domingo, 16 de xaneiro de 2022

Perigo Vexetal

 



CARIDE, Ramón & PRADO, Miguelanxo (1995). Perigo vexetal. Vigo: Xerais.

A obra escollida para a súa análise e descrición debido ao seu considerable aproveitamento educativo no nivel de Educación Primaria é, neste caso, a de Perigo vexetal, escrita por Ramón Caride e ilustrada por Miguelanxo Prado. Esta corresponde a un libro narrativo pertencente á literatura infantil recomendada para cativos e cativas de entre nove e doce anos.

Comezando co seu formato, este volume é de tapa branda, forma rectangular e de lectura convencional. Cuxa estrutura está formada por cuberta, contracuberta, anteportada, portada, prólogo e dúas solapas con información bibliográfica dos autores e recomendacións lectoras doutros exemplares do escritor. Na primeira sitúase, na parte superior, o título, o nome do escritor e o ilustrador nun recadro branco; mentres que na parte inferior inclúese a denominación e o logo da editorial encargada da súa publicación. Todo isto aparece ao redor dunha ilustración figurativa na que se observa un campo de cereal combinado con robots e transportadores que anticipan a ollada futurista sobre a que se desenvolve a historia. Na segunda, a contratapa, recóllese unha breve sinopse, o nome da editorial e o recoñecemento do Premio Merlín outorgado a este libro no ano 1995.

Así mesmo, no interior do álbum, encóntrase a portada coa mesma imaxe que a cuberta, unha páxina dedicatoria e, despois, o nodo da historia nun total de 108 páxinas distribuídas en 20 capítulos narrados por dúas voces intercaladas (a de Said e a de Sheila), permitindo a exposición dos sentimentos e perspectivas dos protagonistas.

Seguindo co argumento, este libro conta unha das aventuras de Said e Sheila, uns imáns orfos de 10 anos que vivían sós nun muíño da parroquia de Loreda no ano 2075, onde a realidade estaba inmersa de tecnoloxía, avances científicos, transportadores e novas en canto a comunicación co pasado. Un día recibiron dúas mensaxes que cambiarían por completo a súa vida. Unha anunciaba a existencia dunha planta chamada supercereal que sería capaz de rematar coa fame mundial. A outra, pola contra, advertía ante unha planta monstruosa que estaba a piques de arrasar a pampa Arxentina.

Partindo desta información e sen dubidar sobre a súa relación, ambos imáns embarcáronse nunha viaxe cara á Arxentina, concretamente nunha das propiedades da C.U.B., para coñecer cal era a realidade da situación. Cando chegaron observaron como o supercereal estaba estendéndose sen control por toda a zona e destruíndo todo o que tiña ó seu carón. 

Porén, os protagonistas eran uns investigadores natos e as súas pescudas non remataron aí. En pouco tempo, os irmáns foron rumbo á sede de C.U.B., onde coñecerían ó seu novo compañeiro de busca, Yu-Su. Con el embarcaranse en gran cantidade de loitas, sustos e indagacións que rematarán cun final venturoso. Entre os tres lograrán salvar ao pai de Yu-Su, tamén coñecido como o doutor Kim-Sam, e desbaratar finalmente coa conspiración de míster Beluz por apoderarse do mundo a partir do supercereal.

Por outro lado, no referido á ilustración, as escasas imaxes que contén son elaboradas en branco e negro, con figuras redondeadas e cun carácter figurativo. Estas están enlazadas co texto e pretenden proporcionar información máis detalla sobre aspectos descritivos (localización, personaxes, obxectos...), así como representar acontecementos clave do desenvolvemento da historia, dunha maneira máis visual e expositiva.

Con todo, as potencialidades que a lectura de Perigo vexetal proporciona ao alumnado de Educación Primaria son diversas. En primeiro lugar, o principal obxectivo que se percibe ó longo de toda a narración é a transmisión dun compromiso ecoloxista. O seu argumento centrado ó redor dunha ameaza polo mantemento da natureza e a vida na Terra nunha futuridade próxima, permite que o alumnado visualice e reflexione sobre a actual acción da humanidade co planeta. Desta maneira, o compromiso pola sustentabilidade e a conciencia polo mantemento da biodiversidade son algúns dos valores que se poderían introducir na aula.

Posteriormente, adquire unha gran relevancia a transmisión dunha educación en valores. Trasládase a importancia da amizade, o respecto e a paz. Como tamén, a cooperación e as habilidades sociais como a mellor das vías para a resolución de conflitos.

Así, atendendo ó feito de que este libro se lería co alumnado dos últimos niveis de Educación Primaria, outro dos aspectos susceptibles para ser traballados é a desigualdade social e a inxusta repartición de recursos. Concretamente, a avaricia de míster Beluz e súa obsesión polo beneficio económico pódese empregar como antecedente para amosar realidades existentes como a fame no mundo, a precariedade e a discriminación fronte ó consumismo, os excedentes e, en si, a riqueza. 

Por último, como o derradeiro aspecto da análise, os recursos en liña que se encontran ó redor desta obra literaria son fundamentalmente vídeos resumo realizados por nenos e nenas. Algúns dos enlaces recóllense a continuación:


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...