Entrevista
a autora de literatura infantil e xuvenil An Alfaya
“Ser un mesmo e sentirse libre escribindo sen pensar en se o texto gustará ou non aos lectores, é o maior pracer que un autor pode ter.”
A protagonista desta entrevista é Mª
de los Ángeles Alfaya Fernández. Naceu no ano 1964, e con tan só 15 anos,
comezou a soñar con ser escritora.
É a autora de varias obras moi
importantes para a literatura infantil e xuvenil galega como: A sombra descalza, Illa Soidade, Areaquente, O Grupo, Soleando ou O fío vermello. A súa primeira obra é O maquinista Antón, escribiuna no
ano 1993 e a última ata a data é Soleando
publicada no ano 2019.
Obtivo numerosos premios dos que
destacan o premio Merlín, o Arcebispo Xoán de San Clemente, o Lazarillo de
Literatura Xuvenil e o premio de Teatro Infantil Xeración Nós.
O motivo que nos levou a entrevistar a esta autora e indagar sobre ela, foi a súa valentía por abordar temáticas que a sociedade aínda considera tabús.
Tes un horario para poñerte a
escribir ou calquera momento do día pode ser bo?
Pois non, non teño ningún horario concreto porque dende sempre compaxino a escrita coa outra actividade profesional que teño, coa vida familiar, e, entón resúltame moi difícil dicir “todos os días a tal hora poñerme a escribir…”. Tamén se me poño a escribir, nese senso, dáme unha sensación de que formalizo en exceso o acto literario, e non é que isto estea mal, porque oxalá puidéramos vivir da literatura.
Síntome máis libre se escribo, non tanto cando me programo, senón cando teño unhas ideas, que me moven a escribir, entón si, nese momento, cando hai algo que tira de min para escribir, aproveito calquera momento, calquera espazo que teño libre.
Incluso lle quito horas ao sono, ao lecer e ao tempo libre, todo o que podo dedícollo á escrita, pero non hai ningún horario concreto, nunca o houbo. Aínda que na miña vida cotiá son unha persoa bastante ordenada, na vida literaria son moi anárquica.
Porque non é mellor pola noite que polo día, non?, Iso non ten nada que ver, non?
Non, no meu caso non. Coñezo, por exemplo outros escritores e escritoras que si que teñen un horario que lles serve para ter a súa vida máis organizada. Eu lembro os primeiros anos da miña vida sobre todo cando era nova e tiña que criar a miña primeira filla, estaba estudando ao mesmo tempo… publicouse á miña primeira obra O maquinista Antón, saíu nunha peza de teatro e era noviña aínda. Daquela aínda non había nin ordenadores, nin portátiles, o que tiña era simplemente un caderno, un lapis ou un bolígrafo. Viaxaba dúas tardes á semana, ía Vigo-Santiago, pola mañá traballaba no meu despacho, na oficina, e polas tardes collía o tren e ía a Santiago, onde estudaba Criminoloxía, e nesas viaxes que facía indo Vigo-Santiago, Santiago- Vigo, era onde aproveitaba para escribir as miñas historias, concretamente O maquinista Antón xurdiu dunhas desas viaxes.
Logo na época que estiven estudando en Madrid, tamén pasou o mesmo, como viña tódalas semanas Vigo-Madrid, Madrid-Vigo, marchaba o luns e volvía o xoves pola noite, nesas viaxes en autobús tamén escribía moitísimo, porque eran viaxes de oito horas.
Non me importa estar en movemento, escribo moitísimo, ás veces incluso estar pasiva non creades que me inspira en exceso, quizais porque como sempre tiven que compaxinar a miña vida familiar coa miña vida laboral pois non tiven máis remedio que adaptarme a esa situación.
Como está ambientado o teu lugar de traballo e onde adoitas escribir?
Non teño un lugar concreto de traballo porque precisamente son bastante itinerante, agora, cando preciso escribir porque xa teño unha idea moi desenvolta e necesito horas de traballo seguido, este é un lugar que está rodeado de moitos libros.
Non me gusta traballar con ruído, hai xente que utiliza
música de fondo, a min a música, por exemplo, despístame, porque como me gusta
moito escoitala esquezo as miñas ideas, entón procuro que o espazo estea
exclusivamente rodeado de libros e de obxectos cotiás. Eu son moi amiga por
exemplo dos mouchos, na miña casa, no meu traballo, adoito a ter unha morea de
figuriñas, colgantes, imaxes que os representan.
Podes contar unha anécdota que che ocorrese relacionada co mundo da literatura?
Case todos os libros xorden de anécdotas. Por exemplo A sombra descalza, é unha das novelas que escribín con mais gusto, non xurdiu dunha idea preconcibida, senón que foi algo bastante espontáneo, que xurdiu dunha anécdota que vivín.
Preto da miña casa eu ía a un salón de peiteado e a ese salón adoitaban ir as velliñas do lugar e cada unha delas contaba as anécdotas da súa vida, sentábanse todas en fileira e ían contando. E eu como son unha persoa que me gusta escoitar as historias dos maiores, sempre puña a orella.
Chegou un día unha delas, e empezou a dicir“hai que ver que
ven calzadiñas estades todas, tedes uns zapatos moi bonitos”, e a muller
empezou a mirar para todos os pés.
E continuaba a dicir“ hai moitísimos anos neste lugar vivía unha muller que andaba sempre polos camiños cos pés espidos e nos que eramos unhas nenas diciamos, pero que lle pasará a esa muller que anda sempre cos pés espidos? , entón fun onda miña nai e pregunteille, -”que lle pasa a esa muller que anda cos pés espidos?”, e miña nai respondeume -“nena, cala que son cousas que non se poden preguntar”. Entón fun correndo onde meu pai a preguntarlle o mesmo e díxome esa mesma frase, e os avós igual. Chegou un día no que a señora faleceu e eu que era moi curiosa , fun a vela ao ataúde e vin que estaba calzada, entón preguntei porque os levaba postos agora se xa non lle facían falta e volvéronme responder o mesmo”.
As que estábamos no salón, ao ver que a muller rematara a historia, preguntarámoslle porque ía sempre cos pés espidos esa, e a velliña dixera: “calade calade, que esas son cousas que non se poden preguntar”.
Aí naceu A sombra descalza. Naquel momento pensei: “Mi madriña, aquí teño unha historia”. Cheguei a casa, púxenme diante do ordenador e comecei a escribir. En trinta días, tiña a obra rematada.
Cal é o teu escritor/escritora
favorito? En caso de que o/a teñas.
Na miña época máis moza, sempre tiven moito interese polos autores hispanoamericanos, estou falando de Borges, Cortázar, Sábato… Deixaron en min unha pegada moi importante igual que a poesía de Lorca ou Miguel Hernández…
“Cando iniciei os
estudos de Maxisterio Descubrín un mundo descoñecido de escritores e
escritoras en galego. Daquelas tiña pouca formación na literatura galega, e
con este descubrimento, coñecín outra forma de escribir e de comprender
novas realidades.“ |
Eu, por exemplo, non estudei unha materia en galego, empecei a ter coñecemento dos autores e autoras que escribían en galego cando iniciei os estudos de Maxisterio. Descubrín un mundo descoñecido de escritores e escritoras en galego. Daquelas tiña pouca formación na literatura galega, e con este descubrimento, coñecín outra forma de escribir e de comprender novas realidades.
A combinación de todo iso levoume a ser máis selectiva nas miñas lecturas pero todas as lecturas que teñan un fondo de realismo social son as que máis me interesan, tanto como lectora, como creadora. Teño unha atracción especial por toda a temática da psicoloxía, a socioloxía, a criminoloxía... Os autores/as que dalgunha maneira traten unha historia por esa vía, procuro investigalos e achegarme a eles ou a elas.
Estás escribindo algún libro nestes momentos?
Esta é unha época un pouco estraña para min. A época da pandemia serviulles a moitos/as autores/as para estar máis creativos/as, con iso de que “temos máis tempo”, pero en min provocou un efecto contrario.
Si que escribo, si que teño algunha historia rematada, pero creo que un pouco forzada en min, estoume obrigando a emocionarme precisamente para non perder a ilusión na propia escrita. Ao estar en contacto co lectorado revitaliza dunha maneira a ansia, a ilusión, o desexo de seguir escribindo e creando, este ano todo isto veuse abaixo. Teño un par de historias, unha novela infantil e outra xuvenil, que conseguín rematar pero necesitan un tempo de repouso, e non sei que pasará con elas.
“Unha
cousa que me segue dando pudor, é enviar a miña historia directamente a unha
editorial, co meu nome, que a lean, que me digan se a publican ou non. Por
iso moitas veces fago a proba de enviala a Premios.” |
Esas obras que enviaches a unha
editorial, resultouche difícil atopala?
As editoriais ás que finalmente enviei algo, foron editoriais nas que xa tiña publicado algún texto. Non lembro enviar un texto ou algún libro, a unha editorial ao chou.
Da que si me lembro, é dunha novela adulta, Muros de aire, co tema central do suicidio. Envieina a un premio, pero non gañou nada, tíñaa aí e chegou un momento no que necesitaba sacala adiante. Polo tanto, neste caso decidín enviala a unha editorial, en concreto a Edicións Xerais. Non pedín que ma publicaran, simplemente que fosen obxectivos e me dixeran que cousas tiña que mellorar. Finalmente dixeron que era totalmente publicable e que non tiña máis problema, e publicouse. Esta foi a primeira novela que enviei co meu nome.
Como fas para atopar novas ideas? Hai algún sitio ou persoa que te inspire?
A
inspiración e as ideas chéganme do mundo real. Non sei si coñecedes algo da
miña obra, pero se vos fixades nun anaco da miña vida literaria, a temática que sempre me interesou
foi a social, a psicolóxica, a emocional. Considero que estas son as máis inspiradoras, non hai nada máis
estimulante que a realidade tráxica.
A felicidade non é algo que me inspire, non son capaz de crear a partir diso, pola contra as situacións de tristura e desacougo, son as que me atrapan. A min como lectora gústame a novela negra, pero interésame menos a investigación policial que o carácter dos personaxes, a súa complexidade psicolóxica, considérome unha lectora de personaxes, gústame descubrir cando un señor ou unha señora mata alguén, cal é o funcionamento da súa cabeza, o motivo de que se perverta…
“A felicidade non é algo que me
inspire, non son capaz de crear a partir diso, pola contra as situacións de
tristura e desacougo, son as que me
atrapan” |
Cando
aparece no xornal unha noticia, como por exemplo, un pederasta que levaba anos
comportándose como un ser humano normal e corrente, que leva aos seus fillos ao
colexio, e descobren que ten no soto da súa casa, oculta, unha nena que raptou
fai 10 anos, é o que a min como lectora me atrapa. Isto que parece como moi
novelesco, e en realidade non o é, como por desgraza forma parte da maldade do
ser humano, fai que xurdan en min uns
sentimentos de inquedanza e inestabilidade como persoa e impúlsame a hora de
construír personaxes, ben para a literatura adulta como para a infantil e
xuvenil, a que sexan suxeitos que teñan estas arestas, que non sexan planos,
senón que teñan esta tendencia a escuridade.
A vida real é o que me inspira, e moitas veces é máis escura que as propias historias que construímos.
Como é a relación cos
ilustradores/as? Nalgunha ocasión ilustraches ti mesma algún dos teus libros?
A
relación cos ilustradores cada vez é máis estreita, houbo un tempo no que
apenas había relación ningunha, o editor escollía por un lado a obra e por
outro lado o ilustrador/a e a simbiose non se producía entre ambos, por sorte
hoxe en día xa hai máis comunicación. En calquera caso eu sempre digo que unha
cousa é a obra do creador, autor, escritor e outra é a do ilustrador/a, que ten
toda a liberdade do mundo a reinterpretar, a reconstruír o seu propio universo
a partir do texto que se lle ofrece.
No
caso das miñas obras, pasoume con determinados libros nos que eu na miña mente
pensaba nunhas ilustracións concretas, e cando chegou o libro ilustrado quedei
como sorprendida, pensando que ese non era o meu libro, e claro non era só o
meu libro, era o meu libro mais o libro do ilustrador. Tiven que comprender que
o ilustrador/a ten unha visión distinta que non ten porque coincidir coa miña, por
iso hoxe en día búscase esa comunicación entre ambos para que sexa un traballo
satisfactorio.
Insisto
en que a min paréceme que o ilustrador ten que dar a súa percepción e os
escritores temos que aceptar absolutamente o seu universo, aínda que sexa dentro
das nosas historias e a pesar de que non concorden co imaxinario que tiñamos
preestablecido.
E
en canto a se ilustrei algún libro meu, a miña capacidade de debuxo pode
dicirse que non é moita. Soamente unha vez fixen unha pequeniña incursión no
mundo da ilustración, a raíz dos meus
estudos de Maxisterio, nunha das materias, en Lingüística, o profesor
pediunos que creásemos unha historia, e eu escribín unha historia
titulada Tita, sobre unha verme
chamada Tita e pediunos tamén que fixésemos, na medida que puidésemos, unhas
ilustración para ese conto.
Ese conto quedou aí durmido e houbo un ano, eu xa rematara a carreira, no que se convocou en Andalucía, un concurso, no que encaixaba o conto Tita, así que enviei o meu conto ilustrado a Morón de la Frontera e resultou que gañou, e fixeron daquela unha edición non venal dese conto que teño gardado pola casa.
Así que podo dicir como anécdota que si que ilustrei un conto que se chamaba Tita, pero foi a miña única experiencia no mundo da ilustración.
Tes feito propostas aos editores/as
para que ilustre algunha das túas obras unha ilustradora ou ilustrador en
particular? Ou sempre é decisión editorial?
Si
algunha vez, lembro unha vez que incluso insistín moito, a miña editora Helena
Pérez, aínda traballaba en edicións Xerais Galicia como coordinadora, e estaba
a piques de publicarse A encontadora.
Ela
chamoume o seu despacho e ensinoume un portafolios de traballos de
ilustradores, comezou a pasar páxinas, e de súpeto apareceu unha ilustración
que me gustou, era un estilo de ilustración concreto que nada tiña que ver co
libro, eu escollín aquela, pero ela seguiu pasando as páxinas, entendo que para
que vira todas as posibilidades. Cando rematamos de ver todas as ilustracións,
volvín a insistir en que me gustaba esa en concreto, e ela precavida
respondeume que non tiñan nada publicado daquela autora na editorial, pero
aquelo para min non supuña ningún problema xa que cría que encaixaba coa
historia e o estilo do libro. Aquela ilustradora era Chus Ferrín, así que
contactamos con ela para facerlle algunha proba e ver si encaixaba no estilo do
libro.
Fixemos
unha reunión e Chus apareceu cunhas cartolinas xigantes, non traía unha proba,
senón cinco debuxos enormes que cando os vin deixáronme alucinada, encantáronme.
Naquela editorial estaba a piques de saír outro libro meu Buguina namorada, e decidín que non só quería que ilustrase o libro
de A encontadora, quería a Chus
Ferrín para os dous libros.
Pero
non sempre pasa isto, polo xeral poden amosarche un ilustrador, suxírenche, e
eu normalmente digo sempre que si, xa
que me fío do criterio que teñen os editores/as, e das súas experiencias.
Logo hai ilustradores que a min gústanme moitísimo como Covas, e si mo propoñen para algún libro, pois xa non teño nada que pensar. Son autores cos que teño certa afinidade, o seu imaxinario, os seus mundo, os libros que xa teñen ilustrados gústanme. En todo caso, insisto, nunca desbotei a ninguén, creo que hai que darlle oportunidades a todo o mundo para poder expresarse, e se temos a mala sorte de que logo o libro non queda bonito, pois malo será que logo non veña outro que saía mellor.
Como foi o proceso dende que
escribiches o primeiro libro infantil, O maquinista Antón, ata a súa publicación?
O
proceso de creación de O maquinista Antón
coincide cunha época na que eu estaba vinculada a un grupo de teatro que se
chamaba Avento, que aínda existe en Vigo, e que foi fundada polo meu home e por
min no ano 1989. Foron uns anos de gran
proliferación artística e creadora, onde escribía sobre todo teatro infantil e
xuvenil en galego e de feito moitos deses textos quedaron sen publicar.
Cando eu escribín este texto en concreto e tiña xa as fotocopias preparadas para envialas a un premio, púxenme de parto. Como anécdota no momento de dar a luz díxenlle ao meu home, tes que enviar un libro que deixei preparado no despacho ao premio xeración Nós, porque non me deu tempo. Non fora ser que quedara sen enviar.
Efectivamente el enviou a obra ao premio xeración Nós e a obra gañou así que podo dicir que miña filla Tania, trouxo o premio, naceu co pan debaixo do brazo.
Pero
a publicación do libro non se fixo co premio, senón un ano despois. Eu fun a
estudar a Madrid, e Candido Pazo comentoume que a editorial Bruño estaba
buscando autores e autoras para realizar unha colección, el escribira “ O Merlo
Blanco” e ían a publicarllo nesa colección Altamar de Bruño. Propúxome a
posibilidade de contactar con Trini Malut, para min naquel momento unha
descoñecida, e concertei unha entrevista con ela, amoseille dous títulos que
tiña escritos naquel momento, O
maquinista Antón e Gua, gua,
requetegua e accederon a publicar O maquinista Antón.
Gua, gua, requetegua publicouse na editorial Irindo.
Anos despois cando finalizou o contrato que tiña con Bruño, Edicións Xerais de Galicia decidiu que ía publicalo dentro da súa editorial.
Identifícaste con algún dos
personaxes da túa obra ou algún deles está inspirado en ti mesma?
Creo
que é moi difícil desligar a miña obra de min mesma, con isto non quero dicir
que sexa algún ou algunha das miñas personaxes pero moitos deles están cargados
das miñas teimas, das miñas preocupacións, das miñas angustias, da miña forma
de entendelo mundo e de analizar a realidade, de solucionar os problemas, da
forma que teño de enfrontarme aos meus pantasmas…
Isto
as veces fágoo de forma consciente, e as veces cando xa remato un libro
decátome de que hai máis de min do que eu pensaba. Noutras ocasións de forma
consciente procuro distanciarme pero caio na conta de que aínda que é unha
tarefa que quero facer, finalmente vénceme máis a que son e non podo deixar de
reflectirme neles.
Polo
tanto, creo que se fago unha análise de toda a miña traxectoria, nas miñas
obras si que existen moitos nexos comúns, e posiblemente eses nexos que van
aparecendo en case todos os textos, gardan unha relación podería dicirse de
máis dun 90 % comigo, para ben ou para mal, proxéctome bastante nas historias,
hai moito de min aí dentro.
Xa
o facía cando era unha nena, curiosamente nunca fun capaz de escribir un
diario, porque si o facía tiña que contar a verdade, a realidade, o día a día,
e como a miña perspectiva da realidade non era positiva, tiña que contarlle
cousas a un caderno que non me apetecía contar. Para desafogarme inventaba
contos, escribía poemas, disfrazaba a miña realidade dentro de historias, que
parecía que lle pasaba a outros nenos/as, e así distanciábame, dalgunha maneira
respiraba. Dalgunha forma isto é o que fago dende sempre, dende outra
perspectiva, con outro carácter, asumo que escribo historias ficticias, que non
son eu, pero evidentemente si que hai unha parte de min.
Libero tensións, liberando a parte máis escura da que son a través de certas historias.
Cal é o teu personaxe favorito
dalgunha das túas obras?
Non teño personaxe favorito. Eu son de coidar moito os personaxes secundarios, non é que coide menos aos protagonistas ou que os queira menos, porque os creei eu, pero é como si necesitasen menos o meu respaldo porque xa lles dou o peso da relato, a posibilidade de resaltar por encima dos outros personaxes.
Considero que os personaxes secundarios senón funcionan ben dentro dunha historia, pois escusan poñerse, e case sempre estes personaxes, que son grises, que están aí e parece que non fan nada pola contra son os que fan que todo o demais funcione cunha certa harmonía. Podería dicir que estes son os personaxes que máis amo, non é un personaxe concreto, senón aqueles que están en segundo plano, como pasa nas películas onde todos recordan o protagonista e ninguén lembra aos secundarios, que ao mellor aparece dez minutos na película pero que sen eses dez minutos o filme non funciona igual. Nunha historia escrita pasa exactamente o mesmo, se eses personaxes secundarios non están ben redactados a historia non funciona igual. Entón case sempre os meus personaxes favoritos, son os secundarios que están tratados con especial cariño para que os lectores os teñan tan presentes coma si fosen protagonistas.
Na túa obra destaca o número de
títulos publicados para o público infantil e xuvenil, existe algún motivo polo
que escribas para este público?
Nunca
mo propuxen como tal, vou a escribir literatura infantil e xuvenil, non o fixen
de forma moi consciente. Eu estudei Maxisterio por vocación, logo a vida por
diversas circunstancias levoume por outros camiños e non puiden dedicarme a
isto de xeito profesional, pero paralelamente na miña vida sempre estivo
presente a escritura. Podo dicir que ao mellor pretendín non perder de todo o
contacto coa infancia e coa adolescencia
e xa que non podía ser mestra e que seguía gustándome a escrita pois
decidín seguir escribindo e así poder ter presente na miña vida o contacto coa
infancia doutra maneira, a través dos meus libros.
En parte conseguino porque o feito de escribir e logo ter contacto cos lectores nos centros educativos ou nos institutos, cando me convidan a que faga visitas para tratar a lectura dos textos, permíteme desfrutar da experiencia, porque non teño o compromiso formal, senón que comparto con todos eles a miña ilusión, e podemos conversar, non só do libro, coñecer as súas ilusións e os seus desexos.
Como contrapunto o que non me gusta nada e me da mágoa cando vou aos centros, e ver como moitos mestres/mestras poñen un exame do libro xusto despois de que remate o meu relatorio. Sei que o sistema educativo está así nestes momento, onde prima a avaliación, pero considero que si se puidese facer doutro xeito, sería unha maneira de favorecer o achegamento a lectura , xa que isto máis que axudar a animación a lectura fai todo o contrario. Este proceso é o que me distancia, máis destes contactos.
Os
encontros deberían ser feitos para animalos e ilusionalos, para que o alumnado
entenda que as actividades creativas contribúen a facelos mellores persoas. Así
debería poñerse en valor as actividades artísticas, a creación audiovisual, a
escrita, para que comprendan que a visión do mundo non está soamente vinculada a economía e a táctica senón tamén
a unha parte emocional e fermosa moi importante dentro da súa formación
persoal. Isto procuro contarllo nas miñas visitas, e se algún deles ten
interese por estas actividades artísticas, animalos a que loiten e busquen
apoio tanto no ámbito familiar como no educativo, igual que si decidisen
dedicar a súa vida a calquera outra actividade.
Aínda que cada vez é menos frecuente as actividades artísticas están desvalorizadas pola sociedade, agás se chegas arriba, se es o escritor número un, entón si está máis valorado, pero para chegar aí fai falta moito traballo, e números uns só hai uns poucos, e cómpre xente que loite polos seus soños e pola cultura dende todos os postos.
Nunha das túas entrevistas mencionas
o paseo de Samil, a antiga estación de tren de Vigo ou o vello magnolio de
Castrelos como referentes dentro das túas obras cando comezabas a escribir…
hoxe en día ségueno sendo?
Dende
esa época pasou moito tempo, seguramente nesa entrevista falaba da época da
miña mocidade. Eses espazos son lugares aos que acudía cando era nova, porque
Vigo é a cidade onde nacín, e ese espazo urbano era o que recorría acotío. Son
espazos que lembro con especial cariño, os que ía cando quería estar en
soidade, tranquila, o magnolio, a
praia de Samil, o paseo marítimo, ou a estación do tren sobre todo nunha época
na que viaxaba a Santiago todas as semanas para a estudar, ía e viña tódolos
días practicamente.
Dende
aquela época, pasaron os anos, e hai novos referentes, novos lugares, novos
espazos, pero penso que todos estes si forman parte do meu imaxinario, e son
referentes os que recorro continuamente, son importantes polas emocións que
veñen de atrás e de vez en cando accedo a esas lembranzas e atopo mundos aínda
por descubrir.
Si me paro a reflexionar, curiosamente a imaxe que me devolve o espello non se corresponde coa miña imaxe interna. Os anos pasan, é lei de vida, mais a miña sensación da nena e adolescente que fun, o que me movía e o que me motivaba, no fondo sigue estando aí. Entón supoño que cando me toque marchar espero seguir sentíndome a mesma nena de entón e recorrer eses espazos que me fixeron feliz dentro do meu mundo “perturbado” por situacións alleas, eses lugares que me axudaban a escapar, a fuxir e a refuxiarme e a construír mundos novos, que me alimentaban e me seguen alimentando dalgunha maneira.
Na túa vida literaria gañaches unha
multitude de premios como recoñecemento a toda a túa obra , existe algún do que
te sintas especialmente orgullosa?
Estádesme
preguntando si me sinto orgullosa e como boa galega, fuxo de contestar esa
pregunta e só podo dicir que eu son nai de todos os meus fillos/as, e as veces
coincide que aínda que hai libros que foron premiados e para min foron unha
sorpresa, non porque non confiara neles, xa que fun eu quen os enviou aos
premios, senón por outras circunstancias
Neste senso unha das obras que máis me sorprendeu foi A sombra descalza. Esta obra levou uns cantos premios, entre eles o Lazarillo, que é un premio dentro da literatura de gran renome, aínda que agora estea un pouquiño desprestixiado, e sempre me fixo especial ilusión estar nesa lista de autores que o gañaron.
E digo que me sorprendeu porque esta obra fora presentada a dous premios aquí en Galicia, e pasou por eles sen pena nin gloria, a Novela por entregas da Voz de Galicia e ao Raíña Lupa e non quedou nin finalista. Por iso nese mesmo ano cando presentei a obra o Lazarillo, estaba totalmente desanimada, porque aínda que ti creas no teu texto, cando pasas por un premio menor, ao que só se presentan textos en galego e non tes ningún resultado positivo, xorden dúbidas sobre si será digno de ser publicado.
O libro xa estaba escrito e a idea
de envialo a unha editorial, se xa son eu de por min reticente, neste caso,
aínda tiña menos ganas. Ocorréuseme entón envialo ao premio Lazarillo e esa
chamada na que me outorgaban o premio nun principio sorprendeume precisamente
porque me parecía un premio que non estaba para min, porque perdera esa
motivación , a confianza necesaria na obra, a que che dan cando nun momento
dado alguén a le e che di, que é unha marabilla e te anima a presentalo.
Logo viñeron outros tres ou catro premios aos que eu non presentei a obra como o premio Xosé Neira Vilas ou o White Ravens. E esta obra, a pesar de todo o tempo que leva editada, aínda segue dándome alegrías, acaba de chegarme a semana pasada a edición do libro en inglés, polo que pode seguir sorprendéndome.
Escribiches algún libro por encargo
dalgunha editorial?
A
realidade galega dos libros por encargo, é que apenas existen, non sei se sería
bo ou malo a súa existencia. Aquí os contratos que se teñen son coas editoriais
en xeral, pode que sexan cun libro en concreto pero é algo moi puntual. Os
contratos que se fan son por libro, ti tes unha novela ou un libro xa rematado
e firmas un contrato para a edición do libro.
Hai
casos nos que si que se fan encargos, mais ocorre de maneira esporádica por
motivos dalgunha conmemoración ou celebración, por exemplo no caso do Día das
Letras Galegas, que ás veces buscan a alguén en concreto, polas súas
características para escribir un libro cunha determinada temática e soen ser contratos
curtos.
Mais
o que se refire á creación de libros, en Galicia non existe un mercado
editorial tan profesional como para que suceda iso. As editoriais tampouco
teñen un poder económico tan grande para dicirlle a determinado autor/a que
faga un libro, ao contrario do que ocorre ás veces coas películas americanas ou
inglesas onde nos amosan autores aos que lles pagan por adiantado para que se
dediquen exclusivamente a escribir.
Que consello lle darías a alguén que
quixese comezar a escribir?
O
primeiro é que lea moito porque escribir sen ler non ten moito sentido, xa que
a lectura é a única forma de aprendizaxe válida. E o segundo e ser consecuente,
ir alleo ás modas, ser o máis auténtico posible cun mesmo, escribir o que
realmente o corazón e a razón sintan e que a mente tire da creación da xente
que queira empezar a facelo. O que escribe de forma auténtica, sábeo, cando non
estás cómodo coa historia que estás a facer, nótalo ti mesmo. Sé ti, escribe o
que ti queres escribir, sempre, ou na medida do posible. Se non es feliz
escribindo, non o fagas.
Referencias bibliográficas
An Alfaya | Escritores espazolectura.gal.
Consultado o 12/01/2021.
Bao, Pepe (31/10/2017) An Alfaya consigue premio Xose Neira Vilas de novela corta. elcorreogallego.es.
Consultado o 26/11/2020.
Beltrán, Elena (25/07/2017) An Alfaya: "En
1979 comencé a pensar que podía ser escritora" farodevigo.es. Consultado o 28/11/2020.
Redacción La opinión Coruña 10/06/2007 Rexina Vega Carlos Lopez Gomez e An Alfaya gañan os
premios Xerais. laopinioncoruna.es. Consultado
26/11/2020.
Sotelino, B.R. (23/03/2004) «En realidad yo siempre he escrito para todos los públicos» lavozdegalicia.es. Consultado o 28/11/2020.
Villar Villaverde, Manuel (8-2-2010). "An Alfaya: “Coa lingua galega avanzamos como
tartarugas constantes”". galiciahoxe.com.
Consultado o 28-11-2020.
Autoras:
Aranda
Fabra, Marta
Asselín
López, Verónica
Fernández
Afonso, Tania
Ningún comentario:
Publicar un comentario