sábado, 8 de xaneiro de 2022

LOBOFEROZ




 PATACRÚA e GÓMEZ, Chené (2006). Loboferoz. Pontevedra: OQO Editora.

Loboferoz é un álbum ilustrado impreso en papel, con tapas duras e composto por 36 páxinas, elaborado a través dun conto popular ruso. Na parte superior da cuberta figura o título da obra, nome do autor, nome do ilustrador e nome da editorial, mentres que na parte inferior apréciase unha ilustración dun lobo coas boca medio aberta. Todo isto sobre un fondo marrón. 

Na contracuberta aparece de novo o logotipo da editorial, o código ISBN e dous paxariños pequenos sobre o que semellan pólas dunha árbore. Nas gardas figuan unhas ilustracións xeométricas do que semellan árbores. A portada volve ter un fondo marrón, onde figura o nome do autor e ilustrador, a editorial e unha ilustración pequena dun lobo. Tamén conta coa súa respectiva páxina de título de créditos con toda a información pertencente ao libro.

En canto ao argumento, a historia está narrada en 3ª persoa omnisciente. Loboferoz, canso de comer papas e arroz, mirouse no espello e deuse conta de que non metía medo ningún. Saíu entón para asustar os animais que ía atopando. Pero nin a cabra, nin o burro, nin a ovella, nin a vaca, nin o porco, nin os cans da vila se amedrentaron ao ver a Loboferoz, senón que se rían del. Así que o lobiño decidiu volver á súa casa para sempre e comer papas e arroz.

En canto ás ilustracións, son a dobre páxina e ofrecen algunha pista sobre o contido. O fondo sobre o que se atopan é sempre de cor marrón e os animais que van aparecendo non varían a paleta de cores, o ilustrador emprega sempre tons marróns, brancos ou negros. Os personaxes están representados con diferentes tamaños e formas, pero sempre a través de figuras xeométricas, o cal recorda o movemento artístico da abstracción. Desta maneira, Chené crea un ambiente minimalista para definir o carácter dos personaxes. 

O texto aparece en cor negra e nas dúas páxinas, alternando a súa colocación, ás veces na parte inferior e outras na superior. Cabe destacar que, para que os nenos/as as relacionen con máis facilidade, as intervencións de Loboferoz aparecen sempre en letra cursiva. O vocabulario empregado é sinxelo e fácil, xoga coa sonoridade e a rima a través de estruturas repetitivas e abundantes diálogos, o que facilita a memorización nos nenos e nenas

As posibilidades formativas que nos ofrece esta obra para un alumnado de primaria son variadas. Por unha parte, permítenos traballar os estereotipos que se crean, neste caso, dos animais nos contos tradicionais. Deste xeito, rómpese coa idea tradicional de que o lobo é sempre o malo, o que comía os outros animais e incluso os cativos (carapuchiña, por exemplo); nesta historia é un lobo que come papas e arroz. Por iso, a través desta obra podemos traballar os valores que os nenos e nenas teñen a raíz das historias tradicionais e a súa influencia na súa forma de pensar (relacionar sempre o lobo co malo). 

Por outro lado, traballamos un amplo abano de sentimentos e emocións como son o medo, a coraxe e a astucia, entre outras; xa que resulta paradóxico que son finalmente os animais domésticos os que conseguen amedrentar ao lobo, un animal temido e salvaxe.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...