luns, 22 de novembro de 2021

Lía e as zapatillas de deporte

 Recensión crítica 


REIMÓNDEZ, María (2008). Lía e as zapatillas de deporte. Vigo: Xerais



Trátase dun relato convencional de ficción de María Reimóndez (Lugo, 1974) con ilustracións de Iván. Sende. É un libro de tapa branda, pequeno, cunha linguaxe sinxela e fácil de ler para os cativos/as. O formato da parte externa presenta un elemento característico propio da colección Merlín cun paxaro nunha rama. Seguindo coa cuberta, podemos atopar unha debuxo de Lía cos amallós das zapatillas atadas ó seu brazo para levala de viaxe.  Neste caso, ao non tratarse dun álbum ilustrado, na parte da contracuberta non figura ningunha imaxe relacionada coa portada, senón que se amosa o resumo do libro e non trae actividades finais. A súa estrutura é circular. Por último, cabe destacar que a obra pertence a unha colección de literatura infantil dirixida a nenos/as de 9 anos en diante. 


O libro conta con 15 capítulos que relatan a historia dunha nena na que por Reis lle regalaron unhas zapatilla de deporte que tanto desexaba. Un día durmindo, escoitou uns ruídos e asustouse xa que as zapatillas estaban falando. Estas tiñan unha triste historia que contar e levaron á protagonista a un lugar no que os nenos e nenas traballaban coma adultos fabricando as zapatillas como as que tiña ela.  O argumento trata un tema de gran importancia que está a pasar nalgunhas partes do mundo como é a explotación infantil. Hoxe en día nenos/as de Bangladesh ou Indonesia traballan como persoas adultas facendo esforzos perigosos e pondo en risco a súa vida como lle acontece a Ramesh nesta historia. 


Tocante ás ilustracións, Iván Sende trata de contar a historia desta obra a través dos debuxos que axudan a súa comprensión. No interior do libro, aparecen varias ilustracións que teñen a función de visualizar as accións, como por exemplo: Lía abraiada na súa habitación ao descubrir que as súas zapatillas novas están falando, Ramesh fabricando as zapatillas e cargando caixas, Lía comendo no chan coas irmás de Ramesh, Lía camiñando pola rúa co seu amigo... En canto á caracterización dos personaxes, cabe destacar que case todos teñen un rostro entristecido, ollos moi grandes e formas redondeadas en liña negra e fina. Páxina a páxina, van aparecendo varios debuxos con distintas cores.


O narrador é heterodiexético xa que presenta ós protagonistas narrando as súas peripecias e introducindo o conflito, polo que a historia está contada en 3ª persoa.  Prodúcense varios diálogos entre os personaxes principais e secundarios intercambiando información e expresando sentimentos e emocións. 


    O libro ten unha dimensión beneficiosa para os nenos/as xa que incita a que se poñan na pel da protagonista adquirindo valores como a amizade, o respecto, a vontade, a responsabilidade, a axuda ós demais… pretendendo amosar dunha forma lúdica unha realidade que pouco ten que ver cos nenos/as do primeiro mundo. 


Nunha futura clase de 5º de Primaria, para comezar a falar sobre este tema cos alumnos/as, poreilles o seguinte vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=aqQunOlVhKo para que se fagan unha idea do que trata o libro e posteriormente terán unha semana para lelo na casa, contando as clases de lingua galega. Unha vez lido, proporáselles facer unha redacción sobre o tema traballado anteriormente invitándoos a que reflexionen sobre este asunto pouco coñecido para eles/as e no privilexio que teñen ó poder ir ó colexio, saír ó parque a xogar cos amigos/as, dar unha volta en bicicleta… en resumidas contas, gozar da liberdade que outros nenos como Ramesh non teñen. Outro obxectivo proposto, é que os cativos/as comprendan e se sintan identificados coa personaxe principal fomentando e colaborando na construción dun mundo máis xusto erradicando por completo o traballo infantil.  


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...