SAMPAYO, Alex, F. CAAMAÑO, Borja & CHAO, Rodrigo (2018). Contos do recreo. A Coruña: Redrum Teatro.
A obra literaria que presento na seguinte recensión é a de Contos do Recreo, escrita por Alex Sampayo con Borja Fernández Caamaño e ilustrada por Rodrigo Chao. Coa intención de desmiuzar as diferentes partes do libro, definirei o mesmo analizando as súas dimensión física, interactiva e lúdica.
En primeiro lugar, ó redor do formato, este caracterízase por ser un álbum ilustrado impreso en papel de tapa dura e forma cadrada, cun total de catorce páxinas, de lectura convencional, que constitúe á unha narrativa rimada. Ao redor da súa estrutura, percíbese que a cuberta e a contracuberta forman unha unidade de sentido. Por unha parte, na primeira encóntranse recollidos na parte superior esquerda o título xunto cos nomes dos escritores e o autor ilustrado, e na parte inferior, a editorial. Mentres tanto, na segunda só aparece o deseño gráfico tanto da Xunta de Galicia como de AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), como asociacións colaborativas. Todo isto, incorpórase ó redor dunha imaxe animada na que se representa un dos acontecementos fundamentais do desenvolvemento da obra: a protagonista da historia, a cal adquire visualmente a primeira atención, semella descubrir ó lado da contracuberta un bedel e unha porta máxica. Ó redor do tipo de ilustración, esta anticipa o tipo de imaxe figurativa que caracterizará o resto do conxunto da obra.
Seguindo co argumento, o libro conta a historia dunha rapaza chamada Alicia, unha meniña cuxo comportamento céntrase en burlarse dos seus compañeiros, faltar ó respecto e facer trasnadas co único obxectivo de chamar a atención e mofarse dos demais. Así mesmo, detrás desta conduta amósase unha familia, a cal non afronta con preocupación a problemática, senón que afasta a realidade fóra da responsabilidade da protagonista. Desta maneira, os insultos, as burlas e os enganos seguirán sendo característicos no proceder de Alicia. Ata que un día un máxico bedel será quen lle ensine, a partir dunha porta máxica do tempo, cales serían as verdadeiras consecuencias da súa actitude. A partir desa lección, nunca volverá actuar seguindo a maldade e as boas accións traeranlle crecemento, amizade e sobre todo, felicidade.
Ao longo desta historia incorpóranse dous tipos de voces, por unha parte, o narrador heterodiexético que será quen desenvolva a maior parte da obra dende un punto de vista obxectivo, e despois incluiranse certas respostas e expresións procedentes da protagonista e os seus pais.
Por outro lado, no referido á ilustración, trátase dun libro ilustrado cuxas imaxes, aparte de seren unha das partes máis relevantes da obra, completan información sobre o texto dunha maneira figurativa, describindo con exactitude os espazos e os personaxes da historia. Neste caso, a cor das mesmas, ademais de facer as imaxes máis atractivas visualmente, terán un sentido relacionado co argumento da obra. Este está composto por dúas etapas ben diferenciadas segundo o comportamento de Alicia, polo tanto a gama de cores empregadas para as accións negativas serán de tons apagados en representación de tristura e desánimo, mentres que as imaxes do cambio cara unha boa conduta acadan un ton vivo, alegre e positivo.
Con todo, as potencialidades que a lectura de Contos do Recreo pode proporcionar nunha aula de Educación Primaria son certamente destacables. Dende un principio, o obxectivo desta obra pretende amosar as múltiples semellanzas que existen entre un acosador e un acosado, empregando o mundo fantástico como medio de atracción para os nenos o nenas. Actualmente, son moitos os casos de acoso escolar que se observan en cada un dos centros educativos, e aínda que resulta un tema polo que existe maior conciencia e responsabilidade por parte da sociedade, é fundamental que os/as docentes traballen este tema a través de todos os puntos de vista, partindo dende o orixe do mesmo e empregando un reforzo positivo.
O habitual cando se trata este tipo de abuso, tanto na escola como na literatura, é que se dirixa dende a perspectiva do acosado, un feito que permite que os máis cativos e cativas coñezan o sentimento, o malestar, e as terribles repercusións que poden supoñer estes actos a calquera de nós. Porén, resulta igual de fundamental, coñecer cales son os sentimentos de furia e medo que caracterizan ó acosador, os motivos polos que chega a facer ese dano e, sobre todo, a lección que debe aprender sobre os seus actos.
Este libro resulta un recurso moi útil para transmitir estes coñecementos e leccións de maneira moi ilustrativa, co que cada un dos cativos e cativas pode chegar a verse na pel de calquera dos papeis de acosador, acosado ou espectador e concienciarse tanto da peligrosidade de cada un destes, como cara o respecto aos demais..
Despois acada un papel moi importante no desenvolvemento da historia, a familia e a influencia social. Especificamente, móstrase como o entorno familiar determina en gran medida as condutas que realiza cada individuo, sendo unha variable moi importante para erradicar o acoso en calquera situación.
Ademais de todo isto, Contos de Recreo é un libro que forma parte dun proxecto sobre o esforzo da autoestima que se complementa cun espectáculo teatral do mesmo nome, concretamente, unha comedia musical. Esta aportará un incentivo máis para a lectura do mesmo e sobre todo, será un reforzador do seu contido.
Por último, xa para rematar, despois de facer unha pescuda sobre os recursos en liña de acceso á obra encóntranse principalmente sinopses do que sería o propio libro (https://www.youtube.com/watch?v=LK5rlEXo4JM) e, despois, a obra teatral que o complementa (https://vimeo.com/290256093).
Ningún comentario:
Publicar un comentario