Casalderrey, F. (1999). O misterio dos fillos de Lúa, ilust. Manuel Uhía. Vigo: Edicións SM, col. O Barco de Vapor, (121) pp. (ISBN: 84-348-4674-8). [Primeira edición: abril 1995]
O misterio dos fillos de Lúa é un relato convencional de Fina Casalderrey. O formato da parte externa ten unhas dimensións de 12 cm de ancho x 19 cm de alto e presenta en primeiro lugar un elemento característico propio da colección O Barco de Vapor: o marco cor laranxa. Trátase dunha colección de literatura infantil dirixida a nenos e nenas de entre 6 a 12 anos publicada por edicións SM. Seguindo coa cuberta, atopamos unha imaxe nocturna da gata Lúa no tellado observando a lúa. Na contracuberta podemos atopar a David e a Branca correndo polos arredores do pobo. Na primeria páxina ao igual que na cuberta, figuran o título do libro, o nome da autora e o dos dous premios que gañou con esta obra: Premio O Barco de Vapor e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1996.
En canto ó argumento, este trata dun neno chamado David que xunto a súa noiva e compañeira de clase Branca, terán que resolver ao longo dos 28 capítulos nos que está estruturada a obra, o misterio de por que cando a súa gata ten fillos estes desaparecen. A historia comeza no momento en que Xocas, o irmán de David, atopa unha gatiña abandonada nun cemiterio e a leva á nova casa a cal se mudaron recentemente. Lúa, que así é como deciden chamar ao felino, tras parir un par de veces perde ós seus gatiños nunhas circunstancias recónditas. Será entón durante o terceiro embarazo da gata cando os cativos fagan todo o que estea nas súas mans (acertando pistas e poñendo trampas) para resolver o misterio da desaparición destes. Finalmente, a nai de David (Flora) confésalle ao seu fillo e a Branca que foi Rambo, o can do boticario do pobo, quen matara en reaidade aos gatiños polo que non existía ningún ladrón. O relato chega ó seu punto e final con Lúa parindo ós catro gatiños dos que estaba embarazada.
Referente ás ilustracións, Manuel Uhía plasmou algunhas en branco e negro, carentes de cor e con trazos sen definir empregando a técnica do sombreado con lapis. Todas elas presentan o mesmo formato posto que ocupan unha páxina enteira e sitúanse no lado dereito do libro (sendo soamente unha a excepción ocupando dobre páxina). A través delas visualizamos a acción que se está transmitindo coa lectura nun momento dado, pero non son imprescindibles para comprender o lido. Aínda que é un libro con ilustracións o elemento principal é o texto, non a imaxe. Estas aparecen de xeito esporádico axundando aos lectores e ás lectoras a poñerlle cara ós distintos personaxes que nos presenta a autora.
Dende o punto de vista narrativo, David é o narrador dos feitos, o protagonista da historia. O relato está contado pois, en primeira persoa. Empregando esta tipoloxía de voz narradora dáse un enfoque moi persoal polo que podemos meternos na pel do neno. A orde narrativa é retrospectiva na maior parte da acción, xa que se están a transmitir feitos pasados contados de forma lineal. Ademais de David, a súa noiva Branca formaría parte dos personaxes principais xunto coa gata Lúa. Como personaxes secundarios destacan Xocas (irmán maior de David), a nai e o pai de David, a tía Sita, a avoa e o señor Indalecio.
Debido a que a historia está narrada por un cativo de oito anos, a linguaxe empregada é moi sinxela e infantil que fai que o público lector se poida sentir identificado co personaxe principal. Considero que traballar na aula esta obra de Fina Casalderrey é idónea para tratar múltiples temáticas importantes das cales destacan as seguintes:
En primerio lugar o valor da amizade representada polos personaxes David e Branca. Mostran estima un polo outro preocupándose polo benestar mutuo. Ademais amosan complicidade entre os dous e sobre todo fidelidade, cumprindo as promesas e xuramentos que se fan. Outro valor que se potencia neste relato é sen dúbida o respecto polos animais. En cada capítulo podemos ler os coidados e cariño que recibe a gata por parte dos membros da familia, especialmente por parte do narrador e a súa noiva.
Tamén existen cuestións transversais que podemos abordar como son a inocencia e a curiosidade para descubrir os feitos que acontecen ao noso redor, provocando que os alumnos e as alumnas sintan empatía co narrador e esperten ese interese por saber cal é o misterio da desaparición dos fillos de Lúa; a familia e os roles que adoptan cada un dos membros que a conforman; a relixión a través da mención do sacramento da comuñón, os pecados e as oracións do catecismo; a morte, xa que se cuestionan como é ese ceo ó que se supón que ascenden os seres vivos ó falecer e que se representa no relato a través da morte dos gatiños de Lúa; as emocións, mediante sentimentos de mágoa e tristura que invaden aos personaxes cando a gata cae enferma e pensan que non vai sobrevivir; o ciclo reprodutor, comparando e diferenciando o embarazo e posterior parto entre os animais e os seres humanos; e por último pero non menos importante, a mención que se lle fai ao racismo a través da frase extraída do libro "A miña profe dixo que o racismo é cando hai uns abusóns que non deixan te-los mesmos dereitos, que quere dicir face-las mesmas cousas, a todo o mundo." (páx. 58).
Referente ós recursos en liña acerca desta obra, despois de indagar en varios portais destaco dous vídeos: no primeiro deles o alumnado de Primaria explica brevemente o argumento da obra (https://youtu.be/sBMOp2jxG1w); e o segundo, trátase dun book tráiler no cal tamén se resume a historia (https://youtu.be/Av-ajuYQVLc). Dúas formas diferentes de coñecer da man dos nenos e das nenas O misterio dos fillos de Lúa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario