martes, 12 de xaneiro de 2021

María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito


 



Casalderrey, Fina e Aleixandre, Marilar (2018). María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito. Ilust: Fino Lorenzo. Vigo: Xerais, [128 pp.]. (ISBN: 978-84-9121-311-6)

 

A obra María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito, escrita por Marilar Aleixandre e pola autora pontevedresa Fina Casalderrey, consta de 128 páxinas, cun formato rectangular e tapa branda. A cuberta principal relaciónase directamente coa portada, levada a cabo por Miguel Vigo. Dentro dela encontramos, como aspecto principal, o título da obra, o nome da editorial e da colección á que pertencen. A ilustración é de Fino Lorenzo e nela aparece un retrato con trazos cubistas de María Victoria Moreno. En canto á contracuberta, observamos unha breve sinopse da historia na cal aparecen datos relevantes do que imos ler e, ao igual que na cuberta principal, aparecen os datos da editorial e o ISBN.

Xa no interior, na páxina de título de créditos aparecen os datos de responsabilidade dos deseñadores e ilustradores das cubertas, dos encargados de produción e maquetación, o ano de edición, correspondente ao 2018, datos referentes á editorial, o ISBN, o depósito legal e os copyrights.

En canto ao argumento, observamos que non segue unha liña temporal marcada. No primeiro capítulo fálanos sobre a creación da libraría Xuntanza, en Pontevedra, por parte da principal protagonista da historia, María Victoria Moreno e de aqueles libros existentes dentro dela, así como tamén dos considerados “libros prohibidos” a causa da época na que se sitúa. A seguir céntranse nos seus anos de xuventude e en aspectos como as súas vivencias relacionadas coa educación, disciplina á que ela se dedicaba. Ademais, nestes últimos capítulos tamén fai referencias á súa relación coas demais persoas e cos animais, mentres que os últimos capítulos fan referencia á súa enfermidade e á valente maneira na que ela a afrontou ata o momento da súa morte.

En canto ao material gráfico, a obra conta con fotografías da vida da autora a través das que se percorren momentos da súa infancia, a súa voda ou diferentes instantáneas coas súas mascotas.

Entre as potencialidades da lectura desta biografía pensada para o lectorado a partir dos 11 anos, cabe destacar a aproximación á vida e obra de persoeiros relevantes da cultura galega, como María Victoria Moreno; abordar diferentes tipoloxías textuais e as súas características e mesmo realizar diferentes prácticas nas cales os alumnos realicen pequenas autobiografías, para reflexionar sobre a percepción sobre un mesmo e a visión que poden ofrecer os demais de nós. Dentro destas actividades, os alumnos e alumnos adquiren un maior coñecemento deles mesmos, utilizando a subxectividade e o autoconcepto.

Entre os recursos en liña seleccionamos a presentación da obra no programa Cada día un libro, que se pode ver en: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/maria-victoria-moreno-a-muller-que-durmia-pouco-e-sonaba-moito-de-fina-casalderrey-e-marilar-aleixandre  

 Valentín Ballester Taboada

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...