Pan con chocolate
Ficha bibliográfica: Carballeira, Paula e Teimoy, Xiana (2021). Pan con chocolate. A merenda de Gianni. Vigo: Edicións Xerais, col. Merlín, [80 pp ]. (ISBN: 978-84-9121-909-5).
Descrición do formato: Este libro de xénero narrativo, impreso en papel, cunha encuadernación de cartón e tapas brandas. Está composto de 80 páxinas. Na cuberta atopamos unha ilustración onde podemos ver que Gianni, o neno protagonista, está deitado no sofá lendo un libro e ten na man un cacho de pan con chocolate. Imaxe que fai referencia ao título principal da obra. Esta ilustración atópase na parte inferior.
Na parte superior da cuberta atopamos o nome da colección do libro (Merlín), debaixo o nome da autora e debaixo deste o titulo da obra. Xusto debaixo do título aparece o nome da ilustradora. E a continuación, abaixo de todo, a ilustración que mencionaba ao principio. Na contracuberta podemos ler unha sinopse do libro, así como a editorial e a idade a que vai dirixida a obra.
Na solapa do libro aparece unha biografía da autora e na anteportada atópanse os datos bibliográficos.
Na portada podemos observar na parte superior o nome da autora e debaixo o título do libro e por último o nome da ilustradora. No centro vemos un espazo en branco, e na parte inferior o nome da editorial.
Por último en canto ao interior do libro, vemos como en cada un dos sete capítulos aparece algunha imaxe para ilustrar a historia que vai narrando. Tamén aparecen algúns contos, cancións, poemas e diálogos. Por outra parte, destaca a utilización de metáforas.
Argumento: Esta obra está narrada en terceira persoa por un narrador omnisciente. Trátase dun libro narrativo dado que ofrece unha narración na que se relacionan o texto e as imaxes. O libro tamén conta con contos, poemas, diálogos e cancións.
Este libro está formado por sete breves capítulos: “Pan con chocolate”, “O gato e a choiva”, “Piratas e trens”, “A Befana e a escola”, “Paz e cebola”, “Preguntas e cartas” e “Despedidas por teléfono”. Ademais, para rematar, conta cun capítulo final.
Este libro conta a historia dun neno chamado Gianni Rodari. Está inspirado no autor italiano Gianni Rodari e o resto de personaxes son literarios ou procedentes de obras da literatura universal. A este neno gústalle soñar e escribir para poder ter tantas vidas como queira, e imaxínase historias e aventuras do mundo que lle gustaría vivir.
Outras das historias que trata son a da Befana e a escola. Había unha bruxa en Italia chamada Befana e repartía caramelos e xoguetes cada mes de xaneiro. A Gianni sempre lle dixeron que as bruxas eran malas. Pero a Befana voaba soa e repartía regalos caesen onde caesen. Entón el non se conformaba só co que lle dicían e tentaba responder as preguntas que se facía.
Nestes capítulos narra unha serie de historias de diferente temática cun toque fantástico. Unha delas conta a historia de cando Gianni tiña nove anos e seu pai rescatou un gato que estaba chorando baixo a choiva. E dende aquela os gatos sempre acompañaron a súa familia. Mentres que o gato tiña comida e casa, seu pai enfermaba. Logo formúlanse dúas preguntas e e preséntanse posibles finais porque a Gianni gustáballe inventar varios finais para as historias que imaxinaba.
Ilustracións: Este libro conta con máis texto ca ilustracións. Dase máis importancia o texto cas imaxes, creo que para que os nenos e nenas poidan desenvolver a imaxinación. Estas complementan o texto dado que representan o que relata a historia. Por cada capítulo aparecen dúas ou tres ilustracións, unhas máis pequenas e outras que ocupan a páxina enteira. A gran maioria das ilustracións aparecen nas páxinas impares pero tamén hai algunhas nas pares. As páxinas impares son as primeiras que se ven ao acceder ao libro.
A gran maioría das imaxes presentan formas redondeadas, o cal transmite un sentimento de dozura. En case todas as imaxes as cores son chamativas e vivas e outras están feitas con cores pasteis. Nalgunha imaxe aparece algunha cor máis escura e apagada como cando fala da noite. Por outra parte na imaxe que aparece na cuberta, a cal se atopa na parte inferior, conta con cores vivas e claras.
Potencialidades de lectura: Paréceme moi interesante ler este libro nas aulas de Educación Primaria e traballar con el dado que considero que hai que romper con esa idea de escola tradicional onde o que máis se valora sexa a memorización ou atención do alumnado así como a obediencia e recepción de coñecementos de forma pasiva, deixándose nun segundo plano a imaxinación. Por tanto, entre as potencialidades de lectura desta obra atópase o feito de que os nenos e nenas poidan crear, imaxinar historias e divertirse lendo.
Creo que a imaxinación e a creatividade debería ter un valor moi importante na educación. E este escritor, intenta apostar por isto.
Por último, tamén cabe destacar, que neste libro despois dalgún conto preséntanse posibles finais e alternativas diferentes para dito conto, o que fará que os nenos poidan cuestionarse máis as cousas e desenvolver esa capacidade de reflexión.
Sheila Guzmán Gens, 3º curso do Grao de Educación Primaria
Ningún comentario:
Publicar un comentario