sábado, 8 de xaneiro de 2022

A monstroescola: que veñen os monstros!

 FARIÑA, Anxo (2008). A monstroescola: que veñen os monstros!. Pontevedra: A Nosa Terra, [84 pp.]. (ISBN: 978-84-8341-261-9).

                A monstroescola: que veñen os monstros está escrita e ilustrada por Anxo Fariña e considero que esta é unha obra que se debería tratar dentro das aulas de Educación Primaria porque está cheo de boas leccións (como por exemplo a axuda aos demais, o respecto e a sinceridade) e trata a igualdade como un dos contidos máis importantes do relato.  

       Este libro ten unha tapa branda e unha lonxitude de 88 páxinas. Este publicouse no formato tradicional que significa que se debe pasar páxina a páxina de forma manual.

          A historia está composta por un total de nove capítulos, os cales están narrados en terceira persoa. O narrador ao ser omnisciente total sabe tanto o que acontece en todo o momento coma os sentimentos e os pensamentos que teñen todos os personaxes en todas as ocasións. Grazas á utilización deste narrador os lectores poden identificarse moito mellor coa historia, dado que vai dando moitos máis detalles segundo van avanzando os acontecementos.

         O relato cóntanos que nunha vila chamada Quintopiñeiro queren cerrar a escolar de Educación Primaria porque soamente teñen a dous nenos matriculados. Cando os rapaces se decatan da terrible noticia redactan un correo electrónico para anunciar que buscan novos rapaces que queiran estudar alí, pero eles non o enviaron porque simplemente era unha actividade proposta para facer na aula. O que non entendían os protagonistas nin a mestra era que nos seguintes días foron chegando diferentes monstros para vivir nesa vila. Despois descobren que foi a pantasma do antigo director da escola quen mandou a mensaxe a unha páxina chamada Monstronet para conseguir novos alumnos/as. Finalmente, pasan a inspección cunha valoración favorable, xa que conseguiron ser o número mínimo de alumnos/as para que a escola continuase aberta.

          Centrándonos nas ilustracións, cabe destacar que foron realizadas polo propio autor, Anxo Fariña. Pódese apreciar que as ilustracións que teñen máis importancia sempre ocupan toda a páxina e máis en concreto a da dereita, o cal está feito intencionadamente para darlle máis importancia á imaxe que ao texto. Isto é así porque ao pasar a páxina a vista o primeiro que localiza sempre é a páxina impar do libro que son as situadas á dereita. Por outra parte, neste relato podemos observar que existen moitos debuxos pequenos polo medio de todas as páxinas, as cales serven para que os lectores sexan capaces de imaxinar mellor a historia e, sobre todo, para resaltar o máis importante de cada momento.

        Despois dunha lectura e análise profunda decateime de que este libro posúe varias potencialidades para traballar dentro dunha aula de Educación Primaria. Máis en concreto eu levaríao ás clases de 3º e 4º curso porque creo que para os cursos anteriores pode resultar un libro longo e denso, incluso poderíase traballar esta obra co alumnado de 5º e 6º curso, xa que considero que trata temáticas moi importantes e necesarias, as cales nos permite realizar unha lectura máis profunda con nenos/as de máis idade, como por exemplo os diferentes estados de ánimo polos que van pasando todos os personaxes.. Primeiramente, esta lectura sérvenos para explicar que é un correo electrónico e como é o seu formato, xa que falan del e incluso poñen unha ilustración do correo electrónico que escribiron os protagonistas na súa clase. Tamén se podería traballar palabras novas procedentes doutras linguas (préstamos lingüísticos) como por exemplo “ jet-lag” que significa trastorno temporal do sono. Outro aspecto concreto para explicar na aula serían todas as características das pantasmas, xa que as explica dun xeito moi detallado, e tamén nos permitiría ligalo coa posta en práctica das descrición, tanto de maneira oral como escrita. Ademais, pódese realizar unha reflexión sobre que é a cooperación, dado que no relato explica que buscaron solucións aos seus problemas grazas ao traballo en equipo de todos eles/as. Finalmente, e ligado coa última potencialidade citada, estaría a loita pola inclusión, xa que segundo vai avanzando a historia narrada vaise explicando que todos debemos aceptarnos como somos, sen importar quen somos, de onde somos, como somos... Así que esta sería unha das temática que máis me chaman a atención para levar esta obra a miña futura aula, posto que se os protagonistas puideron aceptar aos monstros como compañeiros/as, os meus/miñas alumnos/as tamén teñen que ser conscientes de que todos/as podemos aceptarnos como somos.

           Finalmente, centrándome nos recursos en liña teño que destacar que hai moi poucos. En primeiro lugar atopei unha entrada nun blog da Biblioteca do CEIP San Martiño, a cal está feita por alumnos e alumnas do 4º curso de Educación Primaria: https://salcedoteca.blogspot.com/2010/03/visita-de-anxo-farina-hoxe-11-de-marzo.html?m=0. Por outra parte, atopei outro blog, pero neste caso en concreto trátase do blog do propio Anxo Fariña que foi creado no ano 2007 e a súa ligazón é a seguinte: http://introterrestres.blogspot.com/2008/11/monstroescola_03.html. Neste podemos ver como comunica a publicación deste novo libro e como amosa o póster do libro. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...