CARIDE, Ramón & ASENSI, Jaime (2013). O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas. Ourense: Xerais, [96 pp.]. (ISBN: 978-84-9914-461-0).
A
obra seleccionada para esta recensión denomínase O Capitán Aspanitas e o
misterio das Burgas que é un relato e está escrito por Ramón Caride. Penso
que é unha obra moi axeitada para tratar dentro da etapa de Educación Primaria,
xa que se podería empregar en diferentes cursos dependendo de que contidos
queiramos traballar cos discentes.
Este
libro de tapa branda ten un tamaño de 13.3 x 0.9 x 20 cm e unha lonxitude de 96
páxinas. Publicouse no formato tradicional, o cal se basea en pasar páxina a
páxina dun xeito manual. Cabe destacar que ao final deste aparece un mapa
detallado de todo Ourense e outro da ruta das termas de Ourense para que os/as
nenos/as recorran a eles ao longo de toda a narración. Deste xeito, o alumnado
é capaz de imaxinar a historia dun xeito máis detallado. Ademais, tamén trae
unhas fichas a modo de presentación de cada un dos personaxes para coñecelos un
pouco mellor.
Toda
a historia está composta por un total de dez capítulos e cóntase dende o punto
de vista dunha das integrantes do grupo de amigas; é dicir, en primeira persoa.
Os integrantes chámanse Sabela (a narradora e destaca por querer comentalo
todo), Martiño (o deportista e amante da natureza e do deporte), Lois (cariñoso
e cun sexto sentido para detectar as inxustizas), Raia (a máis fermosa, pero un
pouco despistada) e o capitán Aspanitas (inconformista cunha dobre identidade).
O
relato cóntanos que un grupo de catro rapaces/as con necesidades específicas
perseguen a unha banda de encapuchados porque se decatan de que estes están
facendo estragos no funcionamento das burgas de Ourense. Para isto, precisan da
axuda do capitán Aspanitas, o cal só eles/as poden convocar mediante un ritual
máxico en situacións de perigo. Grazas á cooperación de todo/as eles/as
conseguen atrapar á banda para así quedar cancelada a sabotaxe das burgas.
Por
outra parte, as imaxe deste relato fíxoas Jaime Asensi. Ademais, pódese
apreciar que en case todas as ocasión ocupan unha páxina completa e en concreto
a da dereita, que sempre vai coincidir coa páxina impar. Isto acontece así
porque o autor quería darlle máis importancia ao debuxo que ao texto, xa que a
vista é ao primeiro lado que mira cando pasamos a páxina do noso libro. Tamén
aparecen algunhas ilustracións pequenas nas metades superiores ou nas metades
inferiores. Estas van variando dependendo do que o ilustrador queira resaltar
nese intre.
Considero
que este libro é moi apropiado para traballalo dentro dunha aula de nenos e
nenas de entre oito e doce anos. En concreto, empregaría moito este relato nun
colexio de Ourense, xa que considero que o alumnado se engancharía cunha maior
facilidade ao ir recoñecendo todos os lugares polos que pasan os/as
protagonistas. Tamén resaltaría que esta historia se podería traballar non só
pola comprensión lectora, senon polos conceptos xeográficos e polos datos da
natureza que se comentan. Deste xeito, estaríase aproveitando unha única lectura
para tratar moitos temas dun xeito transversal. O último, pero non menos
importante, dos motivos que fan que me decante para empregalo nunha aula é que
loita pola inclusión, mostrándolle aos lectores/as que as persoas con
necesidades específicas tamén poden ser protagonistas dunha historia.
Finalmente, centrándome nos recursos
en liña penso que hai moi poucos dispoñibles, dado que foi un relato escrito
coas peticións da Asociación de familiares de Persoas con Trastorno da
Comunidade Social de Ourense e iso significa que tamén se lles tería que pedir
dereitos de autor a eles. Do mesmo xeito pasou coa reedición deste libro que
non poido levarse a cabo. Así mesmo, atopei unha breve entrevista que lle
facían no xornal a Ramón Caride sobre esta obra e o enlace para acceder a ela é
o seguinte: https://axendacultural.aelg.gal/tag/o-capitan-aspanitas-e-o-misterio-das-burgas/. Este é outro dos enlaces que atopei: https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipamaia/?q=taxonomy/term/1/all&page=9 que é dun CEIP que levou a Ramón Caride a visitar o seu
centro e darlle unha charla ao alumnado. Finalmente, atopei unha breve entrada nun
blog: https://armandorequeixo.wordpress.com/tag/o-capitan-aspanitas-e-o-misterio-das-burgas/
Ningún comentario:
Publicar un comentario