Atopámonos ante un libro convencional, encadernado
en tapa branda. A cuberta está ilustrada cunha acuarela moi suxestiva que
mostra unha pedra redonda nun claro do bosque. Respecto á contracuberta, só
presenta un resumo do argumento, sen ilustración.
Ao abrir o libro atopamos a páxina de
título de créditos e a continuación unha portada onde lemos o título. Repítese,
aquí, a ilustración da cuberta pero distorsionada. Na seguinte páxina pódese
ler unha dedicatoria do autor, cunha pequena ilustración. Pasando a páxina xa
podemos ler o inicio da obra.
Trátase dun relato contado por un narrador
omnisciente en terceira persoa e polos diálogos das protagonistas. A historia contada é unha aventura que deben resolver
dúas formigas. O autor emprega o humor, a retranca e a maxia para contar unha
historia sinxela e divertida.
A
trama comeza con dúas formigas
pasean polo bosque cando deciden facer un descansiño apoiadas nunha gran pedra.
Non obstante, vense interrompidas cando da pedra sae unha misteriosa canción.
Nela unha princesa pide axuda para escapar da maldición que a pechara alí. As
formigas deciden lanzar a pedra dende unha alta ponte, pensando que se rompen a
pedra, a princesa poderá escapar. A pedra rompe en sete anacos, pero a voz segue
pedindo axuda. Unha enigmática xirafa sopra raiolas de sol sobre cada anaco e
libera deles a sete princesiñas.
O ritmo da historia é moi rápido, axudado
pola presenza de múltiples de diálogos. Ao mesmo tempo, a canción da princesa
resume unha longa historia en pequenos parágrafos, axudando a ofrecer moita
información ao lector ou lectora nun espazo reducido.
É certo que o obxectivo da historia non é
educar en valores ou rematar cunha “ensinanza”. Non obstante, o autor evita a
confirmación de roles sexistas por parte dos protagonistas. De feito, os
animais que aparecen no texto non presentan un sexo diferenciado, nin nomes. Só
a princesa se describe como unha nena. Esta peculiaridade pode axudar a que
tanto nenos como nenas poidan sentirse identificados con calquera das
personaxes.
Respecto á linguaxe empregada na obra atopamos dous grandes campos semánticos. Atopamos moitas palabras pertencentes ao campo semántico da natureza. Menciónanse multitude de animais e o seu hábitat (formiga, formigueiro, xirafa, serpes...) e o campo do mundo vexetal (sol, follaxe, carriza, herba, campo, bosque...). Tamén atopamos, no relato que rodea á princesa, o campo semántico do mundo fantasioso: meigas, demos, maxia, lobishomes, feitizo...
O libro está ilustrado con debuxos moi
abundantes, pero non chega a ser un álbum ilustrado, xa que estas ilustracións
acompañan ao texto que é o predominante na historia. Os debuxos subliñan a
información que o narrador e os diálogos ofrecen ao lector ou lectora. As
ilustracións son sinxelas e limpas.
A pesar de non ser un álbum ilustrado, algunhas
dobres páxinas presentan só ilustración, omitindo o texto. Cómpre destacar que,
ao longo da obra, a ilustración e o texto non se interrompen, nin se superpoñen,
cada elemento respecta o espazo do outro.
Respecto á técnica, atopamos ilustracións
en acuarela onde se nos amosan ás formigas representadas de xeito antropomorfo.
As ilustracións son figurativas. O estilo lembra ao cómic europeo, empregando
liña de contorno orgánica, en tons suaves e cores planas. A paleta de cor consta de tons pasteis,
coloridos e suaves. O fondo das ilustracións xoga, na meirande parte, un papel
secundario, e os personaxes presentan a maior importancia. As ilustracións salpícanse
con ese humor que caracteriza o relato.
Nas ilustracións grandes a dobre páxina,
sen texto, non se precisa apoio textual porque o debuxo describe perfectamente
que é o que está a acontecer na historia.
Na obra aparecen representadas dúas escenas do pasado que ilustran a historia que conta a princesa. Estas, para sinalar o medo que pasou a nena e diferencialas da historia actual, son imaxes en branco e negro.
Esta obra é moi atractiva en canto a
contido e estética. A historia contada engancha ao lector ou lectora debido a
que en cada páxina o autor sorprende cun novo xiro de guión. Os elementos
máxicos do relato sorprenderán o alumnado.
Unha das peculiaridades desta historia é
que estimula a imaxinación e a lectura entre liñas, non só a literalidade. Moitas
das conversas entre personaxes deben ser entendidas dende o humor, xa que xogan
coa retranca. Non se busca unha explicación aos elementos máxicos da mesma,
senón que se entenden como naturais no universo das protagonistas.
A presenza de moitos diálogos poderá
servir para unha posible reescritura da historia en formato de obra teatral,
para poder representarse na aula. A canción que se repite ao longo da obra
podería ser cantada e acompañada de instrumentos durante a representación.
Outra posibilidade, dentro da vantaxe que supón a presenza de diálogos, é a
posible reinterpretación dalgún fragmento da obra en formato banda deseñada. Isto
é debido a que, xeralmente, é máis sinxelo representar diálogos onde a historia
flúe rápido, en viñetas, que representar unha historia narrada.
Debido a que non presenta moita cantidade
de texto, a pesar de non ser un álbum ilustrado, pódese ler en forma de
contacontos ao alumnado. A presenza de moitos diálogos e a canción da princesa
préstanse a ler con diferentes entoacións. Unha posible actividade derivada
desta lectura, podería ser evitar amosar as ilustracións ao alumnado e suxerir
que eles ou elas realicen un debuxo do escoitado. Así, sen influenciarse polo
estilo tan característico de Jacobo Fernández, poderemos ver como reflicten os
elementos da historia. Finalmente, unha vez rematados os seus debuxos, podemos
amosarlles as ilustracións do autor. Sería interesante comentar na clase a
elección das cores do autor. (Por exemplo: o autor escolle a cor rosa para
representar as formigas, alguén máis empregou o rosa? Alguén máis lles puxo
roupa ás formigas, ou van espidas?).
Outra interesante actividade podería ser a
vinculación deste conto coa materia de música, poñendo ritmo e partitura
musical á canción da princesa.
Como xa comentamos os dous grandes campos
temáticos, podería ser interesante traballar co alumnado outras obras
relacionadas cos animais, noutros formatos, como Zoonetos de Antón Cortizas ou traballar a maxia, o realismo máxico,
como na obra O outro lado do sombreiro de
Carles Cano.
Para rematar, unha actividade que motivará o alumnado e romperá coa monotonía das clases será invitar ao autor á escola a responder ás preguntas dos lectores e lectoras e comentar o seu proceso creativo. No seguinte apartado deixo o link a varios vídeos onde se mostra como o autor participa habitualmente neste tipo de obradoiros nas escolas dun xeito moi lúdico, debuxando en directo e integrando o alumnado na conversa.
Recursos en liña
Fragmento dunha charla explicando o seu proceso creativo
para nenos de nenas no Ceip Pumar
Urdilde. Tamén responde ás preguntas do
alumnado. Neste caso o
autor estase a referir a outra obra, pero o proceso e a súa traxectoria seguen
a ser aplicables a este conto: https://www.youtube.com/watch?v=1vi9LT9JMAs
Entrevista para a radio TV do alumnado do CPI de Bembibre. Aquí o autor
responde ás preguntas do alumnado: https://www.youtube.com/watch?v=4fzKCLG1KGo
Atopei a un alumno recomendando e resumindo o argumento desta obra. En clase poderiamos inspirarnos nesta idea e facer unha canle de Youtube recomendando lecturas para os noso compañeiros e compañeiras: https://www.youtube.com/watch?v=fjbqYs057M0
Ningún comentario:
Publicar un comentario