Estamos a falar dun relato
convencional, así pois o
seu formato e a súa lectura
son tamén convencionais. Está impreso en
papel, con tapas brandas e composto por 32 páxinas.
En canto á cuberta, no centro aparece unha
ilustración do protagonista da obra apagando
un lume, esta imaxe poderíase encadrar nun dos momentos da historia, mais non está incluída
dentro do libro.
Encima da ilustración, no centro alto da cuberta,
aparece o título do libro, ¡¡¡Lume!!!, en letras cursivas,
minúsculas e de cor gris. Debaixo da imaxe
están o nome da autora e o do ilustrador, en letras maiúsculas, de cor gris e separados
por un guión. Por último,
na parte baixa da cuberta
aparece o nome da editorial, Rodeira, en letras
de cor gris e co formato de letra propio da marca.
Cabe destacar que na
parte esquerda
da cuberta, a media
altura, atopámonos co debuxo dun tren, acompañado das palabras “tren
azul”. Esta pequena ilustración significa que o libro pertence á colección “tren azul” da editorial Rodeira, do grupo
Edebé . Esta colección recolle unha serie de
obras destinadas aos lectores máis cativos.
No centro da contracuberta atopamos
de novo unha ilustración do protagonista peiteando ao seu can, neste caso a imaxe non se podería encadrar
nun momento concreto
da historia. Encima
dela hai unhas liñas de texto do interior do libro, na que se fala do protagonista e do seu can,
ademais aparece a palabra “Lume”. Debaixo da imaxe vemos as palabras “Primeiros Lectores” en minúsculas de cor
gris e na parte máis baixa da contracuberta o
nome da editorial, escrito no mesmo formato que na cuberta. Situado na
parte inferior esquerda está o código
de barras do libro e na parte dereita a media altura,
volve aparecer a mesma imaxe
do tren azul.
Se abrimos o libro de par en par e miramos a contracuberta e a cuberta á vez, encontrámonos cunha oposición de significado nas ilustracións. Por un lado a imaxe do protagonista peiteando a seu can na contracuberta, transmitíndonos paz e calma, mentres que na cuberta, Andrés está apagando o lume, dando a sensación de caos e desorde. Poderíamos dicir que é o enfrontamento entre o que os adultos entenden por portarse ben e portarse mal nun cativo.
Unha vez abrimos o libro, encontrámonos coa
portada. Se a analizamos de arriba abaixo temos: no centro alto o título
do libro en letra grosa, debaixo o nome da escritora e na liña inferior
o nome do ilustrador. No centro, unha imaxe de Andrés levando unha bandexa con bebida, a cal está tamén no interior da obra. Xa na parte baixa, o nome da editorial en letra
grosa e no formato habitual. A seguinte, é a páxina de créditos, nela recóllese información sobre o autor, o ilustrador, a editorial e a publicación. Na última páxina
antes de arrancar coa
historia aparece a dedicatoria, no medio da páxina “A Marcos e a Rocío polo seu
delicioso tempo de ¡¡¡Lume!!!.”
En canto ás páxinas da historia, comparten un
formato. Teñen unhas liñas de texto na parte
superior, ocupando un cuarto da páxina aproximadamente, e o resto é ocupado por unha ilustración
que representa o que din as
correspondentes liñas de texto.
As ilustracións de Manuel Uhía son debuxos de
carácter realista, nos cales se ve á perfección
a expresión facial dos personaxes, desta forma transmíteselle ao lector os sentimentos dos protagonistas. As cores son claras e semellan estar pintadas con acuarelas.
Hai ilustracións de dous tipos:
1. Ilustracións onde hai un fondo debuxado claro, nelas o ilustrador recolle todo tipo de detalles, máis alá do centro da imaxe, como poden ser cadros, árbores, distintos mobles, etc. Este tipo de ilustración ocupa dúas páxinas, é dicir, a imaxe da esquerda e a da dereita forman un conxunto.
2. Ilustracións onde aparece unha imaxe nun fondo branco. Estas son máis simples que as anteriores, o ilustrador non recolle apenas detalles, senón que se limita a debuxar o que di o texto. Neste caso as imaxes nunca forman un conxunto coa da seguinte páxina.
Cabe destacar que tamén aparece representado un animal, Tor, o can de Andrés, este ao igual que o resto de personaxes é de carácter realista, mais aparece moi pouco e case sempre de costas ou sombreado ao lonxe.
Respecto ao texto, aparece en letras minúsculas de
cor negra e ten un tamaño mediano, é habitual ver certas exclamacións nun tamaño maior ao resto, outorgándolle así unha énfase.
É unha narración sinxela cunha estrutura en liña e cun vocabulario
sinxelo e accesible para nenos e nenas.
Neste relato de Fina Casalderrey, un neno chamado
Andrés cóntanos as numerosas profesións que lle desenvolve aos seus familiares: peiteador, bombeiro, camareiro... Mais isto non lle fai ningunha gracia
aos pais de Andrés, que nunca ven a vontade por axudar do seu fillo e a súa ansiedade por non saber que vai ser de maior. Polo que se limitan a rifarlle e dicirlle que todo
o que fai está mal, xa que son cousas de maiores.
Toda a historia é contada por Andrés, o cativo
vainos dicindo como se sente en cada instante, de forma que podemos ver a oposición entre o momento
no que se lle ocorren
as ideas e o momento no que
seu pai lle rifa. O resto dos personaxes, a nai, o pai e o avó de Andrés
aparecen na obra a través
de diálogos co protagonista.
Esta obra ofrécenos dous niveis de lectura:
1. Por unha banda a interpretación habitual, máis propia dos cativos. Na cal só vemos a historia dun neno traste que lle causa numerosos problemas aos seus pais.
2. Unha interpretación crítica, onde a autora critica a actitude dos adultos ante as ideas dos nenos e nenas pequenas.
Así pois, dados estes dous niveis de lectura, podemos
analizar as potencialidades da obra cara á educación primaria, na miña
opinión encadraríase no primeiro curso. ¡¡¡Lume!!! trata o tema da inquedanza dos nenos e
nenas por descubrir que queren ser de maiores,
polo que nos permitiría traballar na aula as profesións, tendo en conta que cada quen pode traballar
do que lle guste de verdade, independentemente do seu xénero, nacionalidade, etc.
Como xa se dixo, o texto desta obra é sinxelo, mais está escrito usando maiúsculas e minúsculas correctamente, así como a puntuación adecuada. Pois precisamente, o uso da maiúscula e o punto poderíanse traballar con esta obra, tal e como recolle o currículo de educación primaria, na materia de lingua galega e no primeiro curso. En concreto no terceiro bloque, no punto 4: “B3.4. Respecto polas convencións xerais da escrita: uso das maiúsculas e do punto.”
Outra opción sería traballar a relación entre as
ilustracións e o texto, xa que como se explicou,
correspóndense totalmente. Neste caso, este aspecto recóllese no cuarto punto do segundo bloque
do currículo: “B2.4.
Interpretación da información das ilustracións.”
Esta obra, ao seren do ano 2006 non conta apenas
con recursos na rede. Debido a esta dificultade,
recóllense dous recursos alternativos, un sobre á autora e a outro sobre unha das súas
obras destinadas a cativos na etapa de educación
primaria.
O primeiro é a páxina web de Fina Casalderrey Fina Casalderrey – Web oficial da escritora galega. Nela atopamos a súa biografía, a
bibliografía e todos os premios que gañou dende que comezou
o seu camiño como escritora. Desta forma vemos como aparte
de escribir literatura infantil e xuvenil,
tamén ten escritos
tres libro de gastronomía galega
e catro guións de curtametraxes. Cabe destacar que tamén nos da a opción
de contactar con Fina,
algo moi útil á
hora de consultar
dúbidas ou programar unha charla coa autora.
Outro recurso é o blog brabádegos, nel atopamos unha entrada dedicada
á obra da autora, O
segredo de Zoe https://brabadegos.blogspot.com/2016/05/agardar-sobre-o-peitoril-da- venta.html . Nela, fálase un
pouco do papel de Fina como muller escritora e reflexionase sobre
a obra mencionada anteriormente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario