De Evan, Alba; Domínguez, Xabier. (2021). Maxia de pedra. Xerais.
O formato da obra correspóndese ao dunha novela convencional. As cubertas son brandas e amosan unha ilustración da protagonista e do gato, ademais dun resumo na contracuberta. As solapas teñen os nomes doutros libros da colección e de recomendación para nenos e nenas de 12 anos. Na portada aparece o título do libro, os nomes dos autores e da ilustradora e unha pequena ilustración do gato protagonista. Na parte final do libro atópase a sección "Cando o autor fala de si", na que se reproduce unha entrevista aos autores, así como unha a Eli García, ilustradora.
Uns restos arqueolóxicos de orixe galega que se atopan en Roma son roubados cando viaxan de volta a Galicia. Anxela, unha nena de doce anos, atopa un gato de tres colas, con poderes máxicos, que é exactamente igual ao que estaba gravado no petróglifo roubado. Os protagonistas descobren unha relación máxica entre Roma e Galicia e sofren a persecución dun coleccionista de obras que pretende roubar o petróglifo. Despois de todo, os protagonistas conseguen superar os problemas e vivir felizmente co máxico segredo.
Na novela atópanse máis dunha ducia de ilustracións da autora Eli García. Ademais, ao final do libro atópase un caderno de campo con ilustracións e esquemas sobre arte rupestre.
Todas as ilustracións teñen un estilo sinxelo e pouco detallado, cos bordos dos obxectos delineados con cor negra e coloreados con cores planas. Semella un estilo xuvenil, fácil de imitar polos rapaces.
En relación ao contido, todas amosan imaxes das accións que ocorren no texto e axudan a pórse en situación. Algunha, como as da pantalla do teléfono móbil engaden información á narración.
Esta obra é interesante como lectura na aula para os últimos cursos de Educación Primaria. Con Maxia de pedra os nenos e nenas poderán traballar a cultura e historia galega, así como introducirse na riqueza patrimonial en petróglifos coa que conta a comunidade autónoma de Galicia.
A maiores, a historia pode atraer a moitos dos alumnos e alumnas da aula xa que conta con fantasía, misterio e acción. Todo isto, xunto á forma clara de escribir, consegue que a novela sexa doada e emocionante á hora de ler tanto para o alumnado como para o profesorado.
Como recurso en liña atópase subido ao canle de YouTube dun dos autores unha das entrevistas que lles realizaron no tempo de publicar a novela. Nela explican as peculiaridades de escribir un libro entre dúas persoas e diversas curiosidades da obra. https://www.youtube.com/watch?v=YpBFoS0n7a8
Ningún comentario:
Publicar un comentario