luns, 17 de xaneiro de 2022

A memoria das árbores

 

     

Neira Cruz, X. (2000). A memoria das árbores. Kalandraka.

En relación ao formato da obra, a cuberta e contracuberta son duras, o que deixa entender que é un libro para que os nenos poidan manipular sen medo a que se estrague. Na cuberta dianteira aparece con letras grandes o título da obra escrito en cor  branca. Xusto en baixo, aparece a ilustración de Tano e o baobab cos nomes do escritor e do ilustrador arriba á dereita. Na parte de abaixo aparece o nome da editorial Kalandraka e o selo da Orquestra Sinfónica de Galicia, que colabora na creación do CD. Na contracuberta repítese o título do libro numerosas veces e en diferentes tamaños, aparece na esquina superior esquerda o selo da colección e o nome “Sondeconto”. 

As gardas dianteiras semellan unha parede de cortiza e amosan a tona e a cara do baobab. Nas gardas traseiras aparece nun fondo negro a cara do baobab e emprégase para gardar o sobre verde no que vai o CD. 

A portada semella a madeira e empregase para amosar o título da obra, os nomes do compositor, do escritor e do ilustrador; unha ilustración de Tano co baobab inda pequeno e os nomes do pianista e do narrador. 

Por último, dende un punto de vista xeral é unha novela ilustrada, na cal se conta unha única historia. Non está dividida en capítulos e as páxinas non están numeradas. O libro lese de dúas en dúas páxinas, sendo as ilustracións o principal e aparecendo o texto nos bordes. Emprégase letra grande e varíase o tamaño para transmitir emocións. 

O argumento toma como punto de partida o feito de que os pais de Tano plantaron un baobab o mesmo día no que naceu o neno. Os dous medraron mentres pasaban os anos, pero a árbore creceu ata parecer xigante. No quinto aniversario de Tano, o neno preocupouse polo seu irmán arbore é disgustase cos agasallos pobres que lle fan os seus pais ao baobab. Esa noite, cando todos dormen, a árbore chama petando na fiestra de Tano e invítao a unha festa de aniversario no seu interior. Tano sorpréndese ao ver ratiños e insectos bailando, celebrando xuntos o aniversario de Tano e da árbore. O rapaz pásao moi ben, pero cando chega a hora a árbore dille que se ten que marchar a durmir. Tano, preocupado, pregúntalle cando se poderían volverse a reunir. Ao que o baobab respóndelle que terá que agardar ao vindeiro aniversario. 

Neste libro, as ilustracións teñen como motivo principal o trato da madeira. Algunhas das imaxes están realizadas con pintura acrílica sobre táboas, dándolle así textura ás obras. Por outra banda, na metade da novela as ilustracións mudan de estilo, pasándose a fotografías editadas de figuras recreadas con madeira, teas e outros materiais. Estas últimas conseguen darlle máis movemento ás ilustracións, ao mostrarnos os personaxes con volume. 

De forma xeral, as ilustracións son en cores escuras e tenebrosas. Poderíase seguir a historia da novela simplemente polas representacións gráficas e facilitan a transmisión de emocións que pretende o texto. As cores son vivas e cálidas nas ilustracións que aparecen os pais, cando cae a noite e Tano está asustado na cama as imaxes son escuras e transmiten ese temor e, na festa, inda que o fondo das ilustracións amose o negro da noite pódese sentir a calor das cores roxas e amarelas máis festivas. 

Entre as potencialidades, a obra é moi axeitada para os nenos e nenas de primaria. O argumento dá pé a reflexionar sobre a amizade e o vínculo coa natureza, ademais de potenciar a imaxinación dos rapaces. 

Por outra banda, a escoita do CD que inclúe a obra favorece a escoita activa da lingua e crea unha atmosfera moi axeitada para que o alumnado se deixe mergullar nos soños de Tano e vivan con el a historia. 

Dende o meu punto de vista, A memoria das árbore  é un libro axeitado para calquera dos cursos de Educación primaria. Paréceme moi convinte para o alumnado de 6 a 9 anos, pero tamén para os máis maiores. Non hai que esquecer que inda que sexan os máis grandes do colexio seguen a ser nenos, deberíase fomentar que estes sigan a soñar e imaxinar como os máis cativos. 

Aínda que non atopei ningún recurso dixital gratuíto, non quería pasar por alto os contidos multimedia que veñen incorporados no libro. Este conta cunha pista principal na que se escoita a narración e a música ao mesmo tempo. Ao pasar os 15 minutos que dura esta, sucédense en pistas máis pequenas as diferentes pezas musicais creadas para a obra. 

O CD da Memoria das árbores é unha peza obrigatoria se o que se quere é desfrutar dunha forma moito máis completa do libro. A narración de Santiago Fernández é pausada e moi empática, mentres que o pianista Juan Francisco Sanz interpreta á perfección a obra de Marcial del Abadil. Tanto a música como a narración apórtanlle moitos máis matices ás ilustracións e ao propio texto, obtendo con todas as partes unha visión moito máis acertada da obra A memoria das árbores

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...