domingo, 21 de novembro de 2021

Un becho estraño, de Mon Daporta

 

 

 

A obra literaria escollida para traballar co alumnado de Educación Primaria é o libro infantil, Un becho estraño, de Mon Daporta.

Ficha bibliográfica: Daporta, Mon. (2009). Un becho estraño, ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka Editora, {14pp.}. (ISBN: 978-84-8464-434-7)

1-    Descrición do formato:

Atopámonos ante un álbum ilustrado en lingua galega, que está impreso en cartón e composto por 14 páxinas. No centro da cuberta aparece o título do libro, xusto debaixo atopamos o nome do autor (Mon Daporta) e o do ilustrador (Óscar Villán) e debaixo destes, aparece o nome da editorial (Kalandraka). Na parte de arriba da cuberta aparecen as extremidades inferiores do rato e na parte de abaixo da mesma, observamos a parte superior dun rato, é dicir, a cabeza. Na contra cuberta observamos o rabo do becho, dende a parte de arriba até a metade da mesma. Tamén atopamos o código de barras, o ISBN, o número de edicións que se levan publicado, a dirección de onde se atopa a editorial e o lugar onde foi impreso.

Neste libro cóntasenos a historia de como un ovo se converte en rato. Váisenos dicindo como lle van aparecendo as diferentes partes dun rato, primeiro os pés e o rabo, logo os brazos e os dediños ben estirados, decontado o embigo e os bigotes recortados, despois os ollos xuntos coas pestanas e as cellas e finalmente as orellas. Unha vez está o rato con todas as súas partes, comézanlle a desaparecer ao mesmo ritmo que aparecían, até dar lugar ao ovo de orixe.

Este conto non contén nin gardas nin portada, xa que dende a cuberta e a contra cuberta comeza seguidamente o texto. As ilustracións son totalmente fundamentais nestas idades, xa que reflexan o que se vai dicindo no pouco texto que contén o libro. As cores deste non son moi chamativas, máis ben son todo o contrario predominando os tons apagados, o que fai que aumente moito a intriga e o misterio. O protagonista é o rato, pero non ten ningún tipo de connotacións, nin positivas nin negativas. 

No que se refire ao texto, é unha narración sinxela, doada de comprender, cunha estrutura circular e cun vocabulario axeitado para as/os máis pequenas/os. A letra do conto está en maiúsculas, polo que aínda o fai moito máis lexible para os/as cativos/as. O modo de lectura deste álbum non é convencional, é dicir, non se le da mesma maneira que a maioría dos libros aos que estamos acostumados, debido a que a estrutura non é lineal, senón circular, é dicir, o conto comeza e remata no mesmo sitio. Isto fai que se converta nunha historia infinita, a cal os nenos e as nenas non van querer de deixar escoitar, o que aínda o fai moito máis divertido e entretido. Ademais, empregan o recurso da rima e da repetición (por exemplo, “e ao darlle a volta ao conto...”). Estes recursos son moi empregados na linguaxe oral. Deseguido, facendo referencia ao apartado interactivo, debemos resaltar que este conto, non contén nin filtros, nin lentes, nin obxectos cos cales os/as máis cativos/as se poden entreter.

Finalmente, ao ser un libro principalmente recomendado para os primeiros lectores, é un libro no que o seu formato non ten picos, é dicir, ten os bordes redondeados, isto sempre é unha seguridade para todas as crianzas.

2-    Potencialidades:

Este álbum ilustrado podémolo atopar en múltiples idiomas, castelán, galego, éuscaro, portugués e italiano. As temáticas abordadas neste conto son a adiviñanza, o descubrimento e a curiosidade, xa que estas permiten aos máis cativos/as empregar a imaxinación e a creatividade facendo unha representación mental do que lle vai ocorrendo ao noso “becho” un rato. Ademais, debemos destacar que trata a temática das diferentes partes do corpo: orellas, rabo, bigote, pés, brazos, dedos, embigo, nariz, ollos, pestanas e cellas. 

Para rematar, salientamos que recibiu un premio do plan nacional de lectura (PNL Portugal).

3-    Recursos:

Colexio rural agrupado de Meis. (4 de maio de 2020). Un becho estraño. [Video]. YouTube. https://youtu.be/mbzF69jNlTQ

Chema (29 de abril de 2013). Un becho estraño. [Video]. YouTube. https://youtu.be/MhUIsH0nJhE

A Escola Infantil na casa. (19 de xuño 2020). Un becho estraño. https://www.escolasinfantisdegalicia.es/aescolainfantilnacasa/2020/06/19/un-becho-estrano/

Montero, B. (5 de novemebro de 2015). Un bicho extraño. [Video]. YouTube. https://youtu.be/Qu2VJi84t4A

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...