martes, 23 de novembro de 2021

A memoria das árbores



  • Ficha bibliográfica 
NEIRA, X. A.; DASILVA, K. & DEL ADALID, M. (2000). A memoria das árbores. Kalandraka. Colección: Sondeconto 
  • Descrición do formato da obra 

A memoria das árbores é un álbum ilustrado, que pola sinxeleza do seu texto e as características do formato que se presentan posteriormente, estaría adicado ao grupo de primeiros lectores de Educación Primaria. Xunto co libro, inclúese un CD que contén unha banda sonora producida por Marcial del Adalid, que permite que os cativos e cativas experimenten unha lectura máxica e inmersiva da historia que nos relata Xose Antonio Neira Cruz, acompañada das magníficas e peculiares ilustracións de Kiko Dasilva.


  1. Dimensión física 

  • Formato do libro: Este é un libro de tapa dura, formato cadrado e un grosor das follas alto, características que corresponden co álbum ilustrado. Este formato ademais é moi boa opción para os primeiros lectores, posto que permiten ser manipulados sen risco a estragarse facilmente. Esta obra conta cun segredo ao final do mesma. No interior da contracuberta inclúese un CD con música da Orquesta Sinfónica de Galicia. 
  • Cuberta: Na cuberta podemos atopar: o título da obra, autoría, o nome do ilustrador, o encargado da música, a editorial e a entidade que colabora na elaboración deste libro. O título emprega unha tipografía variada e desordenada en tamaño grande e de cor branca para que destaque en relación ás cores do fondo. As marxes superior e inferior son de cor verde lisa e, ocupando a maior parte da mesma, atópase unha imaxe con fondo negro e os dous protagonistas da obra en primeiro plano. 
  • Contracuberta: Non forma unha unidade de sentido coa cuberta, senón que presenta un fondo verde liso co título repetido varias veces nunha tonalidade diferente de verde, de maneira desordenada. No centro volve aparecer o título da obra en cor branca. Na parte superior esquerda recóllese o nome da colección á que pertence, así como o código de barras e o ISBN na parte inferior esquerda . 
  • No seu interior, as gardas manteñen a estética do resto do libro, empregando cores e texturas que recordan a madeira e a natureza. O seguinte que se pode observar é unha páxina de créditos co nome da colección, Copyright, editores, impresión, depósito legal, o ISBN e; ademais, fai referencia a un programa ao que pertence esta obra dirixido ao estudantado de Educación Infantil e Educación Primaria. 

 A continuación, a portada recolle de novo a información que aparece na cuberta. Esta páxina ten unha ilustración que nos aporta información relevante sobre o contido do conto. Concretamente, sobre un fondo de madeira, na parte inferior dereita, vemos unha imaxe dos dous protagonistas da obra. 

Non conta con índice, sumario nin prólogo. Directamente procede co inicio da historia. A razón pode ser a idade á que vai dirixida esta obra e a extensión do relato. O número de páxinas é de 32 caras sen numerar, adicadas ao relato da historia. Estas páxinas conteñen tanto texto como ilustracións que comparten espazo de maneira harmónica.  

  • Lomo: Presenta o nome da obra. 
  • Tipografía e texto: A tipografía que se emprega é sinxela e en tamaño grande, variando o mesmo segundo o espazo do que este dispoña ou a énfase que lle queira dar o autor a cada un dos acontecementos que se relatan. Empregouse unha tipografía en cor branca, que destacan sobre o fondo, na súa maioría, de cor escura. As onomatopeas recóllense en maior tamaño que o resto do texto e aumenta ou diminúe segundo a énfase. 
  • Resumo do argumento 

Dende a voz dun narrador en 3ª persoa relátase a historia dun neno que, ao nacer, os seus pais deciden plantar unha semente de baobab, unha árbore orixinaria da África. A medida que crece Tano, o protagonista da historia, a árbore vai medrando con el. 

O día do seu quinto aniversario a Tano fanlle unha festa. El non remata de sentirse contento, pois ninguén está a celebrar que tamén ese día baobab cumpre anos. Para remedialo garda un oco do seu día para felicitar a Baobab e levarlle un anaco do seu pastel de aniversario. 

Cando chega a noite o protagonista esperta cuns sons estraños na súa fiestra. Ao achegarse a ela descobre que o responsable é o seu irmán baobab, que tamén desexa celebrar con el o seu aniversario. Tano pasa a noite de troula con el e o seu grupo de amigos do bosque. Cando xa está saíndo o sol, e tras moita festa, regresa ao súa cama cunha promesa de volver a atoparse no seu vindeiro aniversario. 

Xunto co relato en terceira persoa a historia incorpora diálogos entre as persoaxes que van aparecendo ao longo da trama. 

  • Descrición da ilustración 

É un tipo de ilustración fusca, que intenta crear unha atmosfera nocturna, en contraposición con algúns toques máis brillantes; por exemplo no berce e pixama de Tano. 

A ilustración foi elaborada a partir de fotografías a pequenos escearios físicos creados a partir do uso de óleo, arxila e anacos diferentes de madeira. 

Todo isto fai que a ilustración estea en sintonía coa trama da historia e as ideas que se queren transmitir coa mesma. 

Son ilustracións a dobre páxina que van relatando a través de imaxes o transcurso da historia. O texto ocupa a minoría do espazo e atópase situado nun lateral da ilustración sen chegar a entorpecelaTamén se pode observar recursos para chamar atención do lector creando focos de luminosidade, cambiando as imaxes planas por otras con texturas, ou gardando a posición central da ilustración para aqueles aspectos que se queren destacar. 

  • Explicación das potencialidades da lectura desa obra para nenas/os de 6 a 12 anos 

Con esta obra podemos traballar diferentes temáticas e contidos na aula. 

Por un lado está presente a tradición galega. O feito de plantar unha árbore, era común en tempos pasados nalgunhas zonas do territorio galego cando un neno chegaba ao mundo. Isto permite acercar ao alumnado as tradicións e cultura propia da nosa terra, esencial para que poidan apreciala e poñela en valor. 

A conexión que ten Tano coa árbore reflicte a conexión que teñen os máis cativos co medio natural; esa capacidade de dar vida, voz e sentimentos a seres inanimados e que lles outorga unha capacidade empática co medio que, co tempo, se vai perdendo. Esta aprendizaxe é fundamental que se instaure na mente dos máis cativos para que desenvolvan unha mentalidade de coidado e respeto polo medio ambiente, vital para a supervivencia do noso planeta nos tempos que estamos a vivir. 

A aparición dos amigos de Baobab e a propia árbore, facilitan a presentación ao alumnado e achegamento da fauna do medio natural galego. O feito de que Baobab sexa unha árbore éxotica abre tamén portas ao diálogo sobre a diversidade no seu sentido máis amplo e; atendendo a outros temas, por exemplo, a coñecer o propio da nosa paisaxe e o perigo das especies invasoras. 

Por último, como os dous naceron case ao mesmo tempo, ábrense portas para que o alumnado comprenda que o desenvolvemento e ciclo de vida do resto de seres vivos e da terra non é o mesmo que o dos humanos, que unha árbore garda moitas vivenzas de xeración pasadas, presentes e posiblemente futuras. 

  • Recursos en liña de acceso aberto sobre a obra 

Tras facer unha procura pola rede, non atopei ningún tipo de recurso audiovisual. En cambio, si se recolle en Google algunha blogue na que se menciona a obra. 

Estes son algúns dos exemplos que puiden atopar: 

-    Foro no que se recolle unha sesión feita pola nai dunha das alumnas dese centro. Empregou este libro como fío condutor da súa exposición sobre a importancia das árbores. Recurso: 

-     A Escola Municipal de Música de Oleiros levou a cabo un concerto pedagóxico en base a esta obra, xuntando: a danza, a narrativa e a música. Recurso: http://www.oleiros.org/web/concello-oleiros/c-ensino-e-xuventude/ensino/concertos-e scola-municipal;jsessionid=84E7A6BCDEF213E30928EF168AD1F7E6 

-     Blogue de Kiko Dasilva, ilustrador desta obra. Nesta entrada explica o proceso artístico que levou a cabo para realizar as súas ilustraciónsRecolle como xoga coas texturas para transmitir a sensación de realidade. Recurso: https://kikodasilva.blogspot.com/2006/12/la-memoria-de-los-rboles-2.html 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...