O SEGREDO DE ZOE
O libro que elixín trátase de O segredo de Zoe. Esta lectura escollina en base a varios criterios, sendo estes, a importancia que posúe a autora da obra para a literatura infantil, ademais de que a autora foi unha das escritoras recomendadas pola docente desta materia en cuestión. Este libro busqueino e atopeino na Biblioteca Rosalía de Castro da Universidade de Vigo. En canto á recomendación de idade para esta obra é algo confusa, debido a que o propio libro a cataloga a partires dos 5 anos, pero pola contra nalgunha web onde se pode mercar o libro, este é recomendado para un público de 9-12 anos; aínda que debido ás propias características do libro, sendo por exemplo a súa escritura sinxela, a gran cantidade de ilustracións e o fácil de entender a historia desta obra, o público máis axeitado sería o que recomenda o libro, sendo a partires dos 5 anos e podéndose empregar para os cursos de 1º e 2º de Educación Primaria para algunha temática relacionada coa familia ou os segredos e tesouros persoais.
Casalderrey, Fina (2016). O segredo de Zoe. Ilust. Marina Seoane. Vigo: Tambre, col. Ala Delta, serie vermella, nº 23, (a partir dos 5 anos), 40 pp. (ISBN: 978-84-9046-145-7).
O libro físico caracterízase por presentar no exterior unha tapa branda e dunhas dimensións de 20 x 13 cm. Na cuberta da propia obra, na parte superior dereita, pódese atopar o nome da obra, así como tamén o nome da ilustradora, ademais outra cousa que se pode atopar no mesmo lugar é o nome da editorial e da colección á que pertence. Por outra banda, no resto da cuberta aparece unha imaxe onde se pode ver a Zoe nun bote pescando peixes no medio do océano, facendo referencia ao que se dedica seu pai. Finalmente, en relación a todo isto, na contracuberta encóntrase a recomendación de idade nunha esquina, mentres que nas outras hai unha breve sinopse do libro e unha breve descrición da traxectoria da autora.
No interior do libro conta cunhas gardas brancas, o título de créditos e o mesmo recadro coa información da cuberta exterior, funcionando de portada interior. O tamaño da fonte empregada no libro é moito maior ca estándar, polo que está xa orientada para os lectores potenciais desta obra. O propio texto do libro non presenta unha separación por capítulos ou similares, senón que o texto é corrido. Aínda así, existe unha introdución, un nó e un desenlace bastante marcados; a introdución encóntrase no comezo do libro onde presenta a Zoe e o seu problema de gardar un tesouro descoñecido; a continuación desenvólvese o nó, onde Zoe está preocupada por ese tesouro e intenta gardalo sen dicirlle nada á súa nai e ademais aparece o pai da nena; e finalmente, o desenlace que amosa o final da historia onde Zoe lle fai entrega a seu pai do seu tesouro.
A trama do libro é sinxela, ao comezo desta, preséntanse a parte dos personaxes da historia, sendo estes Zoe e a súa nai, ademais a primeira acción do libro desenvólvese de noite no baño e no cuarto de Zoe, onde a nena queda durmida e esperta xa pola mañá atopando un ovo de chocolate con sorpresa, tamén cabe destacar que neste comezo se descobre que Zoe está a gardar un obxecto moi prezado para ela, considerándoo un tesouro. Seguindo coa historia, Zoe intenta dicirlle a súa nai o seu segredo pero, pero súa nai cunha frase faille cambiar de idea e marcha á escola. Neste espazo só se destaca o recreo, onde Zoe come o seu ovo e intenta construír o barquiño que lle tocou. Finalmente, ao voltar á casa descobre que a súa nai está a facer un prato que a ela non lles gusta e de súpeto entra no fogar seu pai e dálles un cálido abrazo, momento no que seu pai se decata de que a Zoe lle falta un dente, este comeza a lamentarse de perder tantos momentos importantes da súa vida, debido a que é pescador de alta mar. Por sorte Zoe dálle o seu tesouro a seu pai e este ve que o que lle deu coma un tesouro é o primeiro dente que lle caeu.
As imaxes que presenta este libro atópanse en tódalas páxinas, combinadas co propio texto. Nas ilustracións recréanse contidos literais da obra, como a propia Zoe, súa nai ou seu pai; aínda que é importante destacar que tamén aparece un gato, que en ningún momento é referenciado no texto do libro. De feito, nalgunhas imaxes amplíase a información do texto, como cando imaxina Zoe algunhas cousas ou os seus pensamentos, por exemplo a imaxe da cuberta é unha deste tipo, que ademais aparece no interior do libro.
En canto ás potencialidades que atopei nesta lectura son de salientar o tratamento de cuestións como a relevancia da familia ou do crecemento dunha persoa. Sobre o primeiro, cabe destacar as consecuencias daausencia dalgún familiar, neste caso o pai, aínda que sexa de maneira temporal; no caso do segundo, os cambios que afectan a nivel físico, como a perda dos dentes. Outro tema, xa de contido máis transversal son os mariñeiros, pois é máis relacionado coas Ciencias Sociais e dos costumes do noso país, por ser un sector moi importante do que depende moita xente.
Finalmente algún recurso en liña que atopei sobre esta lectura son por exemplo:
Fundación SM (2017). Literatura SM: Anuario Iberoamericano sobre el Libro Infantil y Juvenil. Recuperado de https://es.literaturasm.com/sites/default/files/documentos/181763_anuario_lij.pdf
Roig Rechou, B.-A. (dir.) (2016). Informe de literatura 2016. Recuperado de http://cirp.gal/rec2/informes/upload/ver/inf2016/Informe_Literatura_2016.pdf
Ningún comentario:
Publicar un comentario