemos moitos erros, pero tamén algún acerto. Recibín
moito cariño, realmente entramos na casa da xente; canto te ven pola rúa,
fálache con moita familiaridade. Ás veces tamén é complicado intentar manter un
equilibrio entre o galego con total naturalidade e intentar ensinar a norma
sobre a lingua: vocabulario novo, etc. Eu penso que buscabamos ese equilibrio.
Para min a experiencia foi moi boa,
paseino moi ben e aprendín moitísimo. E quédome con todo iso, sobre todo co
cariño co que se facía.
Actualmente, realizas algún traballo relacionados co Grao de
Enxeñería de Camiños? Nalgún momento chegaches a compaxinar algún emprego
relacionado cos teus estudos, a escritura e ser guionista nalgún programa de
televisión?
Si,
eu penso que cando un máis traballo ten, máis fai. Tiven unha época na que
gravaba, estaba escribindo e traballaba en obra. Entón, cada dúas tardes
contábame como un día de vacacións. Eu remataba a media xornada da obra e,
mentres ía no coche para Santiago, ía comendo un bocadillo. E chegaba a tele
gravaba os catro ou cinco programas, dependendo da época, e volvía para casa. O
día seguinte volvía pola mañá á obra e ese día traballaba o día completo, e
cando tiña que gravar, outra vez, a unha deixaba a obra e ía no coche comendo
un bocadillo para traballar. As fins de semana, eu creo que era porque un está
tan activo que a mente como que rega máis, entón, ás veces tamén tomaba notas e
empezaba algunha historia. Son épocas que hai que aproveitar!
Tamén
é certo que agora levaba moito tempo sen escribir nada, con isto do
confinamento como que se me paralizou toda a actividade, tiven que adicarme a
outras cousas e como que quedei parada. Antes asustábame moito e estresábame.
Pero ó final, todo volve, todo ten o seu momento e hai que saberllo dar. Unha
cousa é traballar e outra cousa é forzar. Cando ti sentes que non é o momento
de que escribas nada, mellor non facelo, ou se o fas, vas acabar desbotándoo.
Cando pase o tempo, e o volvas ler, vaste dar conta de que non era a maneira de
contar esa historia, e probablemente a tensión que tiñas enriba se acabe
trasladando ao texto. Agora xa me afixen a adaptarme aos tempos que me marque a
vida, basicamente.
Agora
mesmo non estou facendo guións, porque non está o programa en activo, e
tampouco teño ningún traballo de enxeñeira, pero eu como son autónoma se me sae
un estudo, un informe, e podo facelo nese momento, seguirei facéndoo.
Actualmente estás escribindo algún libro?
Si,
estou escribindo un, non sei se pode contar pero penso que si, porque non está
en ningún concurso nin nada. Estou con outra cousa nova, que tampouco fixera
antes, e é escribir a biografía dunha persoa. Acabo de rematar o borrador da
biografía de Emilia Pardo Bazán, contada para rapaces mozos (primaria e ESO). O
ano que ven é o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán e é un momento
propicio para sacalo. Entón, xa fixen unha biografía que non fixera antes! Por
iso vos digo que non se me ocorrera nunca pero como me dixeron: “Oe, fasnos
isto?”. Dixen que si e cando empecei a ler a vida desta señora en profundidade
dixen: “Que intensidade! Como lle conto eu isto á rapazada?”, porque esta
muller é moito. Houbo que darlle moitas voltas, deume moito traballo, pero eu
penso que vai quedar unha cousa xeitosa para que se poida traballar en
distintas idades e sobre todo en centros escolares. Tendes unha primicia! Aínda
non teño o titulo así que iso non volo podo dicir, porque aínda non está
definido.
Que lle recomendarías a un mozo ou moza que estea comezando
a escribir os seus primeiros libros?
Primeiro
paciencia e tranquilidade porque os tempos da escrita non son os tempos da era
cibernética, non todo vai xa, todo o contrario vai todo moi amodiño, e ademais,
teimudez, que non desista. Aínda así, ler e escribir moito. Deixar pasar un
tempo para ler o que un mesmo escribe, porque co paso do tempo lese doutra
maneira, non dende dentro da historia. De feito, se a esqueces un pouquiño,
vala ver case como un lector, aínda que nunca se chega a ler como un lector.
Isto vaiche axudar a ser crítico contigo mesmo.
Que nos podes contar das túas visitas aos centros
educativos?
Son
marabillosos, a min danme vida, moitísima enerxía e animan moitísimo, pero
sobre todo tamén che baixan os fumes dunha maneira brutal, porque os rapaces,
sobre todo os pequenos, son tremendamente naturais e sinceros. Entón, se non
lles chegas, se non lles gusta ou se hai algo que pensan que é unha parvada,
vanche dicir: “Pero a ti como se che ocorreu poñer iso”. Entón danche unha
visión tan directa e tan evidente de como eles entenden a historia que é
marabilloso. A min encántame porque aprendo moitísimo e danche moitísimas
pistas do que fas ben e do que fas mal, do que tes que mellorar, do que lles
gusta, do que non... E logo tamén son moi agradecidos, eu síntome unha igual
con eles.
O
que máis me emociona deles é cando son capaces de expresar os seus sentimentos.
Cando nalgunha escola che din “choramos todos” e rinse, porque no fondo saben
que é unha historia inventada, pero houbo ese momento máxico e queren
contarcho. Para min iso é a maxia da literatura, cando queren compartirche eses
momentos nos que se viñeron abaixo ca túa historia. E é estupendo porque cho
queren contar! Sobre todo nesa época, que son preadolescentes, todos moi duros e
moi tirados para diante.
E
logo cos máis pequenos é algo como: “Acabaches xa?”. En plan, “Ata aquí
chegamos”, “Xa nos enchiches”, “Vaite xa”. Entón axúdanche moito a medir os
tempos. Cando fas un contacontos o mesmo. Eu agora xa dosifico, máis ou menos, canto
é moito para eles e canto é pouco. Aprendo moitísimo.
E
despois, con que un rapaz veña e che diga: “Encantoume este libro” ou “Grazas
por escribir este libro”. A min ese grazas é que me parte, é dicir só con iso,
valeu a pena os 25 anos que levo escribindo. É moi gratificante, pola parte
egoísta positiva, pero tamén é certo que aprendo moitísimo porque che dan leña
sen piedade, que é moi bo, porque ás veces a xente non se atreve a dicirche:
“Oe este libro non saíu ben”, pero eles vancho dicir. Entón para min é
marabilloso! Vouno votar tanto de menos este ano…
Que destacarías en canto ás actividades de promoción da
lectura que se fan? E ao emprego da biblioteca?
Depende
moito das persoas que estean ao cargo e da axuda que teñan. Hai que
entusiasmarse para entusiasmar. Hai bibliotecas moi humildes que ao mellor
necesitan desa persoa que faga que os rapaces se namoren delas, e logo hai
outras fermosísimas con moitas cores e dotadas de libros que parece que camiñan
soas, porque xa atraen. Entón, eu creo que hai un desequilibrio moi grande nese
sentido, sobre todo polos centros que levo visitado. Fun a centros nos que
segundo toca o timbre do recreo os nenos están na biblioteca para que lles
abran a porta e facer tráfico de libros e noutros practicamente non se vai a
biblioteca. Non o coñezo dende dentro, so como visitadora de centros escolares
e de bibliotecas municipais, e depende moito dos recursos cos que conten. Hai
concellos moi dinámicos onde a biblioteca é xa parte dun percorrido cultural e
outros concellos non teñen ese apego pola cultura, e a biblioteca queda un
pouco esquecida. Creo que hai un desequilibrio moi grande entre distintos
lugares e profesionais. O mesmo pasa cos docentes, hai docentes que se
involucran moito na necesidade da lectura e no seu fomento, e outros que moito
menos. Entón, dependemos un pouquiño diso.
Ademais,
considero que as axudas institucionais seguen a ser moi poucas. O programa Ler,
a min, fáiseme pequerrechiño para todo o ano e a dotación que se lle dá as
bibliotecas penso que tamén, polo que contan as bibliotecarias, é moi reducida.
Entón, se as institucións non respaldan o suficiente, acabamos dependendo do
factor humano moitas veces. E ás veces xa non é cousa do factor humano, ao
mellor unha biblioteca moi vella que está moi ben, pero que é moi vella, non
atrae tanto coma outra nova con cores e coxíns polo chan que se enche
practicamente soa, entón é un pouco inxusto.
Como nai, como ves a escola respecto da creación de hábitos
lectores? Cres que é un esforzo colectivo ou que depende da docente e da súa
implicación coa profesión?
Creo
que tamén depende moito das escolas. A miña pequerrecha non ten aínda tres
anos, entón tampouco é que conte moito o que fan no cole, pero si que me
sorprendeu o outro día cando chegou a casa, sentou nun moble da sala e dixo:
“Son Mónica (que é a súa mestra), vou contar un conto”. E eu dixen: “Ostras,
débenlle contar moitos contos!”.
No
colexio da maior, por exemplo, len e traen sempre lecturas. Os únicos deberes
que trae para casa é ler un cachiño do libro, ás veces antes de que o lean na
escola e outras veces xa é a lectura que fixeron no cole para a que reforcen.
Entón paréceme ben que os deberes sexan eses: precisamente ler, porque crean o
hábito de ler tódolos días. Ademais, len todos os días na clase e sei que
levan, ás veces, contacontos ou actividades referentes á lectura. Pero, por
exemplo ela, este ano non é un ano de referencia porque as bibliotecas dos
colexios están pechadas, pero o ano pasado non sabía se había biblioteca no
colexio. Estaba en primeiro de primaria, e nunca lle dixeron se había
biblioteca no colexio. Entón dicíame: “Penso que si porque os maiores van a un
sitio que eu lles vexo andar con libros” pero non o sabe, e xa era primeiro de
primaria. Entón, eu tampouco sei se teñen a biblioteca funcionando, espero que
si, pero non o sei realmente.
Penso
que se fan máis cousas agora ca antes, pero non sei se as suficientes. A min o
que me gusta, é cando se fai dunha maneira moi natural, cando se le na clase de
maneira natural. Se todos os días hai que ler, pois eles xa saben que todos os
días hai que ler. E saben que a base de todo o que van aprender é que lean ben.
E miña filla sábeo, porque niso insístenlle moito na clase. De feito, que o
poñan como un elemento básico si que me parece que é acertado. Agora creo que
tamén dependemos dos docentes e da implicación. Eu penso que ofertas hai, quen
se quere acoller a elas pode poñer libros de lectura, facer encontros cos
lectores, recorrer a contacontos, acudir a obras de teatro ou levar a obra de
teatro ao colexio… Penso que hai maneiras de achegar a lectura dunha maneira
divertida. De feito, mesmo o mestre pode facer unha lectura escenificada e
declamada. Ás veces, con que leves un peluche só para acompañar á lectura xa
está, ou implicalos a eles propondo que fagan cousiñas e as vaian lendo. Hai
recursos, é certo que me gustaría que houbese moitísimos máis, pero hai algúns
e podemos achegarnos a eles.
A
min o que máis medo me dá é cando chegan a certa idade. Todo depende de cada
centro en concreto e de cada docente, pero se o miramos de maneira xeral case
todos os coles teñen un algún libro de lectura por trimestre, en case todos os
coles se le, evidentemente, e en case todos teñen a súa biblioteca funcionando
dun xeito bastante correcto. Non obstante, chega unha idade, coa adolescencia,
no que xa non se le. Ós nenos, de pequenos, aínda se lles van comprando algúns
libros, pero xa de maiores, se non o piden non se lles compra, e iso tamén é
labor dos pais. Non o piden, pero tamén se poden agasallar libros para que non
se perda ese hábito lector e non só se
lea o libro que toca ler ese ano. Ese salto non sei como apañalo, non sei como
poderíamos facer, non teño nin a máis remota idea e preocúpame moitísimo. Eu
penso que é o punto máis feble da nosa literatura porque logo si que hai
adultos que retoman a lectura, pero hai unha franxa na xuventude, na que caemos
en picado e non sei por que.
Ningún comentario:
Publicar un comentario