Patacrúa (2006). A princesa do Caurel, ilust. Javier Solchaga. Pontevedra: Oqo Editora, colección O (ISBN: 978-84-96573-52-9)
1. Descrición do formato: conto acumulativo clásico composto por 36 páxinas impresas en papel lixeiramente satinado e tapas de cartón duro, as cales lle aportan unha maior resistencia ao libro. A forma é cadrada con esquinas rematadas en punta. Na cuberta aparece a protagonista acompañada dun gato negro, situados na parte esquerda. Na esquina superior dereita atopamos o nome da autora do texto e do ilutrador. Por outra banda, na esquina inferior dereita sitúase o nome da editora. En canto á contracuberta, presenta de xeito centrado a ilustración dun sombreiro azul que se relaciona co personaxe do Pau na historia. Na parte inferior esquerda atópase de novo o nome da editorial, pero esta vez ao carón do nome da colección e do código de barras correspondente. Podemos dicir entón, que as cubertas amósanos á Princesa do Caurel, así como elementos que atoparemos no interior do conto e que, sen dúbida, xogarán un papel importante.
En relación ás gardas, son de cor verde e semellan estar pintadas a óleo cun pincel, xa que se poden apreciar as súas pegadas. Ademais, emprégase unha cor máis escura (marrón ou negro) para dar profundidade de xeito sutil.
A páxina de título de créditos é unha folla branca e, no centro, dásenos a coñecer información sobre a colección do conto, editora, autora do texto, ilustrador, edición, deseño, impresión, ISBN...etc.
Por último, a portada sorpréndenos cunha ilustración dun colorido castelo. Podemos interpretar que é onde reside a Princesa do Caurel. Enriba da ilustración está o título da obra en letras maiúsculas e negras, pintadas a man. Rodeando ao título atópase o nome da autora do texto e do ilustrador. Recóllese ademais un dato destacable: o texto inspírase nun conto tradicional europeo.
2. Argumento: preséntase á personaxe protagonista (Princesa do Caurel) e a un obxecto perdido (anel) que fará de fío condutor da historia a través do engadido sistemático dunha chea de elementos e animais (pano, pega, pau, lume, auga…) a través da pregunta «E isto que é?» . Deste xeito, a personaxe inicial desta sucesión pasa a ser nomeada de forma indirecta ao longo de toda a narración, ata que o anel desencadeante do conto aparece de novo e pecha así o ciclo restablecendo a orde do principio da historia: «Este é o pastor que atopou o anel e gañou un bico da Princesa do Caurel».
Todo isto lévase a cabo a través dun narrador en 3ª persoa dende unha modalidade acumulativa cunha estrutura de pregunta-resposta que supón a constante repetición dos sucesos e que facilita a súa memorización.
3. Ilustracións: a lectura visual é indispensable para a comprensión do texto. As ilustracións son de carácter tridimensional e dispóñense en diversas posicións debido a que se atopan ao carón do texto, o cal vai cambiando de lugar en cada páxina. Os elementos presentados ocupan sempre a folla esquerda baixo un fondo branco e os que tentamos adiviñar están na páxina dereita cun fondo gris escuro. As ilustracións son fotografías tomadas de personaxes feitos de xeito artesanal empregando a madeira e algúns materiais de refugallo (botellas, pedras, arame…) que lle aportan ao conto unha ampla gama de cores. Resulta sorprendente tamén, a presenza de obxectos e personaxes (anel, pano, pau…) fotografados dende un ángulo imposible, para que o lector tente adiviñar cal será o protagonista da seguinte acción.
Cando o texto remata, as ilustracións continúan e apórtannos máis información acerca da historia: a Princesa do Caurel lendo o seu propio conto acompañada da pega, que é o primeiro animal que se presenta na obra.
Por último, resaltar o contraste de letra negra baixo un fondo branco e gris, facendo uso das maiúsculas para resaltar o elemento a presentar en cuestión.
4. Posibilidades formativas: trátase dun conto recomendado para nenos e nenas de entre 3 e 7 anos co cal podemos traballar aspectos como os seguintes:
-Agudizar a capacidade visual.
-Memorización do texto a través da participación activa do alumnado.
-Exercitar a concentración e alfabetización.
-Aprender a establecer conexións, e a partir de aí, a xeneralizar e mesmo a facer predicións.
-Aportarlle musicalidade e ritmo á obra.
5. Recursos en liña: para traballar a obra co alumnado dende unha perspectiva audiovisual podemos optar por reproducir secuencias como a seguinte, na que se dinamiza aos personaxes e se lle dá vida ao conto. Deste xeito, pode que os máis cativos amosen maior interese e atención.
https://www.youtube.com/watch?v=sca_rEOrfw0
6. Aspectos destacables: obra seleccionada para a mención WHITE RAVEN (Internationale Jugend Bibliotek de Munich) entre os álbums máis fermosos do mundo 2007.
Laura Carelli Cortizo, 3º Educación Primaria Uvigo
Ningún comentario:
Publicar un comentario