AGUILAR, Luisa & NEVES, André (2008). Orellas de Bolboreta.
Trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka.
Orellas de Bolboreta é un álbum ilustrado de Luisa
Aguilar e André Neves, impreso en papel, con tapa dura e composto de 28
páxinas. Na cuberta aparece representada a protagonista da obra en grande e no
medio, debaixo desta e ao lado esquerdo o nome da editorial, o título da obra
centrado cara a cima da cuberta e en grande e, sobre este e ó lado dereito, os
nomes da autora e o ilustrador. O resto da cuberta son debuxos aleatorios que
acompañan a imaxe da protagonista. Na contracuberta atopamos un deseño composto
por un banco de madeira baleiro e o corpo da protagonista, dende o pescozo ata
os pés, voando cara á dereita e seguida de nove pequenas bolboretas.
A
portada do libro son dúas imaxes totalmente distintas ao longo de dúas páxinas.
Na primeira imaxe, situada ao longo da marxe superior das páxinas,
represéntanse cinco casas, unha árbore e o mesmo banco de madeira que aparecía
na contraportada. Na segunda imaxe, situada ao longo da parte inferior destas
dúas páxinas, tan só se representan cinco bolboretas practicamente de cor
branca sobre un fondo de cores moi claras.
Esta
historia está contada dende a perspectiva dun narrador en 1ª persoa. A
protagonista deste conto, Mara, está a pasar un mal momento provocado polas
ofensas e insultos que recibe a diario, por parte duns nenos/as, debido aos seus
trazos físicos tan aloxados e distanciados do agardado na sociedade
(vestimenta, atributos,...). Así, Mara busca axuda na súa nai, quen lle fai ver
que todos eses carácteres que eses nenos/as critican, son en realidade,
aspectos positivos.
Con
respecto ás ilustracións, cabe destacar que estas ofrecen unha lectura visual e
complementaria ao texto, xa que presentan a información necesaria para
comprender o texto. A protagonista e, os demais personaxes, caracterízanse por
ter rostros anchos, bocas expresivas e narices poliédricas que destacan por
encima dos demais elementos figurativos, fortalecendo deste modo a inmersión
emocional plena. Por outra parte, o ambiente que os rodea caracterízase por ter
unha gran riqueza visual, xerando un universo cheo de cor que reforza e abriga
a mensaxe alegre e optimista da historia, levando pois, á protagonista por
escenarios imaxinarios que se mesturan coas súas ocorrencias.
Este
álbum ilustrado, ademais de destacar pola súa facilidade de lectura, trata un
tema moi importante dun modo sinxelo e de fácil comprensión, o acoso escolar.
A
partir desta lectura, cabería a posibilidade de potenciala na aula mediante
diversas actividades co fin de sacar ideas e conclusións acerca da diversidade.
Así pois, na aula poderíanse levar a cabo actividades como: dinámicas de grupo
nas que os discentes se teñan que por na pel de Mara, a protagonista da
historia, co fin de que realicen eles/as mesmos/as unha reflexión propia e a
teñan en conta ao longo das súas vidas e tamén traballar con películas ou
outros libros nos que se aborde o tema principal deste libro para así, ter
diferentes exemplos e opinións que axuden a unha mellor comprensión por parte
do alumnado.
Con todo, para unha mellor comprensión da historia, existen diversos recursos en liña adaptados para as aulas de Educación Primaria. Así, no que respecta ó conto Orellas de Bolboreta, atopamos recursos como blogs educativos e algún audio-libro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario