O oficio de libreira é un enlace entre os membros da comunidade educativa, un cofre do tesouro que coñeceremos grazas a Saleta, quen exerce o seu traballo nunha tenda de libros de segunda man.
Saleta Marque é a pequena dunha familia numerosa, na cal algúns membros están vinculados ao mundo libreiro. Naceu nunha pequena aldea de A Estrada e obtivo o título de secundaria e bacharelato no instituto Manuel García Barros. Graduouse no ano 2020 en Educación Social na USC cun TFG denominado "A conciliación dos tempos cotiás e benestar infantil dende a perspectiva da Educación Social" co cal, como o seu propio nome indica, buscou aportar unha análise crítica sobre a conciliación dos tempos cotiás na sociedade actual, poñendo o foco de atención no benestar da infancia e partindo dunha investigación de campo mediante un estudo de caso sobre un recurso de conciliación familiar concreto.
Ademais, na carreira que rematou este ano, sempre escolleu materias relacionadas co ámbito de intervención coa infancia, elaborando as súas prácticas universitarias no primeiro período nun centro educativo infantil e o segundo nun centro de conciliación familiar, destacando a súa vocación e predilección dentro do seu campo profesional, pola acción socioeducativa con infancia e a xuventude. Actualmente reside e traballa en Vigo, nunha tenda de libros de segunda man, Trotalibros, os donos desta son súa tía e seu tío. Entre as súas afecións encóntranse escribir pequenos relatos e ler novelas románticas e de misterio. Encántalle viaxar e pasar o tempo cos seus amigos e amigas.
Motivo/interese da entrevista
Tras pensar en numerosas opcións, entre elas autorías galegas tan coñecidas como Fina Casalderrey ou Ledicia Costas, así como en grupos musicais de gran auxe na mocidade como Verto, decantámonos por realizala a unha libreira, amiga dunha das integrantes deste traballo. O ano pasado xa realizamos unha entrevista a varios libreiros e libreiras para a materia de Didáctica da lingua e literatura galega. Pareceunos unha proposta moi interesante coa que decidimos continuar este ano dándolle un novo enfoque xa que a anterior estaba relacionada exclusivamente coa colección de libros de Kika Superbruxa. Neste caso a nosa intención foi centrarnos tanto na vida académica e profesional de Saleta coma nos libros e no funcionamento da libraría.
Escollímola a ela por traballar nunha tenda de libros de segunda man, tratándose dunha oportunidade para achegarnos a este mercado menos coñecido onde as obras pasan a unhas novas mans. Ademais, a proximidade a unha de nós fixo que a súa escolla resultase máis decisoria.
Preguntas do corpo da entrevista.
Remataches a carreira universitaria fai nada, en plena pandemia, entrar no mundo laboral nestas condicións foi complicado?
A verdade é que non me podo queixar porque teño a sorte de poder estar traballando nunha situación que para nada é fácil, pero claro, o meu obxectivo sería poder dedicarme á Educación Social. Nese sentido realmente si que o vexo moi complicado, non só pola situación na que nos atopamos debido á pandemia, que por suposto inflúe, pero tamén pesa moito o tema da experiencia laboral. Cada vez se esixe máis, sendo un requisito imprescindible na maioría dos casos e se ninguén te contrata sen ela, pois tampouco tes a oportunidade de poder adquirila.
Actualmente está en auxe a incorporación de educadores sociais aos centros educativos, sendo xa unha realidade noutras comunidades autónomas do noso país. Que cres que pode aportar a vosa figura profesional nos centros educativos galegos?
É unha reivindicación pola que dende a Educación Social se leva tempo loitando, e como vós decides, chegou a ser unha realidade en diversas comunidades autónomas de España. Eu, por suposto, como apaixonada e defensora da Educación Social, penso que a súa incorporación nos centros escolares ten moito que aportar e sería moi beneficiosa, non só para o alumnado se non tamén para o profesorado e demais equipos profesionais que os conforman. Á vista están os bos resultados obtidos nas escolas e institutos nos que se puxo a proba.
Que formación tedes no eido da literatura na vosa titulación?
Pois realmente creo que directamente relacionado non hai nada, ou polo menos que eu recorde.
Sénteste cómoda no teu traballo?
Síntome moi afortunada de poder estar traballando e máis nun momento tan complicado a nivel laboral e económico. O traballo ante o público é esixente porque estás exposta a unha gran variedade de persoas diferentes e, entre elas, sempre te atopas algunha que non cho pon tan fácil ou coa que non conxenias tan ben como che gustaría, pero en xeral, non me podo queixar.
Cales pensas que son os tres requisitos imprescindibles dun libreiro?
Creo que para vender, xa sexa libros ou calquera outra cousa, o máis importante é facer que os clientes e as clientas se sintan cómodos e cómodas, así como en confianza para trasladarche que buscan e, desta forma, poder chegar a atendelos e atendelas o máis satisfactoriamente posible. Despois, tamén deberiamos ter unhas nocións básicas para poder recomendarlles lecturas que poidan axustarse aos distintos gustos e peticións. E por último, un sorriso sempre ven ben, ao final para traballar ante o público tes que mostrar a túa predisposición e a intención tanto de agradar coma de atender as súas demandas.
Sabes como xurdiu a idea de montar e rexentar a libraría?
Naceu como unha iniciativa ou proxecto dos meus tíos. Ela nese momento estaba sen traballo e el atopábase ante un cambio laboral bastante importante que non se adecuaba ao que realmente quería. Entón buscaron alternativas que lles permitisen traballar e vivir de algo que lles convencera. Ambos son amantes da lectura e os libros xa formaban parte do seu día a día. De feito, el ten dous libros publicados e está nestes momentos a escribir o terceiro. Logo, o meu avó, pai de miña tía e miña nai, é un gran afeccionado á lectura, gusto que herdaron ambas fillas máis eu. Era desas nenas que polas noites finxía estar xa durmida e logo acendía a luz para poder ler un pouco máis e, entre as miñas peticións para Nadal e aniversarios, sempre había libros. Logo en 1º de bacharelato escollín a optativa de Literatura galega do século XX, na cal tiven a oportunidade de participar nun traballo colectivo de entrevistas a diferentes autores e autoras galegas, realizando no meu caso persoal unha entrevista a Clara do Roxo. En 2° escollín a optativa de Literatura Universal e foi, sen dúbida, a miña materia favorita do curso.
Cóntanos un pouco o funcionamento da libraría.
Trátase dunha librería de segunda man, con prezos fixos e económicos que ao final compren un obxectivo: darlle unha segunda vida aos libros e facelos moito máis asequibles economicamente, para así acercalos ao maior número de persoas posible.
O funcionamento é moi sinxelo, os prezos son fixos: un libro 3'90€, dous libros 7€ e catro libros 12€ (é dicir, un sae a 3'90€, dous e tres a 3'5€, e a partir de catro libros xa sae a 3€ cada un). Polo demais, todos eles están clasificados por categorías (novela negra, romántica, fantástica, histórica…) e ordenados por orden alfabética de apelido do autor e autora. Ademais contamos cun programa de rexistro de todas as obras, que nos permite por unha parte telas localizadas e saber en que sección se atopa cada unha, así como ver que títulos temos dispoñibles e cales non. Ao mesmo tempo, contamos cunha páxina web dende a cal calquera persoa pode consultar e comprar, con envío a domicilio a toda España e opción de recollida en tenda sen custos adicionais.
A que clase de persoa está enfocada, nenos, familias, educadores, profesores…
Non considero que estea enfocada a ningún colectivo en concreto, calquera persoa que precise ou lle interese un libro, menos enciclopedias e libros de texto, todo o demais sempre que estea en bo estado é benvido na tenda. É certo que predominan os libros de lectura ou as novelas pero tamén hai libros divulgativos, biografías, ata dicionarios.
Que é para ti a literatura? Que sería de nós sen ela?
Para min a literatura sempre estivo presente, xa non soamente en relación coa lectura, senón o feito de escribir e redactar tamén sempre me gustou moito… e que sería de nós sen ela? Nada bo. Os beneficios da literatura nas persoas son enormes e dende os primeiros anos de vida. De feito, durante as miñas prácticas en Educación Social, tiven que deseñar un proxecto de intervención socioeducativa no cal estiven con cativos e cativas. No primeiro ano de prácticas estiven con nenos e nenas de 0 a 3 anos e no segundo de 4 a 12, polo que decidín empregar diversos recursos onde quixen resaltar o protagonismo da literatura infantil. Para isto, empreguei un conto como apoio para a miña intervención, servíndome de fío condutor e base para as distintas actividades desenvoltas.
Indagando sobre esta cuestión atopei multitude de argumentos que xustifican e defenden os beneficios da literatura infantil como estímulo da curiosidade e da imaxinación, como ferramenta para a aprendizaxe e o desenvolvemento intelectual…
A situación actual na que nos atopamos afectou ao rendemento-funcionamento da tenda?
Comecei a traballar por primeira vez na libraría no ano 2017 pero logo tiven un asueto de 1 ano máis ou menos no 2019. Volvín este verán, polo que realmente gran parte do confinamento non estiven presente… pero agora, o tema do peche da hostalaría e as restricións de mobilidade si se notaron, hai moita menos xente pola rúa.
Acoden moitos nenos e nenas á libraría coas súas familias? Que temática de literatura é a que máis se vende?
Acoden bastantes familias, incluso ás veces hai algún cativo ou cativa que veñen eles sós, traen os seus aforros e pagan eles mesmos, feito que me emociona. A temática depende un pouco das idades, pero libros como os de Gerónimo Stilton, el Diario de Greg, Kika Superbruxa… ou algún máis clásico como Harry Potter e Narnia, os cales segundo entran pola tenda xa saen.
Observas cando están na libraría quen escolle os libros, os nenos e nenas ou seus pais?
Hai de todo, pero normalmente cando veñen en familia si que lles deixan aos nenos e nenas elixir. Ás veces veñen os familiares a preguntar por aqueles que lles piden.
Que criterios cres que seguen os adultos para escoller os libros? E os pequenos?
Os adultos guíanse moito pola clasificación temática na que se atopan ordenados os libros e logo xa depende dos gustos de cada un. Por exemplo, é habitual que se manteñan dentro de certos autores que xa saben que lles gusta.
Os máis pequenos e pequenas déixanse levar moito pola portada. Un aspecto moi importante que capte a súa atención, é dicir, "que lles entre polo ollo". Logo xa, cando son un pouco máis maiores, soen ter os seus favoritos e veñen máis a tiro fixo.
Facedes algunha actividade de promoción da lectura na librería?
De forma física e presencial non. Aínda que nas redes sociais da librería si que se promove moito o valor la lectura e dos libros a través de publicacións relativas a súa promoción. Ademais, tamén recomendamos algúns títulos e obras que nos chegan e sabemos que se esgotan rápido.
Cres que homes e mulleres xogan o mesmo papel na literatura? Notas diferenzas entre os libros publicados por mulleres e homes?
O número de libros publicados por homes é notablemente maior que o de mulleres, de feito, lera unha vez que hai o dobre de libros publicados por homes que por mulleres, iso é un feito que non debería suceder pero que está aí e que ocorre por algo...
Atopas diferenza á hora de comprar libros e xénero dos autores?
Si que hai diferenzas, a máis salientable e evidente é a da sección de novela romántica, na cal é moi difícil, por non dicir imposible, ver a un home interesándose por ela... e moito menos collendo un libro desa sección. Se o fan, soen pedir consello para regalar. Ademais, a pesar de que hai moitos máis libros publicados por homes, nesta sección o difícil é atopar un comprándoos.
Notas algunha vez algún prexuízo por ser libreira? Algunha diferenza cos teus compañeiros de traballo homes?
Co meu compañeiro non podería dicilo xa que nunca coincidimos en quendas, pero cos donos si noto diferenzas. Eu empecei con 18 anos e agora teño 22, ségueme a pasar que estou no mostrador atendendo e os donos pola tenda ocupados dedicándose a outra cousa e, a pesar de verme a min libre, os clientes diríxense primeiro a eles. Logo está a pregunta de "que es filla dos donos?" como se esa sexa a única explicación posible de que me contrataran a min e non a alguén con máis experiencia.
Experiencias positivas ou negativas con clientes.
A negativa téñoa clara, ademais é moi recente... este mesmo mes un día atopábame soa na tenda cunha clienta maior e unha persoa aproveitou mentres lle estaba ensinando uns libros para entrar a roubar o diñeiro da caixa. Eu sentín ruído e xa o vin. A situación é moi desagradable, ademais de que te sentes moi impotente, pero bueno, tiven moita sorte, puido haber sido peor.
En canto ás positivas hai moitas porque ao final é unha tenda de barrio e moita da clientela é habitual e xa nos coñecemos. Pero por contar unha graciosa e que recordo con moito cariño: unha vez que veu á tenda a maior fan que coñecín ata agora dos porcos. Era unha cativa que quería un libro sobre estes animais e ante a miña negativa, xa que non tiñamos ningún nese momento, deume unha lista de sinónimos e traducións como cochos, xabarís, cerdos, pigs... para intentar atopar un. Aínda que non houbo sorte, polo que me pediu que se nos chegaba algún que llo gardara. Foi do máis simpático, eu non coñecía tantos sinónimos, era unha fan de verdade.
Ao ser libros de segunda man, hai algunha curiosidade que destaques que atopases dentro? Algún escrito, marcapáxinas, carta, dedicatoria…
Todos os días atopas algo dentro dos libros, dende marcapáxinas, fotos, papeis persoais… a maioría están identificados coa firma, nome, data e outros datos; moitos con dedicatorias… Así por destacar algúns dos máis recentes: hai pouco atopámonos un libro de Álvaro Cunqueiro firmado e adicado polo propio autor. Tamén vimos unha dedicatoria escrita en marzo do ano pasado na que a persoa se preguntaba como estariamos este ano. Seguro que non se imaxinaba que no inicio dunha pandemia! Polo demais algún debuxo, calendarios ou papeis publicitarios con bastantes anos.
Que sentes cando chegan libros de casas que son vendidos para desfacerse deles?
Por unha parte síntome satisfeita porque na libraría dáselle unha nova oportunidade, unha segunda vida, sería moito peor que acabaran directamente no lixo. Os motivos e as circunstancias persoais son moi diversas…
Hai centros educativos que mercan libros de segunda man?
Danse algúns casos, non de forma habitual, pero si recordo facer algunha factura para algún colexio. Aínda o outro día enviei un pedido a un instituto porque a pesar de ser libros de segunda man intentamos que estean no mellor estado posible, moitos están como novos. E tamén ocorre ao revés, ás veces algunha ANPA tráenos libros para vender.
Como definirías a vida dun libro? E a nosa vida a través dos libros?
Penso que a vida dun libro comeza coa persoa que o escribe e continúa a través de quen o lee: coa propia interpretación que realiza, cada vez que o recomenda ou fala del, con cada aprendizaxe ou reflexión que extrae…
A nosa vida a través dos libros é de forma similar. Eu penso que cada libro se vive diferente en cada persoa, dende quen o escribe ata cada unha das persoas que o len. Depende dos gustos e da personalidade de cada un, do momento concreto e das vivencias persoais… de tantas cousas. Un libro é unha porta á imaxinación e esta é libre, polo que cada quen fai a súa propia lectura de forma diferente e persoal. Creo que aí é onde reside a súa maxia.
Destacados
Saleta é unha defensora da educación social, destacando que nos centros escolares se deberían incorporar estos profesionais, “á vista están os bos resultados obtidos nas escolas e institutos nos que se puxo a proba”. Pensamos que agregrar estos profesionais aos centros será de moita axuda para a nosa profesión. É un feito que pouco a pouco se fará realidade, mellorando así a educación.
Respecto ó papel que xogan os homes e mulleres na literatura, Saleta fíxo unha pequena crítica afirmando que “Si que hai diferenzas, a máis salientable e evidente é a da sección de novela romántica, na cal é moi difícil, por non dicir imposible, ver a un home interesándose por ela... e moito menos collendo un libro desa sección. Se o fan, soen pedir consello para regalar. Ademais, a pesar de que hai moitos máis libros publicados por homes, nesta sección o difícil é atopar un comprándoos”.
E para concluír queremos resaltar a afirmación da nosa entrevistada onde expón o feito de que “un libro é unha porta á imaxinación e esta é libre, polo que cada quen fai a súa propia lectura de forma diferente e persoal. Creo que aí é onde reside a súa maxia.”. Os libros son os nosos compañeiros no viaxe da vida, estemos en bos ou malos momentos, eles transportarannos aos dispares lugares que elixamos. A lectura aporta un panorama amplo no cal o alumnado ten a oportunidade de desenvolver as súas propias ideas e fomentar unha actitude crítica, estimulando a súa creatividade e imaxinación mentres len as obras que poden topar en recunchos como esta libraría.
Material gráfico
A dependenta ou dependente que se atope na libraría cando alguén entrega os seus libros ten que revisalos para ver o seu estado e comprobar se son aptos para a venta. Moitas veces encontran obxectos e recordos que non teñen ningún valor económico pero si sentimental. Por iso, na libraría de Saleta teñen un baúl con pequenas lembranzas que se foron atopando. Algúns que destacamos son unha carta, unha postal, unha estampita, un debuxo dun neno ou nena, dedicatorias, un anuncio de Pamela Anderson e diferentes publicacións da libraría para fomentar a lectura.
Ademais, para finalizar con un dato curioso, nas redes da libraría atopámonos cunha publicación moi curiosa onde encontraron un “contrato” enre dous irmáns por mil pesetas e un gran favor. O enlace a este distinguido acordo:
Couceiro García Andrea
Fernández Hermilla Alba
Ningún comentario:
Publicar un comentario