sábado, 20 de novembro de 2021

O coelliño branco




Ballesteros, X. & Villán, Ó. (2015). O coelliño branco. Kalandraka.

    O libro O coelliño branco da autoría de Xosé Ballesteros e ilustración de Óscar Villán é un álbum ilustrado de carácter literario xa que se nos presenta cunhas imaxes significativas acompañadas dun breve texto. Ademais, esta historia ten a súa orixe nun conto popular portugués.

    O formato do libro presenta cuberta e contracuberta de tapa dura que se deben de observar en conxunto nunha única imaxe, xa que na cuberta preséntanos ao protagonista principal, o coello, que está mirando cara á esquerda e indícanos que observemos a contracuberta, onde vemos á formiga. Nelas tamén se nos indica: o autor e o ilustrador, a editorial, o título, un indicador dun premio, o código de barras e o título da colección. Nas gardas do libro atopamos o debuxo das orellas do coello e das patas da formiga. Tamén conta cunha páxina de título de créditos con toda a información pertencente ao libro. A portada conta co título, o nome do autor e ilustrador, a editorial e a ilustración do coelliño.

    No conto cóntase a historia dun coello que un día vai por coles á horta e cando regresa atopa a súa casa ocupada por unha cabra que non lle permite entrar. O protagonista busca a axuda de varios animais pero ningún se atreve a axudarlle. É unha formiga a que consegue expulsar a cabra da casa e recuperar a normalidade. Como podemos observar a trama está organizada coma todos os contos tradicionais en tres partes: exposición do problema (interveñen o coello e a cabra), desenvolvemento (interveñen o coello, o boi, o can e o galo) e o desenlace (interveñen o coello, a formiga e a cabra). O libro presenta un narrador en terceira persoa e as voces protagonistas son un coello, unha cabra e unha formiga. Os personaxes secundarios son o boi, o can e o galo. Este é un texto-fórmula concibido tanto para ser lido como para ser contado, que xoga de forma especial coa sonoridade e a rima coa inclusión de estruturas repetitivas, rítmicas e diálogos abundantes que fan que o conto se recolla no grupo de lecturas dos primeiros lectores.

    En canto á ilustración do conto cabe destacar que levou o Premio Nacional de Ilustración no ano 1999. Represéntanos as imaxes de diferentes animais xogando cos seus tamaños, co aspecto, coa cor e incluso coas reaccións dos personaxes. O texto forma parte da ilustración que é de cor violeta. Tamén podemos destacar a presenza dalgunha onomatopea dentro da ilustración como cando a formiga peta na porta (Toc, toc, toc!).

    Dentro da dimensión lúdica, coa estrutura encadeada e a humanización destes animais podemos traballar a importancia da cooperación entre as persoas e a afouteza ou forza interior que todos/as temos. Desta forma con este conto buscamos reivindicar a amizade e a coraxe, porque a valentía non é cuestión de tamaños. Aínda que aparentemente sexamos fráxiles dende o exterior, en realidade a fortaleza sempre se atopará no noso interior e só temos que soltarnos e sacala fóra cando a precisemos.

    Para a inclusión deste álbum nunha aula de educación primaria, eu escollería ó público máis cativo (primeiro e segundo) e contaríalles o conto xogando coa sonoridade, coa voz e incluso con elementos sonoros. Posteriormente farían eles/elas unha lectura máis reflexiva para finalmente acabar cunha posta en escena dende a dramaturxia.

    O conto está dispoñible ademais en castelán, catalán, éuscaro, portugués, inglés e italiano. Tamén se publicou na colección “Makakiños”, unha iniciativa para persoas con necesidades especiais. Como recursos en liña podemos destacar o traballo de varios/as contacontos que compartiron na web a audición do conto incluíndo música de fondo coma no seguinte caso do CEE Vilagarcía de Arousa: https://youtu.be/C7S8TGTGtKs ou o de Afundación TV: https://youtu.be/9uq9WmeZA3I. Tamén podemos destacar a dramaturxia do conto que fixo A Escola Infantil na Casa da Xunta de Galicia: https://youtu.be/2eGZQoL6R8Q.


Fátima Gallego García



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...