DE EVAN, Alba & DOMÍNGUEZ, Javier (2017). Naturizo. Unha casa para o inverno. Ourense: Linteo
Escollín o libro de Unha casa para o inverno, que pertence á colección de Naturizo. A razón foi que uns días antes á realización desta recensión entrevistamos aos autores para un traballo desta mesma materia. Así pois, realicei a lectura deste libro antes de dita entrevista e pareceume moi interesante.
Obra de 34 páxinas que ten unha cuberta de tapa dura e un formato convencional, así mesmo ofrece unha lectura tradicional. Presenta múltiples ilustracións que describen o texto e non se divide por capítulos. No referente a extensión é un libro curto de estrutura sinxela: primeiro introduce aos personaxes, despois o problema ao que se enfrontan e por ultimo a solución.
Este relato de Xavier Domínguez e Alba de Evan conta de forma lineal e en primeira persoa un episodio da vida de Naturizo. O libro forma parte da serie protagonizada por Naturizo e nesta entrega céntrase na chegada do outono. O outono está a piques de rematar e o protagonista que vive na serra de San Mamede, necesita unha casa para soportar o frío invernal. Máis non é capaz de encontrar nada adecuado, ata que finalmente atopa un lugar onde hibernar. Neste camiño axúdao Amelia, a súa mellor amiga.
Este relato presenta ilustracións que están feitas a partir de fotografías, realizadas polos propios autores, ademais a estas engádeselle un debuxo de Naturizo así como dos personaxes ou obxectos que sexan precisos. Como aspecto a destacar, as fotografías son moi representativas, cada foto ocupa dúas páxinas enteiras e representa moi ben o que o anaco de texto situado nestas mesas páxinas está a contar. Por último, cabe engadir que as fotografías teñen un filtro de ordenador para que sexan máis visuais e atractivas para os nenos, pois semellan estar debuxadas e con cores moi vivas.
Esta obra está indicada para un público de entre 6 e 8 anos e ten múltiples potencialidades, entre elas a visibilización dos espazos naturais galegos ou a aprendizaxe de termos como poden ser “hibernar” e o que implican. Permite explicar conceptos tales como a hibernación ou o cambio de estación, aproveitando o último para explicar os cambios de tempo e temperatura ao longo do ano. Tamén amosa un forte vínculo de amizade entre Naturizo e Amelia, o que é moi útil para pór en valor a importancia das relacións sociais. É unha obra moi sinxela e permítelles poden aprender con facilidade ao mesmo tempo que mantén a súa atención porque é entretida. Ademais, as súas ilustración son moi visuais e atraen ao lector. Por outra banda, ao final o libro contén un caderno de actividades, onde os nenos poden colorear aos personaxes ou recortalos, tamén inclúe unha guía de manualidades e diversas actividades que permiten traballar aspectos comprensivos da lectura así como saber que o libro se leu con atención e que os conceptos acerca do que é o outono estean claros.
Por último, cabe destacar que Naturizo, o protagonista da historia, ten unha páxina web en internet onde podemos ver todos os seus libros. Nela tamén están todos os debuxos dos personaxes destas historias así como outros debuxos para descargar e colorear e unha propia canción.
Ningún comentario:
Publicar un comentario