O noso entrevistado de hoxe é Pachi Vázquez, nado no Carballiño e coñecido por ser un político de certa reputación en Galicia. Pero neste caso, interésanos pola súa formación como epidemiólogo.
Como político, destaca por ser o candidato á xunta de Galicia no ano 2012 polo PSG-PSOE e intentar quitarlle o poder ao actual presidente de Galicia: Alberto Núñez Feijóo.
A súa traxectoria política pódese resumir en: Deputado provincial en 1993, ata 1995 que foi elixido alcalde da súa cidade natal: O Carballiño. Despois de 10 anos cun traballo recoñecido autonomicamente, deu un paso máis na súa carreira profesional e dende o 2005 ata o 2009 foi o Conselleiro de Medio Ambiente e Desenrolo Sostible.
Pero non sería ata o ano 2009 cando no seu grupo elixírono como secretario xeral e sería o candidato á Xunta de Galicia, que máis tarde perdería en 2012 fronte Feijóo.
En anos posteriores por discrepancias co seu partido decidiu dimitir e saír do PSG-PSOE, e no ano 2019 crear o seu propio partido: Espazo común, creando así una brecha no grupo socialista, xa que varios dos integrantes decidiron seguilo.
Na súa faceta profesional, foi o xefe de epidemioloxía no hospital de Ourense e un médico moi recoñecido na vila do Carballiño, onde ten a súa propia consulta de traballo. Nesta pandemia, ofrecía moitos consellos nas redes socias para que a xente aprendera a convivir co Covid-19.
Motivo e interese da entrevista:
Pachi Vázquez é un persoeiro moi coñecido na vila do Carballiño e tamén na cidade de Ourense non só pola súa faceta política senón tamén pola súa formación en epidemioloxía.
Durante a pandemia, Pachi axudou a moita xente cos seus múltiples consellos nas redes sociais, e converteuse nunha persoa aínda máis valorada polos veciños e veciñas que constantemente estaban atentos as advertencias que ofrecía.
O motivo do interese por entrevistar a Pachi, é coñecer a súa opinión sobre como afecta o covid-19 na educación e noutros temas que levan resoando durante os nove meses que xa dura esta pandemia.
Pachi Vázquez converteuse nunha figura local cos seus consellos diarios acerca da covid-19. Como valora esta situación? De verdade sentiu o agarimo e agradecemento da xente?
A verdade é que a profesión de médico, é unha das profesións máis fermosas do mundo, porque te dedicas a axudar á xente, na cousa máis importante que ten unha persoa, a súa saúde. Cando a saúde falla, o resto deixa de importar. Estamos vivindo unha situación tan anormal, tan atípica, onde á xente está soa, con moito medo, e o que eu intentei foi filtrar a información diaria xa que penso que era moi excesiva. A verdade é que no Carballiño, en Galicia, en España e incluso en América hai miles de persoas que nos seguen a través das redes sociais, e sorprenderíaste de que incluso nos escribiron dende a Patagonia, Bos Aires, Ecuador... isto indica que os nosos consellos chegan a moitos sitios.
A situación en España é moi complicada, nun primeiro momento Pedro Sánchez deu por gañada a batalla fronte á Covid-19, pero observamos como volvemos cara atrás. Despois, cada autonomía coas súas competencias e cada unha tirando cara a un lado intentando paliar a pandemia, pero os números din que a situación segue sendo moi grave. Como ve o panorama actual a nivel sanitario? E a nivel político?
Un consello moi importante, en política, facer caso aos políticos e en enfermidades, facerlle caso aos responsables sanitarios. Non lle creades nada a ningún político que dea consellos sanitarios porque seguramente non teña nin idea, por exemplo: “a nova normalidade”, non, non existe nova normalidade. Seguramente de forma involuntaria pero enganaron á xente, porque a xente saíu a rúa, pensando que todo acabara xa, e mentira, xa que segue estando, e segue a morrer moita xente. Polo tanto, non hai nova normalidade, e os políticos están máis preocupados da situación política que da situación sanitaria da xente, é algo inexplicable.
Agora estamos co tema de reunións con achegados ou non, pero eu sempre fago unha recomendación moi importante: as medidas son de auto protección, dependen de ti, son medidas individuais: medidas de prevención, de hixiene, de probas…. Polo tanto os políticos ditan normas á distancia, pero somos nós os que temos que garantir individualmente e socialmente o cumprimento das normas, porque a xente que non se engane, o virus non sabe onde comeza Galicia, e onde Castela, non distingue de lugares. O virus sósabe unha cousa, se estás a menos de metro e medio e te pilla, “te calca”.
Entón para á loita fronte o virus, a solución somos nós, e o resto dannos consellos, pero eu non me fiaría moito deles.
Ímonos cara á nosa terra: O Carballiño. Nunha fin de semana pasamos de 17 contaxios a máis de 150. Que sucedeu?
Cando se dá unha situación como esta, nunca é cuestión dun único factor. Sempre se vai dar un cúmulo de factores. Primeiro houbo unha clara relaxación, e déronse unha serie de circunstancias que tampouco axudaron: comezan os institutos, os colexios, a universidade e sobre todo, que aínda facía bo tempo e a xente saía ás terrazas. Ademais a xente viña moi queimada de toda a situación anterior, existía moita necesidade social de relacionarse, e tamén hai outra cousa que lle achaco eu: as autoridades sanitarias, Galicia, Madrid e as locais parecía que todos estaban máis pendentes de que todo lles estivera ben que da saúde da xente. Por exemplo co tema da festa do polbo virtual: ”Que vengan a comer a Carballiño” “Que venga todo el mundo, que estamos seguros”. Non, mentira non estabamos nada seguros. O que pasou, e que tivemos un ou dous focos, non máis, seguramente provocados por reunións familiares, festas e na hostalaría. Eses focos prenderon lume e expandíronse de maneira exponencial, porque se deron as circunstancias. Por exemplo, imaxínate, só que un neno estivera infectado, cando fora ao instituto, íao a distribuír, ou só un sanitario infectado, coma no caso de Boborás, pode infectar a todo o hospital. En hostalaría, igual, só cun infectado pode dispararse de forma moi fácil. E sobre todo a xente, nese momento tiña a percepción errónea de que o coronavirus xa acabara. Todo o mundo falaba da segunda onda, pero ningún quería vela. E parouse todo, porque O Carballiño fixo miles de test, e para vencer ao coronavirus, a clave foi a detección precoz, probas rápidas e non deixar correr o virus. Se un dá positivo, o mellor é que en 3-4 horas todos os familiares se sometan a test rápidos, eu insisto moito coa proba de antíxenos, xa que eu comprobo que no período de infección, que é o que nos preocupa a nós, unha persoa infecta a outra catro días despois de estar ela infectada e segue a infectar ata o día 13. O tema dos antíxenos non é perfecto, pero detecta dende o día dous ata o dia dez, once, e por exemplo a PCR, que a xente lle ten moita confianza, non detecta ata o día 4. Polo tanto eu intento facer moita pedagoxía para que a xente se conciencie.
Tralas medidas adaptadas por Sanidade a situación mellorou, incluso Núñez Feijóo implantou o Modelo Carballiño a outras moitas localidades de Galicia. Cales foron as claves para controlar a pandemia no Carballiño?
O modelo Carballiño, é un modelo de tristeza, chegamos a ser a taxa de infección máis grande de España con 1400 casos por cen mil. Eles chámanlle modelo Carballiño, pero é como se eu digo: vou ser modelo de tuberculose, non, iso non é así. Ao mellor que me digas que o tratamento que lle poñen a un enfermo de tuberculose é modélico, iso si que o compro. Ao Carballiño, o que lle foi ben, foi o tratamento. Os seus anuncios foron: “El cierre perimetral”, “cerramos la hostelería”, non, o que foi fundamental, foi os miles de test que se fixeron. Fixemos cribaxes no IES Chamoso Lamas, na hostalaría, na praza de abastos, nas farmacias, no concello...Todo iso é o modelo Carballiño pero tamén é o modelo de Corea do Sur, que o dixo fai moito tempo e non lle fai caso ninguén. Eu estou cansado de repetilo, a única solución é: pouco contacto e a detección precoz.
Que hai que facer? Onde están as claves para solucionar esta pandemia?
Autoprotección e detección precoz. (Esta pregunta non a fixemos de maneira literal pero o entrevistado respondeuna ao longo da entrevista de maneira directa a través da resposta doutras preguntas).
No tema das vacinas, estase a falar de que hai varias moi avanzadas. Como ve o tema? Serán fiables?
Calquera medicamento, dende o máis sinxelo, fará cousas boas e cousas malas. Non existe ningún que teñas a seguridade de tomalo e que todo efecto vaia a ser positivo. As vacinas son seguras, pero é normal que xurdan esas inseguridades xa que normalmente adoitan tardar uns dez anos e neste caso fixérona en menos dun ano e as probas de control son as que son. Vanse a vacinar a miles de millóns de persoas e, por agora, as probas só as fixemos con trinta e cinco mil entre as que pode que non tivéramos a ningunha con algunha das alerxias que falaban que podían xurdir. Algo é seguro, a vacina será moi boa pero co paso do tempo descubriremos cousas novas e, polo tanto, os primeiros en vacinarse teñen que ser aqueles cuxos riscos de infección sexan practicamente mortais. Claro que existen probabilidades de aparición dalgunha alerxia, febre ou semellantes pero, en calquera caso, o risco diso é moito menor que de contaxiarse do virus. É importante que a xente non se angustie. En primeiro lugar vacinaranse ós factores de risco entre os que temos á persoas maiores, enfermos graves ou sanitarios e, co paso do tempo, os demais a medida que imos obtendo máis información e acadando esa desexada inmunidade.
Entrando un pouco no tema Xuventude. Acúsannos de ser un dos grandes culpables da pandemia, pero varios cribados feitos en universidades demostran que o foco non está aquí, exactamente menos do 1% de contaxios. Cal é a súa opinión?
A xuventude ten un problema maior que é que a maioría dela é asintomática e isto provoca certa despreocupación. Pero non só ocorre cos xoves, tamén nos maiores e nos medianos, é dicir, temos un 20% de insensatos nos que incluímos a aqueles que xogan a partida durante horas sen máscara, nos mozos que organizan e acoden a festas privadas e máis casos semellantes.
Polo tanto, centrar as culpas na xuventude é simplificar o problema. Pode ser verdade que un 10-15% dela non cumpra coas restricións pero non falamos dun problema de idades, senón da facilidade que ten para contaxiar unha persoa asintomática, convérteo nun problema global.
No tema educativo, vostede falou moito dos filtros EPA nas aulas. Como ve a actual situación dos escolares? Que habería que facer para estar mellor neste ámbito?
No ámbito dos escolares, depende do que dure a epidemia. Se a pandemia se alarga no tempo, todos os centros escolares rematarán tendo filtros EPA pero o problema, a día de hoxe, é que nos os hai.
Existen dous factores que son moi importantes tanto para os escolares como para os demais. Por un lado temos os medidores de CO2 cuxo prezo anda polos cincuenta euros, polo que podemos dicir que é barato. Isto indica a cantidade de CO2 que ten unha habitación e que non pode ser superior a setecentas partes por millón, polo que se ten máis é que o lugar non está ben ventilado e aumenta o risco de contaxio. Fronte a isto debemos ventilar de maneira natural, abrindo as fiestras e as portas e, se non é posíbel, a través de filtros de alta frecuencia.
Estes filtros atopámolo nos avións, nos quirófanos e, a súa función é filtrar o aire cinco veces por hora garantindo que quede libre do virus. Podemos confirmar que o futuro vai ser ese, e a medida que pasen os anos serán cada vez mellores e máis baratos co obxectivo de prepararse para futuros virus que teremos que enfrontar.
O profesorado sentiu que a Xunta non fixo o seu traballo e que os centros educativos tiveron que tomar medidas e improvisar adaptándose á súa situación. Que pensa vostede?
Entre o voluntarismo e a vontade hai unha gran diferenza, a vontade é cando fas cousas que son posibles e viables economicamente e o voluntarismo é cando fas cousas que son inviables, non hai termo medio. Non ten sentido que teñamos os nenos apiñados no Carballiño e que o San Amaro estea baleiro, entón, non hai aulas?, si hai aulas, o que non hai é organización.
O que se podería facer é que en vez de por vinte ou trinta nenos por aula, poñemos dez nenos por aula. O que ocorre é que nos negamos a aceptar novas situacións ata que nos atopamos con elas. En este momento o número de casos de contaxios en colexios de primaria é escaso, porque os nenos son moi disciplinados. Pero non hai dúbida que o gran desafío para a comunidade educativa é preparar os centros educativos para que sexan espazos seguros contra axentes patóxenos.
Vostede concorda con que nenas e nenos de infantil e incluso de primaria leven máscara?
É unha situación complexa, xa que un neno non adoita padecer o coronavirus, pero si que é transmisor, por tanto, ata onde permita a relación social, un neno debe levar máscara.
Cre que os centros educativos deberían implantar novos modelos educativos que levaran a impartir as aulas no exterior e abrir máis as aulas ao medio natural?
(Non responde)
Por último, veñen as festas do Nadal, as ceas… Como ve este asunto da pandemia e como debemos actuar nestas datas?
O mellor é que non vexamos moitas reunións familiares, pero a realidade e que as vai haber. Entón eu creo que se asumimos que vai haber reunións hai que ser moi prudentes, e hai unhas normas que están escritas e que hai que cumprir. Os que veñen de fóra o ideal é que teñan un illamento de dous días, e que polo menos se fagan unha proba aqueles que teñan na casa parentes de risco. Despois sempre manter a distancia de seguridade, levar máscara, lavar as mans, máxima ventilación… É moi difícil contaxiarse do Coronavirus ao aire libre. Evitar espazos pechados e sobre todo evitar espazos pouco ventilados. Por último axudándonos da estatística, a maior número de persoas, maior probabilidade de contaxio. O único que temos que saber é por onde nos ataca o virus e pórlle as máximas murallas para defendernos a nós e aos demais.
Pódese ver a entrevista completa en: https://www.youtube.com/watch?v=Pqgk7Bg11SQ
e en:https://www.youtube.com/watch?v=MvuM6VCW380
Autores:
Álvarez Álvarez Martín
Ballester Taboada Valentín
Bello Martín Ramiro
Ningún comentario:
Publicar un comentario