Alonso, Tareixa & Suárez, Alicia (2001). O galo Quirico. Pontevedra: kalandraka, col. Os contos do Trasno, [40 pp.]. (978-84-8464-084-4).
O libro escollido é un álbum ilustrado que ten por título o nome de O galo Quirico. Este consta dunha cuberta (de tapa dura) na que, como primeiro termo a destacar, aparece o título escrito na parte superior; letra grande e redonda, podendo apreciarse o resaltado da negriña. En canto á marxe inferior, concretamente no lado dereito, aparecen reflectidos os nomes da autora (Tareixa Alonso) e a ilustradora (Alicia Suárez) e, xunto a estes, ao seu carón esquerdo, o nome da editorial, que neste caso se trata de Kalandraka. En canto á ilustración aquí plasmada, podemos destacar como debuxo principal o do protagonista da obra, o galo Quirico. A súa posición no centro da páxina e as súas cores rechamantes (especialmente a destacar o verde das plumas, o amarelo do pico e o vermello da crista) fan un reclamo da nosa atención conseguindo así que fixemos a nosa vista nel nun primeiro instante. Por debaixo del hai unha pota dada a volta sobre a que está pousado (elemento moi a destacar xa que é onde remata metido ao final da historia) e arredor, elementos que constitúen a sinopse da obra.
En correlación coa cuberta estaría a contracuberta. Neste caso, é unha clara representación do comezo e final deste conto, xa que aparece bordando fume dende a mochila do galo ata a reiterada tarteira. En contraste coa cuberta, podemos destacar a diferenza de tonalidades, tratándose de tons vivos na primeira e cores apagadas e escuras na última; podemos así entender que compara a vida coa morte do animal.
Nas gardas deste libro destaca a cor negra. Na primeira páxina, acompañada dunha lúa de ton frío; na segunda, a contraposición co colorido galo Quirico.
A anteportada contén unha fotografía e os datos bibliográficos do libro e na portada volvemos atopar os nomes da autora e ilustradora, o título do libro cunha imaxe do galo e o nome da editorial.
Este libro está cualificado dentro dos álbums ilustrados xa que as ilustracións ocupan a totalidade das páxinas, estando a letra subordinada ás mesmas. Esta última, de estilo redondo; crea un ambiente artístico, imaxinativo e de confianza. Está narrado en terceira persoa cun narrador omnisciente, mesturado con escenas de estilo directo nas que aparecen representados diálogos dos propios personaxes do relato. Con respecto a estes últimos, temos personaxes principais (galo e verme), personaxes secundarios (leituga, cabuxa, pau, lume, chuvia e cociñeira) e un personaxe terciario (tío Perico).
Adentrándonos na peripecia deste albúm ilustrado, descubrimos a singular historia do galo Quirico que, tras iniciar a marcha cara á voda do seu tío Perico á que acababa de ser invitado, atopa un verme polo camiño. Este pídelle que o leve, e, tras negarse nun primeiro momento, acaba accedendo para levalo no papo. Tan mala sorte tiña o galo que non se decatou de que o verme estaba situado por riba dunha bosta, polo que emporcou o pico. Este infortunio levouno a pedir axuda a todo aquel co que se atopaba polo camiño e todos tiñan unha cousa en común: todos lle preguntaban polo verme. A tal pregunta, el sempre respondía que non o vira e como o becho sempre contestaba dende o interior do seu papo, todos se enfadaban con el por mentireiro e lle daban unha boa tunda. Xa para cando deu chegado á voda do tío (todo desfeito), a cociñeira atopouno e pensou que era a comida, polo que o meteu na pota mentres o verme marchaba tranquilamente.
As ilustracións xa mencionadas son as que máis destacan nesta obra, sendo acompañadas do texto, que nos relata o que ocorre en cada unha delas. Son imaxes que xogan co mundo fantástico e que resaltan polas súas cores e formas variadas e chamativas. Xoga coas secuencias e cos pequenos detalles e consegue fixar o punto de atención en todas elas, grazas aos elementos rompedores que as acompañan.
Relativo ás potencialidades que se poderían extraer deste libro para unha aula de educación primaria poderíamos pensar na abordaxe da mentira e tratar as consecuencias que esta ten. É un libro con cores moi chamativas que poderían dar xogo para a memorización; por exemplo, fixarse ben durante a lectura na cor do galo para despois pintala eles e elas mesmas nun folio impreso en branco, unicamente coa súa forma. Tamén daría renda solta a súa imaxinación propondo unha actividade na que lle tiveran que cambiar o final, partindo de que o galo lle responde á leituga que leva ao verme dentro.
En definitiva, diversas son as actividades que se poden extraer deste libro para abarcar diversos puntos.
Os recursos activos atopados na web serían vídeos de youtube nos que unha persoa, a través de imaxes que vai poñendo das páxinas correspondentes, vai relatando a histora. Como exemplo disto:
"O GALO QUIRICO" - (CONTO EN GALEGO)
Ningún comentario:
Publicar un comentario