María Canosa, un percorrido pola súa historia
María Canosa Blanco nace o 20 de agosto de 1978 en Cee. É unha enxeñeira de Camiños, Canais e Portos galega, coñecida por ser unha importante escritora de literatura infantil e xuvenil e pola súa participación como xurado en diversos programas de concursos da Televisión de Galicia. É filla de Concha Blanco, que é unha importante pedagoga, profesora e escritora galega. Foi unha das primeiras autoras de materiais didácticos para a ensinanza galega.
Dende os inicios da súa profesión compaxinou a súa faceta de enxeñeira coa de escritora, así como a de guionista en algúns programas da TVG. Foi contertulia en varios programas radiofónicos da Radio Galega e Radio Voz. Foi a «experta» en letras nos concursos dos programas de TVG “Cifras e letras” e “Verbas van”.
Pensamos en facer a entrevista a María Canosa xa que nos chamaron moito a atención as súas obras e sobre todo a súa vida. Quixemos indagar nesa dobre faceta de escritora e enxeñeira de camiños. Cando se realizou a súa entrevista no ciclo de literatura pareceunos unha persoa agradable e pensamos en que poderíamos realizar unha moi boa entrevista con ela.
Outra cousa que queríamos saber era como se sentía ó ser filla doutra escritora, como se levaba iso e como está reflexado nas súas obras ou se o consideraba irrelevante.
Como foron os teus primeiros momentos na escritura?
Comecei a escribir inconscientemente, para min foi como un xogo, coma cando xogas a profes, pero eu xogaba a ser escritora. Era unha maneira de escribir para min e non para os demais.
A historia de cando comecei a editar é moito máis fermosa. Nun comezo de curso no corredor do instituto atopei as bases dun concurso e o verán pasado chovera moito e eu pasara moito tempo na casa e os meus primos e mais eu xogabamos a escribir, compartindo entre todos as historias e como encaixaba nas bases do concurso, decidín mandala, non gañei pero quedei finalista, e convidáronme a unha cea cos gañadores e os finalistas, eu levei a meus pais, e xusto cadrou que estabamos sentados na mesa con Don Manuel Beiras García, que traballa moito pola cultura galega, funme sen saber quen era, e os poucos días chamáronme da Fundación para ver se lles podían dar o meu enderezo, porque ese señor tiña interese en poñerse en contacto conmigo para pasarlle o texto. Él dixérame que non me apresurase e desafortunadamente, nese tempo, Manuel Beiras faleceu, pero co tempo miña nai, animóume a localizalo e pensaron que por idade estaría en Edicións do Castro. Chamei, e dixéronme que estaban buscando a autora dese texto porque o querían publicar e así foi como fun consciente do que significaba publicar e escribir para os demais. Xuntei moitos nervios, moita emoción, moita alegría e tamén entroume moito medo porque me chegou a responsabilidade, e decateime do difícil que era. Polo que eu sempre digo que a miña fada madriña é un fado padriño o que posibilitou que o meu libro saíse a luz.
Ser filla de escritora marca moito? Polo que temos entendido a túa nai tamén é escritora e unha importante pedagoga, crees que te inspirou á hora de comenzar a escribir libros?
A verdade e que é curioso porque moita xente aínda non nos asocia. Eu asino co primeiro apelido e ela asina tamén co seu primeiro apelido. Cando era máis nova era coma unha laxe porque a xente dicía: Ah! bueno claro, ti es filla de Concha Blanco, como se ser filla de escritora significa ter que escribir, entón restaba moitisimo mérito. Pero eu penso que o tempo vai poñendo as cousas no seu sitio, escribimos de maneira diferente, pero por outra parte, sinto unha fachenda moi grande porque a miña nai foi das pioneiras que houbo en Galicia da literatura Infantil. É unha responsabilidade, pero eu sempre digo que quen nace nun ambiente pode propiciar, pero non estou convencida de que o amor por contar historias se herde é algo tes que levar dentro, pero escribir é un oficio e tamén se aprende, hai moito traballo.
Polo que vemos ás tes moitas obras narrativas menos Ronca o mar, Acuario, Acuario 1, O libro dos medos, aínda que tamén tes poesía e guións cinematográficos, e teatrais gustaríache escribir algún outro xénero literario?
Co teatro aínda me estou atrevendo, participei nun espectáculo teatral facendo un texto de esa obra con unhas características que me solicitou a compañía teatral, pero era un texto colectivo, con tres persoas, entón foi como romper o medo ao teatro, prometo facer algo máis, que non se si se publicará ou se se chegará a representar pero ameazo con facelo, unha nunca sabe o que acabará facendo. Escribín “A peregrina gastrónoma” que é unha guía de viaxes polo camiño de Santiago. A min nunca se me pasou pola cabeza que eu faría un libro dunha guía de viaxes e menos dunha peregrinación por Galicia e fíxeno porque me propuxeron a idea e gustoume, entón as veces necesito ese empuxon. A min gústame creer en min mesma.
Agora mesmo, supoño que me gustaría escribir algo de ciencia, que xa anda algo pola cabeza, e así volvería a unir as miñas dúas facetas, a científica e a literaria. É certo que a min me gusta moito cambiar de xénero, de estilo, de idades, de público... porque me axuda para saír dunha historia e meterme de cheo noutra, necesito poñerme retos a min mesma.
Tes algún autor ou autora favorito/de referencia?
Está claro que a miña autora de referencia é a miña nai, polo momento no que ela comezou, por ese amor tan grande que ten ela a escrita e pola súa forma de creer neste oficio. Para min é admirable que ela este alí na súa casa, traballando con total tranquilidade. A ela impórtalle o seu traballo, antes eran os seus alumnos e agora abriu moito o campo dos seus lectores. É como unha formiguiña que cando ten tempo, fai o que ela considera que debe facer que é escribir o que nese momento lle parece que ten que escribir, sen deixarse influenciar por aspectos externos. O papel máis importante que ten agora é o de avoa, non hai nada máis no mundo que as súas netas, aprendín dela o de observar porque ó mellor ás veces está cas netas e está mirando a que xogan, como falan e está xerando ideas. Fóra de miña nai, a min encántame Castelao, con catro liñas e duas frases, facía unha foto da sociedade nese momento que por degraza moitas veces aínda é a deste momento.
Cales son as túas lecturas? Teñen unha orde? Ou depende do momento, do estado de ánimo ou doutras cuestións?
Depende do momento, do estado de ánimo, do que me recomenden, do que me agasallen, do xurado do que forme parte. Agora por exemplo formo parte dun proceso no que son xurado dun premio e estou lendo tanto e incluso ás veces, tan apurada que penso que logo vou necesitar unha etapa de non ler, que tamen a hai, non adoita durar moito, se leo moitas novelas semellantes, necesito cambiar e coma se contaminase unhas con outras, vou cambiando porque axúdame a fraccionar. Deixome asesorar por xente moi diferente que lee cousas moi diferentes e unha maneira de que me abran os ollos e a miña visión da literatura.
Algún autor ou obra inspírate para escribir?
A inspiración tamén depende moitísimo do momento e do que teñas gañas de facer e supoño que hai moitos autores e moitas obras que me inspiran e hai cousas que les e dis: “Ah! como me gustaría a min ter escrito isto!” non? “Como non se me ocorreu facelo a min?”, pero tamén depende do momento e de como esteas, eu creo que máis que algo en concreto, son fontes das que vas bebendo. O outro día aínda lle dicía nun curso a unhas rapazas: “O que tedes que facer é ler moito, porque canto máis leades, máis ides saber como queredes que vos conten as cousas e ídelas a acabar contando así, como vos gustaría que vo-las contasen a vós”, eu non son capaz de converterme noutra persoa completamente para escribir dunha maneira diferente, son capaz de crear personaxes diferentes pero ao final esa historia vouna contar dende a miña maneira inevitablemente e penso no fondo que é o mellor, porque se eu inténtase contalo como outro escritor, non sería eu.
Tes un lugar especial onde encontras a inspiración de maneira máis doada ou en calquer espazo es capaz de inspirarte?
Gústame escribir a man e en cadernos e penso que é o meu lugar de escrita. Por circunstancias da vida afíxenme a escribir onde me cadra. Como tiven unha tempada que cambiaba moitísimo de domicilio e de lugares, non tiña un espazo para min. Estamos agora intentando facer un recuncho para poder ter xa por fin a miña mesa, entón como me tiven que afacer e escribir onde cadraba, eu creo que o meu lugar é un caderno, un caderno se pode ser que non teña raias, con páxinas en branco. É certo que me gusta escribir en lugares que sexan tranquilos, antes escribía mellor pola noite pero é que agora chego tan derreada que pola noite, é que se me sento a ver a tele non sei nin o que estou vendo, entón bueno, depende un pouco tamén, tamén da época, eu afíxenme a escribir a cachiños e en distintos lugares. Sí que é certo que teño predilección con escribir dentro do coche, sobre todo se chove, pero penso que é porque me sinto como protexida.
E agora íbamosche preguntar polo horario pero dixeches que che gustaba máis escribir de noite.
Sí, gustábame máis pero bueno, agora adáptome, o horario é o tempo que me deixan os demais quefaceres basicamente.
Cando publicas un novo libro, como llo presentas á túa nai? Ofrece a súa opinión como nai ou a súa crítica como escritora?
Os primeiros que leen os meus escritos son os meus pais, ás veces antes meu pai que miña nai. Meu pai é máis condecendente e miña nai é máis escritora, entón si que, si que me di algunha cousa se non lle gusta ou non lle cadra. Sobre todo cando ten dúbidas non é que me diga: “Non me gusta” di “Non sei”, porque respeta o que fan os demais, entón dime: “Eu esto non o entendo” ou “Eu isto penso que non queda claro”. Tamén me di as cousas boas: “Gústame moito esta parte”, “Gústame moito como enfocas isto” ó mellor dime : “Mira, pois é moi lento” aínda así ela dime : “Non vale para todos os lectores” pero eu ás veces eso xa o sei aínda así quero escribir ese libro, aínda a expensas de saber que non o vai ler moita xente ou que non vai ser do agrado de moita xente, sempre dicindo “É o teu libro, é a túa historia e a túa maneira de contalo” máis que nada é cando ve algo non é congruente ou que pensa que non queda claro, aí é onde fai máis fincapé.
Que te levou a facer unha carreira técnica? Que atopas na exactitude dos números como complementario á inexactitude da literatura?
Eu sempre fun das dúas cousas, non é que cambiase, sempre pero sempre me tiraron as ciencias, de feito o meu problema chegou en bacharelato cando tiven que decidir ciencias ou letras, en xuño cando cheguei a septembro, o día antes de comezar o curso. Ás veces non che queda máis remedio que decidir baixo presión entón a miña opción era ou vou por letras e sigo facendo ciencia dalgún xeito pola miña conta ou vou por ciencias e sigo facendo algo de letras, o máis factible era ir por ciencias e seguir escribindo e lendo e todo iso pola miña conta. E porque elixín camiños? Pois aínda non o sei moi ben, eu o que quería era unha carreira que fose útil sobre todo para os demais, tiña esa vertente social e enxeñería civil pois era unha carreira que estaba ó servizo da sociedade. Decidinme quizais por camiños porque era moi variada eu non quería facer só matemáticas ou física, entón en camiños atopeime con cálculo, álxebra, materias de construcción, dereito, historia… hai un montón de disciplinas e moita variedade.
Nalgunhas das túas obras prima a fantasía, iso semella o polo oposto ao técnico?
Sí, o que dicías antes que me dan os números de exactos e de inexactos a literatura. É un pouco como a fantasía e a realidade, está moi ben enfiado así que xa respondo as dúas cousas á vez. Eu sempre digo que na enxeñaría hai que seguir tantas normas, tantas prescripcións, tantos condicionantes que practicamente che queda un só camiño polo que ir. Tes que deseñar una estrutura, pero os números teñen que ser os que son. Por outra parte tamén os cartos, por outra parte o coidado co medio ambiente, por outra parte a seguridade, entón, estás atendendo a tantas cousas, tan sometido a tanta norma, que na literatura me deixo voar. Sempre digo que a enxeñaría é coa cabeza recta e a literatura co corazón un pouco máis aberto. Entón creo que tamén é un bo equilibrio. É algo que se van complementando. Tamén é certo que cando traballo de enxeñeira, pois ó mellor redacto doutra maneira as cousas que se non fose escritora, intento buscarlle sempre a parte máis romántica e máis bonita á enxeñería. Entón eu penso que é, un pouco, un complemento dunha cousa con outra.
Se puideses ser algún personaxe das túas obras, cal elexirías?
Fun un pouco todos. Moitos dos personaxes fágoos porque me gustaría ser eles. Pero se me obrigades a elixir un, penso que sería Megumi, a cazadora de estrelas, pola teimudez que ten para conseguir as cousas, pero sobre todo por como as consegue. De responder coa mesma xenreira coa que nos atacan, ela non toma a xustiza pola man nunca, e acaba chegando ó seu obxectivo. A lectura que eu quero que saquen os rapaces dese libro é que se o pensas coa cabeza e fas as cousas ben, non o consegues só para ti, conséguelo para toda a sociedade, que é o que se pretende no fondo, cambiar as cousas, buscar a xustiza, pero para todos, como un ben común, por dicilo dalgún xeito.
Un bo número das túas obras están ilustradas por Dani Padrón, fálanos da vosa relación creativa.
É moi curioso, porque ademais, eu coñecín a Dani grazas os libros, grazas as historias. Coñecémonos nun certame moi curioso que é o “Premio Pura e Dora Vázquez”. É curioso porque eu non coñezo outro que sexa así, que se falle por un lado un texto, e despois, dese texto, se faga un concurso das ilustracións. Entón, eu gañei a parte do texto, e Dani Padrón foi o gañador, ese ano, das ilustracións, é dicir, ilustrou o meu libro Papaventos de Laura, e coñecémonos. Coñecémonos na entrega de premios, e xa nos caemos ben, é un rapaz moi tranquilo, moi discreto, gustoume esa calma e intercambiamos os teléfonos e fixémonos amigos. Coincidiu que nesa época vivíamos os dous na Coruña, e entón comezamos a quedar, a traballar algo xuntos, a facer propostas e unha cousa levou a outra! Ten unha visión do traballo de ilustrador que a min me convence moito, unha maneira de traballar que a min me gusta moito, un xeito de completar as historias, tamén, moi bonito, e logo é super crítico! El si que é máis crítico que miña nai cando le os textos! Cando llos paso dime “boli rojo”, el chámalle boli rojo, dime “aquí boli rojo” cando algo non lle gusta, non lle convence, parécelle que está de máis, que non o explico ben, que non lle cadra, que… É moi sincero! Entón, o que non lle gusta dime “María, esto non me gusta!”, e a min encántame que sexa así de sincero. Tamén é certo que eu o son con el, e de feito, na Cazadora de estrelas, da que vos acabo de falar, o primeiro boceto que fixo, non foi que quedou. Cando ma enviou, dixen “Uhmm” e era precioso o debuxo, pero era como moi infantil e eu quería crear un pouco de misterio coa idade que tiña Megumi, porque non quería encadrala nunha idade, sobre todo moi pequena. Quería que fose un abano máis amplo que para se achegasen máis rapaces aínda a esa historia, non? E xente adulta… Entón, entendeuno perfectamente e cambiamos o deseño da protagonista. Entón, ten que haber unha camadería moi grande, non? E incluso, xa vai dicir que non, e algo que nos define na nosa relación de amizade non? “Pois María, isto non cho podo facer” ou “non é un bo momento para min” ou “Dani, pois non che podo facer un texto para isto” ou ó contrario “María teño estas ilustracións, ti serías capaz de facer un libro con elas?” e intentámolo. De aí naceu, por exemplo, Pasen e miren. Eran un debuxos que el tiña que eu tiven que converter nun libro. Entón, poñémonos retos e somos moi sinceros o un co outro. Entón eu penso que é a base da nosa amizade, non? A sinceridade. Que non é fácil eh! Eu, sobre todo, dende que son nai, son consciente de que moitas veces e moitísimo máis difícil dicir que non, que dalo todo para adiante. Entón, ter ese poder de dicirlle o outro “non”, está moi ben. Pero bueno, teño que agradecer que é iso: a partir dun concurso, e dun xurado e dun libro que fixemos en común, acabamos, co paso do tempo, converténdonos en amigos e traballando xuntos e moi ben, moi cómodos.
Levas anos traballando en diferentes programas da televisión. Como comezaches nese mundo? Que relación podes establecer entre o mundo audiovisual e o literario?
Comecei por non saber dicir que non. Contactoume un día Paco Lordeiro e díxome “María son Paco Lodeiro, chámame, por favor. Teño que contactar contigo.” Eu estaba convencida de que era unha broma. Ó final contoume que Yolanda tivera que deixar o programa de Cifras e Letras, e eu na miña cabeza, estaba completamente convencida, de que como era cerca das Letras Galegas, ían facer un Cifras e letras especial e que me chamaban de concursante. E eu dicía “voume poñer nerviosísima, vouno facer fatal, pero eu non vou saber dicirlle que non vou ir”. Total, que me dixo que Yolanda tiña que deixar, que tiña que empezar a gravar e que se me interesaba a min formar parte dun proceso de selección. Non o crin moito, e díxenlle que si, claro, que si que podían contar comigo. Ó final acabou chamándome máis adiante e practicamente dun día para outro tiven que empezar a gravar. Logo souben que un xornalista da Voz da sección de Carballo lle dixera a Jorge Mira, porque lle preguntara “oe, mira, vaise Yolanda, un nome que nos poidas dar?” e el dixo: “María Canosa”. Díxolle: “fala o galego moi natural, moi fluído e moi normativo, seguro que vos vai moi ben”, Santi Garrido, ese xornalista, do que agora son íntima amiga.
Actualmente, realizas algún traballo relacionados co Grao de Enxeñería de Camiños? Nalgún momento chegaches a compaxinar algún emprego relacionado cos teus estudos, a escritura e ser guionista nalgún programa de televisión?
Sí, eu penso que cando máis traballo se ten, máis se fai. Tiven unha época na que grababa e estaba escribindo e traballaba en obra. Cada dúas tardes contábame como día de vacacións. Eu remataba a miña xornada da obra e mentras ía no coche para Santiago ía comendo un bocadillo. Chegaba a tele grababa os catro ou cinco programas, dependendo da época e volvía para casa. Ó día seguinte volvía pola maña á obra. Ó día seguinte de grabar outra vez, a unha deixaba a obra e ía no coche comendo un bocadillo a traballar. As fins de semana eu creo que era porque un está tan activo que a mente é como que rega máis e ás veces tamén tomaba notas e empezaba algunha historia. É certo que agora levaba moito tempo sen escribir nada. Últimamente con isto do confinamento como que se me paralizou toda a actividade, tiven que dedicarme a outras cousas e como que quedas parado. Antes asustábame moito e estresábame moito e dicía todo volve e todo ten o seu momento e hai que saber tamen darlle o seu momento. As veces non é. Cando ti sentes que non é o momento de escribir é mellor non facelo porque se o fas vas acabar desvotándoo cando pase o tempo. Agora xa me adaptei aos tempos que me marca a vida. Agora mesmo non estou facendo guións porque non está o programa en activo e tampouco teño ningún traballo de enxeñeira, pero eu como son autónoma se me sae un estudo, un informe e podo facelo seguirei facéndoo.
Actualmente estás escribindo algún libro?
Sí, estou escribindo un, non sei se se pode contar agora pero penso que sí porque non esta en ningún concurso nin nada. Estou como noutra cousa nova que tampouco fixera antes que é escribir a biografía dunha persoa, acabo de rematar o borrador da biografía de Emilia Pardo Bazán contada para rapaces mozos, non para nenos pequerrechiños, pero podríamos dicir que para Primaria e ESO. Acabo de rematar o borrador e necesito dárlle un pouco de descanso antes de volver a revisar xa que o ano que ven é o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán e é un momento propicio para sacalo. Xa fixen unha biografía que nunca fixera antes, pero como me dixeron: Oye fásnos isto? Dixen que si e cando empecei a ler a vida desta señora en profundidade dixen: Menuda intensidade! cómo lle conto eu isto a rapazada, porque esta muller é moito. Houbo que dárlle moitas voltas, déume moito traballo pero eu penso que vai quedar unha cousa xeitosa para poder traballar con distintas idades e sobre todo en centros escolares, así que tendes unha primicia! Aínda non teño o título así que iso non volo podo dicir porque aínda non está definido.
Que lle recomendarías a un mozo ou moza que estea comenzando a escribir os seus primeiros libros?
Primeiro paciencia, tranquilidade porque os tempos da escrita non son os tempos da era cibernética, todo o contrario, vai todo moi amodiño e teimudez, que non desistan pero sobre todo ler moito e escribir moito e deixar pasar un tempo para ler o que se escribe porque có paso do tempo lese doutra maneira, se esqueces un pouquiño a túa propia historia vala ver casi coma un lector. Isto vaiche axudar a ser crítico contigo mesmo.
Que nos podes contar das túas visitas aos centros educativos?
Son maravillosos, a min dánme vida e moitísima enerxía e animan moitísimo pero sobre todo tamén che baixan os fumes dunha maneira brutal porque os rapaces sobre todo os pequenos son tremendamente naturais e sinceros, se non lles chegas, non lles chegas e se non lles gusta, non lles gusta e se hai algo que pensan que é unha parvada vanche dicir: Pero a ti como se che ocorreu poñer iso? Danche unha visión tan directa tan evidente de cómo eles entenden a historia que é maravilloso, a mín encántame porque aprendo moitísimo e dánche moitísimas pistas do que fas ben, do que fas mal, e logo tamén son moi agradecidos. Eu síntome coma unha igual, o que máis me emociona deles é cando son capaces de expresar os seus sentimentos, cando nalgún cole che din : Chorou toda a clase! e rínse e dínche : choramos todos! No fondo saben que é unha historia inventada pero houbo ese momento máxico e queren contarcho. Para min iso é a maxia da literatura. Nesa época, que son preadolescentes,son todos moi duros e tirados para diante, que se viñeran abaixo ca túa historia e quérancho contar é estupendo. E logo, cós máis pequenos: Acabaches xa? En plan, hasta aquí chegamos! Vaite xa! Axúdanche moito a medir os tempos. Cando fago un contacontos por exemplo, xa dosifico canto é moito e canto é pouco para eles. Eu aprendo moitísimo cando un rapaz ven e che dí: Encantoume este libro ou grazas por escribir este libro. A mín ese grazas párteme, só con iso vale a pena os 25 anos que levo escribindo. É moi gratificante, pero tamén é certo que aprendo moitísimo, dánche leña sen piedade que tamén é bó porque ás veces a xente non se atreve a dicirche: Oye, este libro non saíu ben! Pero eles vancho dicir. Para mín é maravilloso, vouno votar moito de menos este ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario