MEJUTO, Eva & MILHOES, Mafalda (2014). Maruxa. Pontevedra: OQO editora.
A obra literaria escollida para traballar co alumnado de Educación Primaria é Maruxa, un álbum ilustrado que ten unhas dimensións de 23x25 centímetros, de tapa dura e encadernación en cartoné. Ten 28 páxinas e na cuberta resalta a cara da protagonista moi angustiada facendo as tarefas do fogar. Por outro lado, destaca tamén o título do libro xa que está en letras vermellas e maiúsculas, ademais, enriba deste atopamos o nome da autora e da ilustradora e máis abaixo observamos o nome da Editorial “OQO”. Tanto ao abrir como ao final do libro atopámonos coa garda, que nos serve de introdución e de final á historia grazas ás ilustracións que aparecen nela. O método de lectura do libro é o tradicional xa que se fai dunha maneira convencional, de esquerda a dereita. Deste xeito o texto contén xogos de continuación e podémolo atopar en calquera parte da páxina.
Maruxa é un álbum ilustrado de Eva Mejuto e Mafalda Milhoes cuxo argumento transcorre a través de dúas voces, a do narrador, que presenta os protagonistas, introduce o conflito e pecha a historia polo que só fala na primeira e na última páxina. A outra das voces é a dos protagonistas, os cales expoñen os feitos e perspectivas en estruturas acumulativas e repetitivas. As intervencións destes recóllense en letra grosa e cun guión ao principio sinalando as quendas de diálogo. Así pois, o conto comeza presentando a Maruxa, unha muller cansada de facer todas as tarefas do fogar ela soa. Dada esta situación, consegue moi astutamente que o seu marido Pepiño se involucre e a axude recibindo unha moi boa lección. Ademais, todo o libro vai desenvolvéndose a través de recursos propios da transmisión oral que favorecen o ritmo, a musicalidade, a capacidade mnemotécnica…
Grazas ás ilustracións presentes pódese facer unha lectura visual que axuda a entender a historia, sobre todo nas gardas xa que estas, a modo de introdución transmítennos información sobre como era a situación de parella de Maruxa e Pepiño e como acabou sendo. A caracterización dos personaxes é con caras ovaladas con marcas de engurras sobre o rostro e con dentes ou dentaduras moi ben coidados. Grazas a esta caracterización podemos empatizar coa situación que están a vivir os personaxes, o cansa e angustiada que se ve unha persoa por ter que facer todo ela soa e o diferente que se amosa cando se reparten as tarefas por igual. Por outro lado, encontrámonos tamén coa presenza dalgún animal como é a súa mascota, un can marrón que aparece en varias escenas e que sempre está acompañando a Pepiño. Con menos relevancia podemos atopar tamén formigas, ovellas ou moscas. Ademais, as cores usadas para as ilustracións son bastante vivas e como se estivese pintado con acuarelas.
En canto á arquitectura xeral, podemos observar que a estrutura do álbum é circular xa que se vai repetindo sempre o mesmo, así pois, dentro deste podemos atopar acumulacións, encadeamentos e repeticións como por exemplo o retrouse de “Maruxa, Maruxa, vai facer o pan, que morro de fame”. Ademais, tamén atopamos campos semánticos relacionados cos ingredientes necesarios para facer pan, como poden ser a fariña, o sal, a auga…
As posibilidades formativas que nos regala este álbum son a eliminación do rol patriarcal de que a muller sexa a que fai todas as tarefas do fogar, substituíndo isto por unha repartición equitativa das tarefas sen ningunha distinción de xénero. Ademais, a obra permite que o alumnado de Educación Primaria reflexione acerca das desigualdades de xénero que podemos atopar na nosa vida cotiá.
Para unha mellor comprensión da historia existen certos recursos en liña que se poden usar nas aulas de Educación Primaria como un stop-motion que podemos atopar aquí ou esta adaptación do conto feita por un alumnado de segundo de primaria para conmemorar o día internacional da muller. Podémola ver aquí.
Con todo, penso que Maruxa é unha moi boa obra que sen dúbida traballaría nunha aula de Educación Primaria, tanto para os primeiros cursos dunha maneira máis profunda como para o alumnado de 5º e 6º para traballar en días como o 8 de marzo e facer unha reflexión sobre o que acontece no álbum.
Ningún comentario:
Publicar un comentario