Nogueira, P. (2020). Nube Branca e o
pingüín Valentín. Baía Edicións.
A obra escollida ten por nome Nube Branca e o pingüín Valentín e trátase dun álbum ilustrado. É un dos tres álbums que conforman esta pequena serie, da que unha delas, Nube Branca quere ser astronauta, quedou finalista da XVI edición dos premios literarios Frei Martín Sarmiento. Esta obra ten tapa dura e consta dun total de 21 páxinas. Na súa cuberta podemos apreciar na marxe superior o título en dúas cores, por unha parte aparece Nube Branca en vermello e e o pingüín Valentín en verde. Tamén aparecen enriba do título os nomes do autor e do ilustrador. Na marxe inferior, no centro, aparece o nome da editorial. Destaca a ilustración que ocupa toda a cuberta na que están representados os protagonistas da historia. A contracuberta é dunha soa cor e nela podemos ler un resumo do contido do libro.
Na portada vemos outra vez o título da obra, o nome do
autor, o nome do ilustrador e a editorial, así como unha imaxe pequena e
circular onde están representados Nube Branca e Valentín.
No tocante ao argumento, a historia que se conta ten
por protagonista a unha nena india que atopa a un pingüín que non pode voar,
entón ela decide prestarlle a súa axuda para que poida conseguilo. Ao longo das
páxinas podemos ler como van aparecendo distintas personaxes (sempre son
animais) que tamén intentan axudalo a lograr o seu propósito.
As ilustracións deste álbum ocupan a totalidade das
páxinas. Nelas aparecen os personaxes principais e están representados os
acontecementos que se están narrando. A letra aparece na marxe superior das
páxinas. Maioritariamente é de cor negra, pero cando o autor quere resaltar
algún son esta aparece con diferentes cores, tamaños e formas. Na marxe
inferior das páxinas, en ocasións, aparecen oracións para facer ao lector
partícipe da historia con preguntas que incitan a recordar datos anteriormente
mencionados ou propostas para, por exemplo, imitar sons.
Penso que esta obra podería ser apta para traballar
con nenos e nenas que estean no primeiro curso de Educación Primaria por varios
motivos. O primeiro deles é que me parece interesante polo feito de que na
historia se ven reflectidos valores como a empatía, a solidariedade e o
traballo en equipo, xa que todos os personaxes que aparecen na obra están
dispostos a axudar ao pingüín a lograr o seu soño que é voar. Cada un aporta
algo, o que sabe, o que pode, o que cre que vai funcionar. E entre todos ao
final son capaces de logralo.
Por outro lado, tamén me gustou polo feito de que se
menciona a reciclaxe. Na historia, a foca Fafaroca pídelles aos demais que
recollan distintos materiais que van atopando e con eles construirán finalmente
un globo aereostático. Paréceme unha parte da narración que pode servir para
ensinarlle ao alumnado que existen materiais que se poden reutilizar para
elaborar outros instrumentos e que se lles damos un uso distinto do que tiñan
inicialmente estamos axudando ao planeta. Ademais, considero que é unha lectura
que tanto pode ser introducida nun momento no que a reciclaxe sexa un asunto
que se estea tratando na aula especificamente, ou en calquera outra
circunstancia porque penso que esta temática debe estar presente sempre na aula
para conseguir como docentes transmitirlle aos nenos e ás nenas a importancia e
repercusión que ten nas nosas vidas o acto de protexer a natureza.
Por último, o feito de que a propia historia aporte
chamadas de atención ao lector en forma de preguntas ou invitando á imitación
de sons ou xestos, considero que podería ser interesante para fomentar que
nunha situación na que o/a docente estea léndollo ao seu alumnado, este último
participe dunha maneira máis activa e lle resulte máis atractiva e divertida a
lectura.
Un recurso que está en liña para traballar con este
álbum e que se pode atopar na canle de YouTube da editorial Baía é un vídeo no
que se conta a historia a través dun teatro. Podemos apreciar como está feito
con materiais de fácil acceso. O escenario e o fondo, elaborados con cartón,
decorados cunha tea vermella e bordeados co que semella unha corda. Para a
elaboración dos personaxes emprégase papel.
Enlace ao recurso: https://www.youtube.com/watch?v=bzYe8UiJE7U&t=65s
Referencias:
- BaiaEdicions. (2 de julio de 2020). Nube Branca e o pingüín
Valentín. [Archivo de vídeo]. Youtube. https://www.youtube.com/watch?v=bzYe8UiJE7U&t=65s
Ningún comentario:
Publicar un comentario