A obra escollida é O Xigante secreto do avó.
LITCHFIELD, David (2017). O xigante secreto do avó. David Lichfield. A Coruña: Hércules de ediciones, col. Novas Lecturas de Hércules, 40 pp (ISBN: 978-84-946502-7-7).
Respecto ao formato da obra, podemos destacar as súas dimensión de 22x30cm, un tamaño considerable que chama a atención nos lectores e introdúceos por completo na historia. A cuberta do libro está completamente ilustrada e nela podemos ver o xigante entre os tellados da vila, mentres o avó Billy e o seu can o miran , dende unha ventá. O título aparece con letras de cor prata brillante, igual que as estrelas que iluminan a noite da imaxe, na que o ton predominante é o verde. Na contracuberta continúa a paisaxe da vila, pero desta vez non aparece ningún dos personaxes, simplemente se amosan as casas da vila, nas que podemos observar o seu interior iluminado a través das ventás.
Na garda anterior, vemos de novo unha paisaxe da vila, na que aparecen as casiñas e algún camiño, o que nos transmite sensación de frío e soidade, xa que as casa están nevadas e o ceo gris. Ao lonxe, nun camiño vese o xigante entre os tellados. Na garda posterior, aparece a mesma paisaxe que aparecía na garda anterior, pero desta vez, a neve xa non está, a imaxe é máis cálida e aparece Billy ao lombo do xigante, cos brazos en alto.
Na portada aparece de novo o título acompañado dunha imaxe na que vemos a Billy e o seu avó sentados na cabeza do xigante a quen tan só se lle ven os ollos, xa que se atopa metido debaixo do auga. O avó está a pescar mentres que o seu neto le un libro. Na contraportada vén indicada a información do libro, neste caso, a editorial á que pertence, o ISBN, o título orixinal ou a dedicatoria entre outras. O fondo onde se atopa a información é completamente branco.
Este libro conta a historia dun xigante que se dedica a facer boas obras para todos os veciños da vila. O avó de Billy contoulle ao seu neto da súa existencia, pero o cativo non o cre, pensa que un xigante é demasiado grande como para poder agocharse sen ser visto. Na vila estase a pintar un gran muro pero os veciños non lle chegan á cima. Unha noite, Billy saíu para comprobar se o que dicía o seu avó era verdade e levou unha gran sorpresa: alí estaba o xigante, pero o cativo asustouse tanto que saíu correndo. De contado, arrepentiuse de actuar así e saíu outra noite para pedirlle perdón e compensalo cun regalo que de seguro lle faría moita ilusión.
As ilustracións sen dúbida son o máis destacable da historia, as dimensións do libro permiten que estas sexan moi rechamantes, a gran maioría ocupan toda a páxina. Nelas podemos observar todo tipo de detalles. O ilustrador varía os formatos das ilustracións, xa que nalgunhas páxinas aparecen ilustradas varias secuencias, facendo referencia ao paso do tempo. Son ilustracións con moita personalidade e na miña opinión acompañan perfectamente o fío da historia.
Esta lectura destaca a necesidade de encaixar e do valor da amizade. A sociedade tende a desprezar o que non considera normal, aínda que cada un ten un concepto totalmente distinto do que isto quere dicir. Unha persoa coas características como o xigante xera incerteza e posiblemente medo, pero isto sucede porque somos moi superficiais e quedamos co que vemos a primeira vista, sen profundar e sen darlle unha oportunidade a coñecer o interior das persoas. Este feito considero que é moi necesario traballalo co alumnado de Educación Primaria, que vexan máis alá do que se ve cos ollos e sobre todo que non xulguen a ninguén polo seu aspecto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario