Aquel neno e aquel vello
Hernández, Avelino (texto). 2001. Aquel neno e aquel vello, ilust. Federico Delicado, trad. Xoán Couto. Pontevedra: Kalandraka
Álbum ilustrado de Avelino
Hernández e Federico Delicado, traducido por Xoán Couto, impreso en papel, con tapas duras e un total de
36 páxinas. Na parte inferior da cuberta pódense ver dúas figuras humanas e,
debaixo delas, o nome do autor, o do ilustrador e o da editorial. O título
aparece centrado, destacando en letra grosa as palabras “neno” e “vello”, é
dicir, ós protagonistas da historia. A carón del pódese ler “Demademora”, o
nome da colección na que se encadra a obra. Na contracuberta aparece de novo o
nome da colección, xunto co logotipo da editorial e diferentes obxectos: un
peixe, unha especie de cometa e un fío.
Na portada aparecen o rapaz e o ancián que protagonizan a historia. Mentres o home está a pescar, o rapaz semella que está a brincar ao seu carón. Esta escena continúa logo na contraportada, creando un fío condutor con motivos como a propia sedela, presente en ámbalas cubertas.
A obra xira arredor dunha historia narrada en 3ª persoa protagonizada por un home ancián que se xubila e un rapaz que queda en compañía da súa avoa cando os seus pais famosos se ven obrigados a marchar por motivos de traballo. Cada tarde, o rapaz observa o home, quen día tras días acode ó río a pescar. Un día o rapaz, vendo que non pescaba nada, decidiu botar os restos da comida ó rio para atraer os peixes. Esa tarde, o ancián foi quen de pescar. O home, coñecedor da axuda do cativo, decide vender o peixe e comprarlle un xoguete. Nese preciso instante comeza a súa amizade, de xeito que cada tarde se reúnen á beira do río, poñendo fin así á súa soidade.
Con respecto ás ilustracións, estas ofrecen algunha pista sobre o contido do propio libro. Todos os debuxos, de carácter figurativo, están feitos de feltro e presentan unha especie de fíos que semellan estopas, fibras de fío de liño. Os protagonistas presentan trazos que os permiten diferenciar: o ancián ten bigote e o pelo branco, mentres o rapaz ten o cabelo de cor vermella. O ambiente da escena está acompañado de diversos debuxos- a cana de pescar, unha árbore, un curso de auga, un peixe e un paxaro- que aportan máis información. Respecto ás cores, están presentes varias, se ben predominan tons ocres. Isto pode estar relacionado coa estación do outono, o que tamén pode empregarse de xeito metafórico para referirse a un outono vital, en referencia ó ancián.
Esta lectura resulta interesante tanto dende o punto de vista social como educativo pois nela trátase unha realidade cada vez máis frecuente: a soidade dos anciáns. No pasado, os avós vivían coas familias, de maneira que compartían unha gran cantidade de tempo cos máis cativos. Durante ese tempo había unha transferencia de coñecemento, de vivencias e mesmo de creacións literarias (contos, lendas, anécdotas) que contribuía a perpetrar o legado cultural. Con todo, agora pasan boa parte do seu tempo sós, o que lles causa unha gran tristura. Por iso, os cativos deben coñecer esta realidade pois é un deber social coidar dos nosos maiores, ós que lle debemos o legado herdado. Ademais, a participación de nenos en actividades con xente maior resulta moi beneficioso para ámbalas partes, de maneira que os anciáns desfrutan de compañía mentres os meniños se nutren das súas experiencias vitais. Así mesmo, tamén se produce unha transferencia de coñecemento da que nenos e anciáns sacan proveito.
Respecto aos recursos en liña de acceso aberto sobre a
obra, cabe sinalar que non se atopou ningún en lingua galega. Con todo, cabe sinalar
que é posible traballar o seu contido por medio doutros recursos que traballen
a temática da convivencia entre xeracións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario