DOMÍNGUEZ, Xabier & DE EVAN, Alba (2021). Maxia de pedra. Vigo: Xerais.
A obra Maxia de pedra, foi a escollida debido á relevancia da temática tratada, xa que a historia é unha parte indispensable da nosa cultura. A cultura castrexa é un dos elementos que máis nos caracteriza como pobo.
Trátase dun relato, do xeito máis convencional, acompañado dunha guía ilustrada a modo de mapa conceptual para facilitar a contextualización da historia narrada. Esta obra está conformada por 136 páxinas, máis unha cuberta, onde se recollen os datos básicos da obra, incluíndo unha ilustración que permite ver a temática que se trata na historia. Está escrito en formato de novela, cunha relativa sinxeleza debido ao público obxectivo que ten por ser literarura xuvenil (está recomendado a partir dos 11 anos, é dicir, 6º curso de Educación Primaria).
O relato de Xabier Domínguez e Alba de Evan cóntase dende a perspectiva dun narrador externo (3º persoa), que en ocasións parece ser omnisciente. Esta obra estrutúrase en forma de capítulos (19 máis un caderno ilustrado de campo). A obra toma como referencia dous planos temporais: a actualidade e a época romana.
O plano da actualidade comeza cando un avión aterriza de emerxencia cun petróglifo cando viaxa de Roma a Vigo, ao museo onde traballa o pai de Anxela. Tras a desaparición do mesmo, a rapaza recoñece a existencia dun igual preto da súa casa. Cando acude a velo dase conta de que hai un cambio no centro do labirinto que conforma o petróglifo e volvendo a visitalo atopa a unha gata (“Morriña”) que ten tres colas e propiedades curativas. O petróglifo é roubado do museo e son os propios ladróns quen seguen espiando á familia coa finalidade de roubar á gata. Tras iso, Anxela é secuestrada polos ladróns (que forman parte dunha banda orquestrada polo director dunha empresa farmacéutica). A nena é salvada grazas á gata, que a guía e a saca do lugar. A continuación prodúcese unha persecución por parte da policía aos ladróns que remata coa detención dos implicados. Ademais, a obra remata narrando como repiten unha acción que marca o libro (xa que se desvelan os poderes de “Morriña”): Anxela e Lois recollen lixo mentras que a gata transforma eucaliptos en árbores autóctonas.
No medio do relato intercálase a historia da época romana, contando como se produce a aparición do petróglifo e do gato máxico, así como dos seus poderes e da súa chegada a Roma. Faino mediante a narración da historia dun soldado romano que desaparece e é retido polos castrexos e tras coñecer a historia do gato máxico, traiciónaos para conseguir fama. El e outro centurión buscan ser recoñecidos, para o que secuestran a gata, que comeza a hibernar ao saír de Gallaecia, o que leva ao desprestixio dos soldados.
As ilustracións empregadas na obra, realizadas por Eli García, reflexan dous momentos históricos que se narran paralelamente: para contar a época romana as ilustracións teñen tonalidades azuis (frías) e para narrar a actualidade tonalidades rosas (cálidas). Ademais, empregan debuxos realistas sen incluir demasiados detalles e cuxo estilo se aprecia na cuberta.
Esta obra é moi completa e permite tratar unha gran variedade de temas, dende os máis tradicionais: ecoloxismo (queima dos espazos naturais, especies autóctonas, lixo nos espazos naturais...), historia (época romana/castrexa), amizade (relación de Anxela e Morriña); ata outros máis polémicos: modelos familiares (familia monoparental, pais absortos polo traballo), feminismo (modelo de coidado representado polas figuras femininas) ou o expolio de certas culturas a outras.
Neste caso, non foi posible atopar recursos en liña para traballar esta obra, probablemente debido á novidade do libro (publicado neste mesmo ano), pero si que é posible atopar con gran facilidade recursos que permitan traballar algunhas das temáticas nas que se centra o libro, aínda que a gran maioría deles se atopan en castelán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario