xoves, 14 de xaneiro de 2021

Coñecemento a Xosé Constenla

 


Docente universitario polo día e cantautor galego pola noite


A nosa entrevista realizouse a Xosé Constenla Vega (Santiago de Compostela - 1980), un xeógrafo e cantautor galego que actualmente exerce como o noso profesor de Ciencias Sociais na Facultade de Ciencias de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo.
Centrándonos no ámbito musical, Xosé realizou máis de 300 concertos e recitais. Os seus traballos amosan estados de ánimo e impresión de feitos sociais que acontecen, ademais dalgúns puntos de vista ou visións persoais de intrahistorias cotiás sometidas a unha avaliación sentimental. Conta con cinco discos gravados como cantautor, estes son: Quen fixo berrar ao silencio (2005), Olladas dun entusiasta (2008), Sinecismo. Xosé Constenla ao vivo (2013), Virada por Avante (2015) e Globo Vermello (2020). 
Ademais, dentro da obra escrita conta con varios ensaios: (Re)Imaxinando o universo urbano (2010) e O colapso territorial en Galiza (2018).
Destacar que Constenla gañou numerosos premios na súa adolescencia, e gañou o XVII premio Ramón Piñeiro de Ensaio grazas a súa obra O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país.
Os motivos polos que escollimos a Xosé Constenla como protagonista desta entrevosta foron: primeiramente, e como é o noso profesor de Didáctica das Ciencias Sociais, existía unha facilidade maior á hora de contactar con el. Ademais, interesábanos a súa faceta como cantautor, xa que ata o momento era descoñecida polo seu alumnado. Tamén tiñamos moita curiosidade en saber como pode compaxinar a súa carreira musical co seu traballo como docente. Por outro lado, queríamos saber cando comezou a súa traxectoria musical e por que. E finalmente, como alumnos seus, tiñamos curiosidade por saber un pouco da vida do noso docente, xa que adoitamos a non saber nada deles. 


-Que foi o que che fixo comezar a túa carreira musical?
-Supoño que as ganas de querer transmitir cousas, as ganas de comunicarme nunha linguaxe máis poética; ao mellor tamén influenciado por ver artistas que dicían cousas que a min me enchían moito ou me construían como persoa. Pensei que eu tamén quería facer algo parecido e como non se me daba tan mal escribir durante a escola, recuperei unha guitarra que había vella pola casa e empecei a facer algunhas cancións, pero máis ca nada como un xogo por querer lanzar unha mensaxe, transmitir algúns sentimentos e comunicar ideas e demais. Eu creo que iso foi o que máis me seduciu, a idea romántica de transmitir cousas a través da música e cunha guitarra, esa imaxe dun cantautor pareceume moi interesante. 

-Cando e como foron os teus comezos neste ámbito?
-Pois mira, no ámbito musical, eu recordo perfectamente cando foi: Foi cando estudaba 1º de BUP, o equivalente a 3º da ESO. Era o ano 94-95 e naquela época pasáronme unha cinta, que agora non se usan, dunha gravación dun concerto que era duns cantautores. A verdade é que ese disco seduciume moitísimo; namoreime da atmosfera, do público, da música, de todo. Entón investiguei un pouco quen eran eses dous: Luis Eduardo Aute e Silvio Rodríguez; e creo que aprendín a tocar esas cancións recuperando unha guitarra que había, como xa digo, pola casa e que era do meu irmán. Aquilo case non era xa nin un instrumento musical e soaba fatal. A partir de aí pois tocaba no patio do colexio, tocaba cara ós amigos e compartimos algunhas tardes e demais. Despois, indo a clases de guitarra e así foi como empecei, ata que no ano 96-97 din o meu primeiro concerto, que foi un concerto todo de versións de cantautores. Foi no colexio e tratábase dun concerto benéfico para recadar fondos por unha campaña de Nadal ou algo polo estilo. A xente tiña que traer un alimento, pois arroz ou o que sexa, e recordo que foi como o meu inicio. Despois, un ano máis tarde, ou sobre o ano 97, dei o primeiro concerto nun bar e a partir de aí pois pouco a pouco; a cousa non cambiou moito, xa que sigo tocando nos bares.

-Tes algún antecedente musical na familia ou es a primeira xeración?
-A verdade é que podemos dicir que na familia máis próxima, os que son os meus catros avós e os meus tíos e demais, aí non hai músicos. Si que había un primo dos meus avós que era músico saxofonista e que andaba en orquestras e demais, pero pódese dicir que non hai antecedentes na familia de cousas musicais, digamos. Si que é certo que teño un primo, un primo segundo ou terceiro que se chama Javier Constenla que é un gran pianista co que eu toco, bueno ou el toca comigo ou bueno, tocamos xuntos. É o meu pianista, da miña banda e si que é certo que é a única referencia familiar anterior a min que penso que ten relación coa música.

-Cales son os teus referentes musicais? Hai algún en galego?
-Pois si, bueno xa dixen dous mestres, pero case todo o mundo da canción de autor, os cantautores a min encántanme. Pero se me preguntades por referentes, os cantautores Silvio Rodríguez, Luís Eduardo Aute, Paco Ibáñez, estes son moi da vella escola e despois hai xente máis actual, como Ismael Serrano, Pedro Guerra ou Jorge Drexler, que son dunha onda dos anos 90 e demais. Tamén teño referencias británicas e norteamericanas, como Leonard Cohen, John Cash, e xente máis actual pero bueno, músicos moi moi moi moi distintos digamos. Despois, dende o punto de vista da música galega, máis ca un autor e máis ca un músico hai un disco que creo que foi bastante importante na miña carreira musical, que foi un disco de Luís Emilio Batallán que se chama Ahí ven o Maio, que son todos poemas de Álvaro Cunqueiro, Eduardo Pondal e demais e que creo que si que influíu un pouco porque tamén eran as cancións que nos ensinaban no colexio. O suposto Amancio Prada e outros artistas do ámbito galego tamén, pero é certo que me fixo moito máis na música portuguesa: Xosé Alfonso, Xosé Mario Branco, Fausto, Serxio Godinho, no que son cantautores desa onda, que en Galicia en realidade non houbo, pero bueno iso é por outra historia. E despois dese disco de Luis Emilio Batallán, está o gran Suso Vaamonde, que foi un cantor, un bardo, un trobador galego que tamén influíu con algunha das súas cancións, co tipo de canción de intervención, protesta da transición e demais. 

-Que é o que máis e o que menos che gusta de ser cantautor?
-O que menos, por empezar polo negativo, todo o tema de organizar os concertos, é dicir, neste mundillo aínda que pareza o contrario, moitas veces non se ten representante nin manager nin todo iso e dáseme bastante mal e dame moita preguiza poñerme a chamar por teléfono a concellos, a asociacións e demais. Case prefiro non cobrar e que me organicen todo e demais que, por exemplo, teña que facer eu todo. Ademais, son moi malo cobrando; cando digo: pois este concerto vale tantos cartos e despois teño que ir solicitar o pagamento dáseme moi mal; é dicir, todo o que teña que ver coa xestión musical prefiro non saber moito. O que máis me gusta eu creo que é esa especie de adrenalina que che baixa polo corpo co feito de subir a un escenario, un teatro, unha praza ou incluso dunha sala e ver que hai 15, 20 ou 200 persoas expectantes, e que algunhas saben as túas cancións e que tes esa comuñón con eles de transmitir cousas. Eles son receptores moi abertos e o cantautor é moi flexible, xa que pode tocar tanto só como en banda, cun músico ou sen músicos; entón iso da moita liberdade para poder facer a interpretación das músicas como vaia caendo. Eu ademais creo que isto de cantar é como unha terapia e para min, que falo moito entre canción e canción, pois moitas veces téñome que poñer unha nota, unha anotación ao lado do pé do micro ou algo así dicindo “canta máis e fala menos”, porque ás veces entre canción e canción a verdade é que falo demais. Pero bueno, tamén é unha das cousas boas que ten este oficio, viaxar, coñecer xente e falar moito.

-Fixeches algunha vez un concerto para nenos/as de Educación Primaria? E se non foi así, faríalo? Explícanos a túa experiencia.
-Pois faría moitísimos máis. Fixen algún nalgunhas escolas que me convidaron, sobre todo dende o departamento de lingua galega, pero faría, estaría disposto a facer case todos os meses concertos nas escolas. Creo que é fundamental que os nenos escoiten outro tipo de música. Eu por exemplo son un pouquiño crítico coa música infantil, ás veces paréceme que son mensaxes que están máis ou menos ben adaptados á idade, pero os nenos tamén teñen que escoitar música para adultos, porque van querendo esas referencias. A min, ao calor do que falabamos antes, os meus pais poñíanme a Paco Ibañez no berce e creo que diso vas xerando un recordo musical; e creo que faría concertos con eles, pois xa digo, todas as semanas, todos os meses, xa que os que fixen sempre foron super bonitos. A verdade é que ao principio achégaste cun pouco de nerviosismo incluso, de resentemento e de como van acoller as cancións, pero hai un momento no que a guitarra comeza a soar. Un instrumento en directo é moi poderoso porque escoitas unha vibración, escoitas o son natural e entón iso calma moito ás feras. É como si dalgunha maneira te pos ó seu nivel e tratas de ser cariñoso coa música e demais. Ao final acábase creando unha atmosfera super chula, entón empezas cun pouco de nerviosismo e pouco a pouco a cousa vai mellorando. É complicado en calquera caso chegar a xerar unha sinerxía, iso é difícil, moitas veces porque hai un efecto escenario, un efecto tarima e podemos dicir que te observan como algo inabordable, por iso está ben facer estes concertos sentados todos no chan ou facendo corillo e demais. Pero bueno, esas experiencias foron sempre moi chulas. 

-Como farías para aumentar a escoita do público neste tipo de música?
-Bueno eu creo que máis alá de canles institucionais, é dicir, que a Xunta lles poña moitos discos destes na escola, eu creo que é unha cuestión máis ben social e a responsabilidade é da sociedade. Os pais e nais son os que teñen que empezar a escoitar a música que vai máis alá do reggaeton, das radios fórmulas e teñen que comezar a poñerlle esa música aos nenos/as; e non só a que está supostamente pensada para eles/as. Eu para min penso que o máis revolucionario, o que pode cambiar máis as cousas é precisamente que haxa un cambio máis global, que todos escoitemos todo tipo de música, non só a que nos colle na televisión, nas redes sociais, etc. Pouco a pouco creo que os nenos van escollendo, van facendo a escolla do fermoso, do que é fermoso, do que é bonito, da excelencia. Si que é certo que con determinado tipo de música hai algúns estereotipos, como pois que os cantautores temos ese prestixio de tristeiros, de intensos, de cousa seria. Pero bueno, xa hai hoxe en día cantautores como El Kanka, que van pola rama da risa, da broma e entón pois creo que eles van escoller pouco a pouco aquilo que lles interesa e o que non. Finalmente, direi que a responsabilidade é do músico, nós somos os que temos que facer boas cancións, se fas boas cancións a xente vaite acabar escoitando sen importar a idade. 

-Se puideras elixir, con que persoa che gustaría colaborar?
-Jolin, esa é unha pregunta moi difícil porque as veces pensas en persoas cas que dirías: que bonito sería cantar con este ou con aquel e velo como moi lonxe. Se puidese escoller dos que xa non están, gustaríame con Chavela Vargas e encantaríame con Mercedes Sosa, con mulleres que tiñan unha voz portentosa; e dos que están vivos, pois mira probablemente voulle propoñer facer algo a Xurxo Souto, un tema que teño aí a medias, gustaríame facelo con el. Gustaríame facer algo cun cantautor portugués que se chama Miguel Arauxo, sería incrible poder facelo. Volveríame repetir con Litus que é o cantante da banda de Late Motiv co que xa cantei algunha vez, pero gustaríame repetir esa experiencia. Loxicamente eu colaboro moito con dous amigos que son case irmáns, que son O Leo i Arremecághona e Roberto Sobrado, e con eles sempre estaría disposto a facer moitos, sen ningún problema vamos. 

-Como fas para compaxinar a túa vida laboral como docente coa carreira musical?
-Bueno a verdade é que para min son dúas caras da mesma moeda, é dicir, investigar e andar sempre ao lado de libros e clases é unha maneira de achegarse á sociedade, escribir cancións e facer concertos é outra maneira de facer o mesmo, de achegarse a sociedade, a públicos distintos. Porque, por exemplo, eu doulle clase a alumnos de 20-23 anos que, en realidade, non son xente que despois sexa público nos meus concertos, non a maioría deles, polo menos. Se só fose un 3% ou un 4% sería marabilloso. Ás veces sorpréndome porque estou dando un tema en clase ou estou investigando para un artigo de investigación e de súpeto vexo que as cancións que estou escribindo son de temáticas moi similares ao que fago no dia a dia. E despois, dende o punto de vista da operativa, é certo que na miña vida ocupa máis o meu papel como profesor universitario, basicamente porque da música en Galicia eu creo que viven catro ou cinco nada máis, que ademais estan en 50000 proxectos distintos. Teño o privilexio de ser profesor universitario, de dar clase na universidade, e é algo que me encanta, que me apasiona tanto como ser músico; pero a verdade é que ten certa prioridade sobre a música, xa que á música digamos que lle dedico esas horas de lecer, de hobby, de tempo libre que, por outro lado, tamén teñen o seu estudo, o seu traballo que moitas veces, pois é invisible. Pero bueno é moi bonito dedicarse a varias cousas na vida e agora que ven a cuestión de ser pai facelo coa mesma paixón ou máis, xa lle fun cantando algunhas cousas aínda que non me deu tempo de falarlle de ciencias socias. 

-Como afectou á túa carreira musical a covid-19?
-Pois teño que dicir que houbo unha parte moi negativa e outra parte positiva. A negativa foi que tiñamos un disco, temos un disco gravado xunto con Leo e con Roberto de versións de cancións de Suso Vaamonde que tiñamos pensado lanzar este ano e xirar con el, é dicir, facer uns cantos concertos, e non puido ser polo COVID. Na realidade ao aspecto musical varreunos e deixáronnos sen música, sinceramente. Por outro lado, a min o peche de marzo, abril e maio deume para facer un disco, un disco na casa, o primeiro disco que eu fixen digamos “auto producido” por completo: os arranxos, as músicas, as letras, todo. Sempre traballei cun produtor, neste caso fíxeno todo porque aproveitando que estaba na casa e tiña tempo pois fíxeno así. Entón podemos dicir que por un lado foi negativo, pero por outro foi moi positivo porque agora teño un traballo novo que se titula O globo vermello, fixemos un videoclip e fixemos moitas cousas que probablemente de non ter chegado esta dramática situación de pandemia nunca tería feito. 

-Gustaríache compoñer unha canción con nenos/as de Educación Primaria?
-Pufff, pois non o fixen pero sería pois super chulo ter un taller, montar un obradoiro no que puidesemos pois colaborar, e primeiro escoller unha idea, escoller algo para querer contar e cantar, e logo ver que tipo de canción queremos facer algo máis pois eu que sei, queremos facer, por exemplo, un corrido mexicano ou un valse ou unha canción pop e ver o estilo que eles queiran. Pouco a pouco ir montando digamos esas estrofas, pois... imos facer unha canción sobre unha parella que se atopan nunha praia e sucede algo. Sería moi interesante ver como evoluciona esa idea, nunca o fixen xa digo, pero sería fenomenal e moi colaborativo.

-Que posibles implicacións podes dicirnos da música galega dentro dun aula de Primaria? 
-Uf, eu creo que a música galega a día de hoxe... de feito titoricei un TFG ao respecto hai uns anos e sirve, por exemplo, a través do vocabulario e a través das imaxes en moitas das cancións para coñecer o propio contorno, o propio medio e son ferramentas moi potentes. As músicas serven para trasladar coñecementos, conceptos, contidos conceptuais e valores aos nenos/as, a música é un soporte fabuloso. Ademais, este tipo de música en concreto sempre foi unha música moi achegada ao seu medio, á súa xeografia e á súa historia. Entón case calquera autor, case calquera grupo que coñezas de música galega vai a ter os pés na terra e vai basearse nunha paisaxe, nunhas persoas, nuns labores, nuns artesáns, nuns oficios, nunha cidade ou senón estará moi preocupado de utilizar a música tradicional, de utilizar instrumentos moi distintos vinculados coa etnografía e demais. Eu mesmo no último tema que estiven traballando, estiven facendo a percusión cunha lata grande de pemento que é un instrumento moi tradicional das zonas de mar sobre todo, e de Ourense tamén, en Ourense tocábase moito polo tema do polbo. O condimento e esa intrahistoria que ten esa canción en concreto é algo que transmite moitísima historia, moitísima cultura aos nenos e nenas de Educación Primaria. Así que creo que se debería escoitar moita máis música da que se escoita e sobre todo hoxe en día que temos un soporte fantástico que son os videoclips, e pois utilizalos tamén. 

-A grandes trazos, pensas que os nenos e nenas de Primaria coñecen este xénero musical? De ser que non, como pensarías que sería a maneira máis fácil de darllo a coñecer?
-Eu non creo que teñan por que coñecer o xénero de canción de autor. O que teñen que coñecer é a música. Probablemente sería xenial que houbese un circuíto máis ou menos organizado de concertos didácticos, nos que nos puidésemos apuntar os músicos e puidésemos facer 6 ou 8 concertos ao ano ou ao curso en distintos colexios de Galicia; desa maneira poderiamos dar a coñecer esa música aos nenos/as. Eu antes o facía, agora xa non o fago tanto, pero antes por exemplo, cando remataba eu un tema na clase, poñía un videoclip de música galega e creo que iso é algo que os profesores poden facer facilmente ao acabar a xornada de luns a venres, pois acabamos as clases cando sexan as 4 da tarde ou un pouquiño antes. Pódese presentar un autor e poñer un videoclip del, para que os nenos e nenas vaian vendo distintos xéneros e distintos tipos de música. Isto falicitaría moito as cousas se existise un repositorio, como unha lista de Spotify ou unha lista de Youtube, que organizase todos os videoclips e ademais apareceran cunha pequena ficha coa letra da canción, co título do disco, unha pequena explicación da mesma; e así temos desta maneira un pequeno repositorio que os mestres e mestras de Educación Primaria poden utilizar as veces que queiran e basicamente de balde. 

-Nunca te propuxeches estudar para profesor de música de Educación Primaria?
-Ui non, non, non. Non tería ningunha paciencia. Eu, por exemplo, as veces que intentei ensinarlle a tocar catro acordes coa guitarra a un amigo sempre acabo desesperándome. Non creo que teña nunca esa paciencia que teñen os mestres de Educación Musical para tratar de harmonizar, por exemplo, a cinco rapaces con distintos instrumentos: un co triangulo, outro coa frauta... Para min sería algo inabordable. Igual que tampouco son bo profesor, pois puxéronme algunha vez dar clases de guitarra e non creo que eu sexa bo para iso. Incluso en algún momento me pediron que fixera algún video didáctico con algunha das miñas cancións para saber que acordes utilizaba, como se tocaba, que arpegios e demais e tampouco son moi expresivo á hora de transmitir a linguaxe musical. Así que a iso prefiro que se dediquen os profesionais da Educación Musical, eu quédome coas Ciencias Sociais e cunha cousa importante: que é facer cancións para seguir transmitindo o que penso, o que sinto, o que provoca tanto sentimentos positivos como negativos. Moitas veces as miñas cancións son de protesta e non só cancións bonitas de amor; ás veces contan cousas profundas, rudas e violentas pero porque ten que ser, na sociedade é así e así é como debemos contala.


Autores:
Xián Penín Pía
Agustina Rodríguez Burgueño
Estela Rodríguez Casas

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...