REIMÓNDEZ, María (2008). Lía e as zapatillas de deporte. Vigo: Xerais.
A obra Lía e as zapatillas de deporte é un relato impreso en papel, con tapa branda, composto por 88 páxinas e dividido en 15 capítulos. Na cuberta aparece ilustrada a personaxe principal, Lía; ao seu carón o nome da editorial e na cima de todo reflíctese o nome da colección, co seu característico paxaro. En canto á contracuberta, cun fondo rechamante en amarelo, no centro atópase unha breve sinopse da obra, e por baixo desta aparece o código de barras, co seu correspondente ISBN e de novo, o nome da editorial. Destaca que na marxe dereita hai un pequeno recadro verde que recomenda a obra a partir dos nove anos de idade.
No interior do libro, na solapa esquerda aparece impresa unha foto da autora, así como información biográfica e bibliográfica da mesma. Así mesmo, tamén hai un pequeno parágrafo con información acerca do ilustrador. Na solapa dereita, móstranse as obras de María Reimóndez en Merlín. A continuación, hai unha páxina en branco, que pola súa parte traseira contén a información de créditos, onde se observa que a obra xa vai pola 3ª edición. Na portada do libro repítese de novo a ilustración da protagonista observada na cuberta. Ao remate do relato móstranse 5 páxinas adicadas aos títulos doutras obras que foron publicadas na colección Merlín, todas elas dirixidas a nenos e nenas de nove anos en adiante.
Na obra nárrase en 3ª persoa omnisciente a historia de Lía, unha cativa á que lle cambia a mentalidade grazas á mostra de realidade que lle ensinan as súas novas zapatillas de deporte, un dos seus numerosos regalos de Reis. As zapatillas que lle regalan a Lía ensínanlle como na outra parte do mundo nenos e nenas coma ela son explotados en fábricas para producir a maior cantidade de zapatillas; ademais de privalos de ir á escola a aprender. Indignada ante esta situación, Lía ponse en acción e aporta o seu gran de area para tentar que esta situación de explotación infantil remate e tódolos nenos e nenas teñan acceso á escola.
No referido ás ilustracións, aparecen aproximadamente unha por capítulo, as cales son paralelas e complementarias á narración. A imaxe do personaxe de Lía presenta unha forma redondeada e grande para a cabeza e máis miúdo o resto do corpo. Isto é para darlle importancia á cabeza dos personaxes, é dicir, ao seu cerebro e a súa mentalidade. A meirande parte delas aparecen na páxina impar, xa que é o primeiro que se ve ao pasar de páxina, chamando máis a atención dos lectores e lectoras. Nelas pódese observar a Lía cas zapatillas viaxando a visitar a Ramesh, Lía comendo coas irmáns de Ramesh… Cabe destacar tamén, as pequenas ilustracións no encabezado das páxinas, que amosan a Lía durmindo no interior dunha das súas zapatillas e, probablemente, realizando algunha das súas viaxes.
Esta obra é fundamental para traballar a partir de 4º de primaria, porque a estas idades, nenos e nenas comezan a ser máis conscientes das repercusións dos seus actos, á vez que se continúa conformando o seu pensamento crítico. Xa que mostra a realidade que están a vivir os países menos desenvolvidos: onde os nenos/as non poden ir á escola porque teñen que traballar e viven en condicións precarias. Incidindo en que para tornar esta situación é preciso un cambio de mentalidade da sociedade consumista actual, realizando un consumo máis responsable e xusto. Todo isto preséntase a través da cativa Lía, coa que os futuros lectores e lectoras se poderán sentir identificados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario