FERNÁNDEZ, Agustín & PRADO, Miguelanxo (2001): No corazón do bosque. Vigo, España: Xerais
FORMATO DA OBRA
Libro de relato narrativo convencional, impreso en papel, con tapas brandas e composto por 144 páxinas, formando estas 13 capítulos máis un epílogo.
Na cuberta aparece o título do libro en letra máis grande xunto co nome do autor encima do mesmo e do ilustrador pola parte de abaixo; tamén aparece o nome da editorial hacia o lado esquerdo. Na metade inferior aparece representada unha ilustración dun home diminuto no medio dun bosque, que fai referencia a Derdrín, o trasno protagonista do relato. Na contracuberta atopamos outra ilustración, na parte superior, do trasno xunto cun esquío pero, esta vez, máis pequena; no medio aparece un resumo moi breve da historia e na parte inferior a editorial e o ISBN do libro.
Tanto a cuberta como a contracuberta do libro son independentes e ambas as ilustracións que aparecen nelas están relacionadas coa historia do libro.
Na portada do libro atopamos o título do mesmo xunto co nome do autor, do ilustrador e o nome da editorial. Desta vez a ilustración que aparece representada na parte inferior fai referencia a elementos característicos que podemos atopar nos bosques.
Contén lapelas, tanto na parte de diante coma na parte de atrás onde aparecen escritos outros títulos da colección. Na páxina do título de créditos podemos atopar toda a información que fai referencia á editorial como, por exemplo, a primeira edición do libro ou as posteriores, tamén aparece o ISBN e o nome do autor e o ilustrador.
En canto á disposición do texto, como ben dixemos, está formado por 13 capítulos e un epílogo; cara ao final, despois do epílogo, aparece o índice e unhas páxinas dedicadas a unha pequena biografía sobre o autor e o ilustrador do libro.
ARGUMENTO
Raquel, unha nena de dez anos, foi de excursión aos bosques do río Eume cos seus compañeiros de clase. Alí, os docentes explicáronlles os diferentes riscos que podían ocorrer e realizaron diferentes e divertidas actividades coma, por exemplo, visitar un mosteiro abandonado ou recoller castañas por todo o bosque.
Cando Raquel chegou á noitiña á casa a súa nai estaba facendo a cea e o pai dándolle o puré ao seu irmán Lois. Mentres ceaban, a nena contoulles todas as aventuras que ocorreron durante o día e despois, dispúxose a durmir tras un día esgotador. Pero... de súpeto escoitou uns ruídos que parecían estar moi próximos, así foi, que proviñan da súa mochila. Cando a abriu, descubriu que dentro había un home moi diminuto. Era un trasno que se chamaba Derdrín, metérase na mochila de Raquel cando ela e a súa amiga Andrea estaban collendo castañas polo bosque, coa finalidade de pasar o inverno cos homes, xa que todos os demais trasnos desapareceran.
Raquel, sen dicirlle nada aos seus pais, deulle de comer e agochouno entre os monecos que tiña na súa habitación.
Derdrín é un trasno case invisible para os maiores, pero non para os máis pequenos ou os animais; ten trescentos anos, é moi valente e decidiu buscar axuda entre os humanos para salvarse.
Raquel e Derdrín fanse moi amigos, tanto, que Raquel antes de deitarse na cama polas noites contaralle as súas aventuras ao seu novo amigo o trasno.
ILUSTRACIÓNS
Neste libro amósanse ilustracións realizadas por Miguelanxo Prado.
Aínda que non conta con moitas ilustracións, o autor intenta representar con elas as partes máis importantes da historia; practicamente todas as elas están coloreadas con cores cálidas.
POTENCIALIDADES
Atopámonos ante unha obra que contén elementos de fantasía facilmente recoñecibles polos nenos e con personaxes que contan experiencias cercanas ás dos nenos.
Grazas a este libro, os nenos aprenderán, principalmente, que con axuda das persoas máis importantes para eles todos os problemas se poden superar, tamén, a valorar as amizades e o compromiso, o respecto polos demais, a admiración e o respecto pola natureza e a valorar a importancia do núcleo familiar e a convivencia.
RECURSOS EN LIÑA
Como recurso en liña do libro, a continuación, deixo o enlace dun vídeo de youtube no que unha nena le un pequeno fragmento do mesmo.
https://www.youtube.com/watch?v=7sNMfYamKBc
Ningún comentario:
Publicar un comentario