1. Elección da obra literaria para Educación Primaria.
O día que choveu do revés.
2.Ficha bibliográfica:
Canosa Blanco, María & Padrón, Daniel (2016). O día que choveu do revés. Vigo: Xerais.
3. O formato da obra.
Trátase dun conto ilustrado cuxa cuberta amosa a un neno sentado no alto dunha torre de igrexa cun encrespado ceo de fondo.
4. Resumo do argumento.
Un día, fartas de tanto sol, as nubes decidiron botar unha tromba de auga sobre a vila de Portoseco. Foi tal a cantidade de auga que as causantes pedíronlle ao sol que lles botase unha man para mitigar a desfeita. Non obstante, era imposible facer fronte a esa inundación.
Un neno da aldea decidiu enviar unha mensaxe ao mar para que levase toda esa auga. ¿Que podía saír mal? Que todo estaba empapado e era imposible escribir. Foi entón cando lle pediu axuda ás nubes. Estas valeiraron en Portoseco unha chea de cadernos, bolígrafos... Así, o protagonista conseguiu enviar a súa mensaxe. Tras un tempo, conseguiron saír adiante e cos cadernos que chegaran do ceo, agora cheos de historias que eles mesmos escribiran, acordaron crear unha biblioteca municipal.
5. Descrición das ilustracións.
As ilustracións deste conto, autoría de Dani Padrón, destacan polas súas cores vivas e o seu carácter animado, sendo debuxos que fuxen do realismo para achegarse ao estilo máis infantil. En cada páxina, o traballo do ilustrador toma un papel fundamental, aparecendo en toda a páxina e en especial na cara dereita (a que primeiro vemos ao cambiar de folla). De feito, pese a que o texto nos conta a historia, son as ilustracións as que cobran maior protagonismo nunha primeira ollada ao libro.
6. Potencialidades da lectura desa obra para nenas/os de 6 a 12 anos.
O día que choveu do revés conforma unha lectura sinxela, moi visual e idónea para nenos e nenas dos primeiros dous ou tres cursos de Educación Primaria. A temática é entendible, o vocabulario é acorde para o alumnado desas idades e a presenza de debuxos e escaso texto por folla fai deste libro unha opción apropiada e doada. Respecto a conceptos transversais, poderíase amosar como as nosas accións teñen repercusións sobre terceiras persoas, aspecto que as veces pasamos por alto. Neste caso, as nubes enfádanse co sol e deciden baleirar auga sobre unha vila, prexudicando a persoas que nada teñen que ver coa súa problemática particular.
Juan José Díaz Nieves.
Ningún comentario:
Publicar un comentario