O primeiro que podemos apreciar ao ter a obra entre as nosas mans é a dureza da súa cuberta, ademais das cores tan vivas das ilustracións que nela se ven. As follas son dunha gramaxe alta e a tipografía das letras é moi redondeada e grande. Xa só por estas características podemos intuír que esta obra está pensada para nenos e nenas de pouca idade. Adentrándonos no libro, vemos que non posúe gardas e tampouco portada, no seu lugar, este libro ilustrado comeza cunha frase introdutoria. A páxina de créditos atópase cara ao final da peza.
Este libro ilustrado ten un estilo directo e está narrado en segunda persoa, xa que se dirixe directamente ao lector, ou, no caso de que alguén lle conte o libro, ao receptor. Na obra aparecen cativos e cativas en diversas situacións (agradables e desagradables) nas que se lles dá un bico e distintos tipos destes. Como conclusión destes bicos, os nenos e nenas deben ser conscientes de que teñen liberdade de elección. O trasfondo desta obra é o abuso sexual na infancia e a finalidade da mesma, por unha parte, é inspirarlles confianza aos cativos para falar sobre a situación, no caso de que viviran algunha similar ás retratadas no libro ilustrado; e por outra, transmitirlles ese poder de decisión sobre si mesmos/as.
No relativo ás ilustracións, vemos que son sinxelas e moi coloridas. Representan a personaxes de diversas características, fomentando así a igualdade e a integridade entre os nenos e nenas. A función destas é de representar graficamente o texto, de xeito que os novos lectores sexan capaces de interpretar o libro sen necesidade de ter un nivel de lectura avanzado. Están esparexidas por todo o libro e adoitan aparecer na páxina da dereita. Esta colocación estratéxica resulta moi eficiente para este tipo de lectores, pois, antes de ler o texto, xa teñen unha idea sobre o que vai tratar.
Con esta obra podemos traballar varias temáticas: o abuso sexual na infancia, a violencia de xénero (xa que esta obra é un proxecto da Xunta de Galicia dende a Consellería de Familia e promoción do emprego, muller e xuventude) e a diversidade cultural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario