Casalderrey, Fina (2011). Un misterio na mochila de Alba. Ilust. Xosé Cobas. Madrid: Oxford, col. A árbore da lectura, [133 pp.] (ISBN: 978-84-673-6067-7).
A continuación amósase unha análise crítica do relato Un misterio na mochila de Alba de Fina Casalderrey. A obra pertence á editorial Oxford, na colección “A árbore da lectura” e foi publicada en Madrid no ano 2011. Está destinada a nenos e nenas de 10 anos, aproximadamente.
É un relato infantil que combina elementos fantasiosos e reais. A historia preséntase a través dun narrador omnisciente que detalla tódolos sucesos, pensamentos e emocións que acontecen. A linguaxe empregada é sinxela e está moi coidada. Hai unha gran cantidade de descricións, polo que predominan os substantivos e adxectivos. Ademais, tamén se atopan diálogos e certos fragmentos en verso.
En relación co exemplar físico, ámbalas dúas cubertas son de cartón duro. Na principal, atópase a ilustración dunha nena envolta en vestiduras vermellas. Tamén se achegan datos como o título, a autora, a editorial etc. Na contracuberta aparece a sinopse do relato situada sobre un fondo branco.
A obra desenvólvese durante 133 páxinas e estrutúrase mediante 25 capítulos titulados, cunha extensión semellante (5-6 páxinas). Respecto da tipografía empregada, a letra é sinxela, cun tamaño adecuado e facilita a lectura. Esta é apropiada para o lectorado ao que vai dirixido o relato (nenos e nenas de 10 anos). Da mesma forma, as dimensións do exemplar, tamén son axeitadas: 24x16x1,3 cm.
Respecto ao argumento, o relato narra a historia de Alba, unha nena de pel e cabelos escuros que sempre porta consigo unha mochila branca. Nunha noite de abril, a nena chega soa a Riomanso para instalarse nunha casa vella e abandonada, próxima ao río da aldea. Unha vez dentro, decide limpar e acomodar o seu novo fogar. De súpeto, Alba atopa unha caixiña cuns obxectos no seu interior que provocan nela sorpresa e felicidade. A nena gárdaos na súa inseparable mochila.
A xente da aldea queda sorprendida con Alba. Non coñecen as súas orixes, mais a rapaza transmite ledicia ao seu paso. A moza chega a curar a tristeza e soidade de dous veciños de Riomanso: á señora Aurora lelle as cartas da súa filla e ao señor Marcelino axúdalle a soportar a morte do seu fillo. Ademais, a vida da nena está envolta en fantasía e misterio: cura e alivia as súas propias feridas no momento, fala cos animais, camiña sobre o río, a natureza protexe a súa casa, escoita e desfruta dunha canción emitida dende un souto, etc.
Lucía, Antón e Marcial, uns rapaces da aldea, quedan intrigados coas calidades de Alba. Deducen que tódolos seus feitizos e dons proveñen dos obxectos que posúe na mochila e intentan coñecer o seu contido. Tras espiala en múltiples ocasións, os mozos deciden arrebatarlla. Nese intre, a bolsa sae despedida polo aire e descóbrense os obxectos: “do interior da mochila saíran: unha goma de borrar malos momentos, un libro, unha canción, un anaco de pan duro e un bico tenro” (Casalderrey, 2021).
As ilustracións foron realizadas por Xosé Cobas. Son sinxelas e minimalistas, mais transmiten a delicadeza e coidado co que foron deseñadas. O trazo dos deseños semella estar realizado cun lapis, ademais, combínanse as cores co negro e branco. As imaxes representan personaxes ou sucesos, pero simplemente acompañan o relato. Non son relevantes, xa que o texto posúe toda a información para comprender a historia. Aínda así, aparecen en varias ocasións, chegando a ocupar máis dunha páxina.
Un misterio na mochila de Alba está dirixido a nenos e nenas de 10 anos. É unha obra moi beneficiosa, xa que posúe un léxico abundante e unha sintaxe moi coidada. Ámbolos dous, moi enriquecedores para o lector. Ademais, a súa estrutura por capítulos facilita a lectura para esas idades.
Nalgunha ocasión, atópanse alusións a outras obras: "É un bo momento para viaxar ao Asteroide 612 e comprobar se o año comeu aquela flor única. Vamos! (páx. 117)". A autora transmite a paixón que sente Alba polo seu libro: O Principiño. Este aspecto pode propiciar que o lector sinta curiosidade pola historia mencionada e posteriormente, se interese por coñecela.
A obra tamén pode iniciar a nenos e nenas no xénero poético, xa que no relato se combina a narrativa coa poesía. Atópanse fragmentos en verso que describen a Alba e o seu mundo interior: pensamentos, soños, pesadelos, desexos, emocións. Outros poemas representan a natureza (paxaros, souto) falando coa nena. Son poesías sinxelas, con escasos recursos literarios para facilitar a comprensión do lectorado ao que vai dirixida a obra. Tódolos versos son de arte menor e algúns posúen rima asonante.
En relación á temática, no relato ponse en valor a fauna e flora do contorno. Alba fala con distintos animais e árbores, escoita as súas melodías e sempre coopera no seu beneficio. Da mesma maneira, a natureza coida dela: cruza o río sen problemas, os paxaros resgárdana da friaxe etc. Desta forma, móstrase a importancia e necesidade de preservar a contorna natural. Ademais, ensínanse moitos valores fundamentais. A personaxe de Alba respecta a toda a súa contorna (natural e humana), mostra empatía e preocúpase por todos eles. A protagonista tamén se presenta como unha persoa humilde, que non precisa de grandes luxos para ser feliz. De feito, esa é a ensinanza principal do relato: non é preciso o apego material nin posuír grandes riquezas para ter unha vida feliz e plena, simplemente gozar dos pequenos detalles.
En canto os recursos en liña, pódese ver a autora do relato lendo un fragmento deste para reivindicar a continuidade da cultura durante o período de confinamento pola covid-19 (https://youtu.be/OkIkRQUUfSk). É un recurso de duración curta, mais semella enriquecedor, xa que se observa a entoación e o sentimento de Fina ao ler o relato. Tamén pode ser un bo "tráiler" para futuros lectores da historia.
Existe tamén un caderno de desenvolvemento lector deseñado pola editorial do libro, Oxford (https://bit.ly/2U12wsd). Estrutúrase en catro bloques de actividades: de documentación, de comprensión, de velocidade lectora e de recreación. Non obstante, non me parece un recurso favorable, xa que en lugar de afondar nas aprendizaxes e contidos que pode aportar o relato, prioriza aspectos como a velocidade de lectura, preguntas superficiais sobre que sucede ou actividades de completar. Ademais, contén un solucionario para o mestre. Este paréceme innecesario, xa que se as preguntas afondan nos contidos do relato, as respostas poden ser múltiples debido ás distintas interpretacións que pode ter unha mesma historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario