Daporta, Mon (2009). Un becho estraño, ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Libros para soñar (ISBN: 978-84-8464-351-7)
1. Descrición do formato: álbum ilustrado composto por 12 páxinas e tapas impresas en cartón duro e tamaño pequeno, moi adecuado para as mans dos máis cativos/as. Na cuberta aparece o protagonista da obra co corpo dividido en dúas partes, a parte inferior do corpo sitúase na parte superior da cuberta e a parte superior do corpo sitúase na parte inferior da mesma. O título da obra está centrado e en letras maiúsculas, xusto debaixo aparece o nome do autor e do ilustrador nun tamaño máis pequeno. Debaixo atopamos o nome da editorial. Na contracuberta atopamos un dos elementos máis característicos do animal protagonista, o rabo. Ademais, na esquina inferior esquerda ten lugar numerosa información acerca do texto, das ilustracións, da tradución e da edición. Podemos dicir entón que as cubertas anunciánnos contido da obra, ademais de xogar con esa intriga ao non presentar ao individuo de xeito completo.
Por último, cómpre destacar que a obra carece de gardas, páxina de título de créditos e portada, posto que se trata dunha obra infantil relativamente breve.
2. Argumento: preséntase unha figura estraña semellante a un ovo á cal se lle van engadindo de xeito progresivo as diversas partes do corpo ata conformar un animal, concretamente, un rato.
Todo isto lévase a cabo dende unha modalidade descritiva a través da rima e do ritmo, formando así un conto-xogo seguindo a fórmula dos contos sen fin, , é dicir, a obra non remata nunca debido a que o seu final está conectado co seu principio. Ademais, o narrador é en 1ª persoa e a obra xira en torno a un único personaxe que ten a peculiaridade de ser un rato. O narrador atopa e presenta ao protagonista, incorporándolle as numerosas partes do corpo para logo quitarllas, debido a que un fenómeno natural cae sobre el, perdendo así todo o gañado e quedando de novo como unha figura carente de significado.
3. Ilustracións: a lectura visual é indispensable para a compresión do texto. As ilustracións dispóñense dende un plano frontal e central, cun fondo gris escuro que semella estar pintado a man e sobre o cal resalta o rato en cuestión, representado nunhas cores máis claras. Durante todo o albúm, agás nas cubertas, a ilustración do animal sitúase no centro da páxina, con texto na parte superior e inferior da mesma. Ademais, o rato aparece cunha forma ovalada e cuns trazos moi esaxerados (nariz, rabo) e outros nunha dimensión moi pequena (ollos, mans, pés e orellas), dando como resultado así unha figura moi graciosa. Por último, resaltar o contraste de letra branca baixo un fondo escuro, que crea dimensión á vez que facilita a lectura.
4. Posibilidades formativas: trátase dun álbum feito para os nenos e nenas de máis de un ano, e con ela, poderemos traballar aspectos fundamentais como as partes do corpo e a oralidade, utilizando a musicalidade e diferentes patróns rítmicos.
5. Aspectos destacables: libro reeditado por Kalandraka en agosto de 2015, xa na súa cuarta edición. O texto foi escrito por Mon Daporta e ilustrado por Óscar Villán, o cal recibiu premios como o 10 Premio Nacional de Ilustración en 1999 polo seu traballo en “O coelliño branco” de Xosé Ballesteros ou a “A cebra Camila” de Marisa Núñez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario